off
Cedeira, Política local, Traballo — 7 Febreiro, 2013 at 8:55 p.m.

O BNG exixiu ao goberno municipal non desentenderse da crise

by

Perante o escenario político e social de crise o BNG impeliu ao PP a dialogar coa sociedade civil, empresas e forzas políticas para atopar medidas de choque contra o desemprego local. Critica o desleixo do PP e ábrese a un pacto local contra a precariede laboral de moitas familias. O Psoe presenta como urxente unha proposta de arranxo da  depuradora  porque non  funciona con pluviosidade moderada. Após 20 meses, a concelleira Emilia Durán puido acceder ao seu escano no salón de plenos de Cedeira.


O grupo municipal do BNG recuperou a iniciativa no Pleno Muncipal celebrado o dia 6 ás 12 do mediodía – nun súpeto cambio de horario que provocou a incomparecencia de varios representantes- ao  presentar unha batería de preguntas centrada na perda de emprego en Cedeira que  xa acada, segundo os últimos dados de poboación activa, a arrepiante cifra de 601 persoas.

Segundo vai informar a portavoz do Bloque “cómpre unha diagnose correcta e seria da realidade onde  a opinión da cidadanía sexa considerada, un plan de actuación conxunto a prol da recuperación económica e cultural xa que é inaceptabel a falta de diálogo político actual”.

María Xosé Rodriguez  explicou que malia termos un enorme potencial síguese a  infravalorar as consecuencias da crise. A política da austeridade como única estratexia dos poderes públicos impide que os nosos sectores productivos fundamentais se poidan defender e aproveiten as oportunidades que se presenten para ser clave no desenvolvemento económico futuro. A representante nacionalista recordou que a dada a dramática situación que nos está a levar a absoluto debalo da producción, os altos niveis de desemprego e emigración na comarca de Ferrolterra/Ortegal  (máis 10.000 emigraron na última década) o que hai que facer son actuacións de emerxencia  e de pacto coa cidadanía, co  grupo de goberno e coa oposición, e  tódolos axentes políticos,sociais e culturais para pactar actuacións mínimas que nos axuden na recuperación e promoción económica local e que se preocupe da sustentabilidade medio ambiental patrimonial e cultural, que xere ocupación e cohesión social nas terras de Cedeira que agora padecen a decadencia, afectadas pola virose da burbulla inmobiliaria e o descrédito político. Así en  máis de dúas décadas de goberno autonómico e municipal non foron quen de desenvolver diagnose e resposta algunha, senón que se están a converter en parte do problema ao desbaldar o potencial humano da sociedade e o capital social e económico recebido. Exponse na interpelación presentada por Rodriguez que  a situación que están a pasar as 30 familias sen ningunha prestación social é un chamado ao entendimento entre as forzas políticas nun momento no que se están a padecer os efectos das políticas de austeridade.

Perante a prosposta de achegamento colaborativo fronte os efectos da crise na nosa poboación máis vulnerabel, non por óbvia nen por estar na boca de todos, o máis sorprendente da sesión plenaria do mércores dia 6 vai ser a calada por resposta de todo o grupo de goberno. Agás Luis Rubido que conseguiu formular un críptico “Estamos a articular un instrumento”. A concelleira do BNG declarou a esta revista que non vai ser por falta de tempo nen por dispor de administracións afíns que  o grupo popular aínda non se decatou que precisamente o que non hai é tempo. “As administracións teñen pouca capacidade normativa, portanto precisan accións urxentes  para unha situación de urxencia, e para iso hai que contar con todos dende o ámbito das súas responsabilidades. Exiximos dos outros grupos poñernos todos man á obra e aportar iniciativas para darlle algún tipo de saídas a esta xente (banco de alimentos, cursiños varios remunerados, ámbitos de ocupación non explorados…)”.  Segundo coincidiu toda a oposición, todo indica que  asuntos sociais non gasta nin executa o orzamento, o que é especialmente grave neste momento.

“Se o que queren é articular, que articulen un “instrumento participativo” que lles permita ás familias en situación crítica, ás mulleres  e outros colectivos especialmente vulnerábeis, como os menores de 25 anos en situación de desemprego, seren escoitados antes da toma de decisións políticas nas que se priorizan determinadas partidas en detrimento de outras.”

Por que en Cedeira non se fan cursos de preparación ao parto?

Cal é razón de que as mulleres embarazadas empadroadas en Cedeira non teñan os cursos de preparación ao parto na súa propia vila e teñan que desprazarse a Cariño ou Ortigueira que si se preocupan destas atencións? A resposta á segunda interpelación no pleno de onte  non debería ser un problema se quen goberna  albiscara o fomento da natalidade e da conciliación familiar como un eixo fundamental das políticas sociais e de emprego que axuden ás familias no canto de gravar e dificultar aínda máis a decisión de ter fillos. Ao goberno popular de Cedeira “non lle consta”. Non sabemos se non lle consta que hai preñadas ou non lle consta que non se fan cursos de preparación ao parto. Unha cousa está clara, non lles consta.

En plena críse amortízase unha praza de auxiliar de axuda  no fogar

A concelleira nacionalista explicou a Olláparo que se os vindeiros anos Galiza terá que contrarestar a diminución de fondos europeos de cohesión e denvolvimento territorial ( unha redución reducció de d 1.000 milions para o estado español, Galiza terá que repartir 624 millóns con Castela,Andalucía e Múrcia) o goberno municipal do PP deberá explicar porque está a amortizar prazas nun intre de precariación laboral e coñecendo o alto grau de fraxilidade dunha poboación envellecida. Velaí a extinción da praza de auxiliar de axuda no fogar a xornada completa perdendose así  horas de servizo cando se puido  aumentar o tempo das dúas das cinco auxiliares que están a media xornada. Costa de entender -acrescentou- que se esté a minar a própria existencia dos servizos sociais municipais que atinxen o conxunto de accións que através da intervención de persoal preparado deberían servir coma dispositivo de alerta e prevención non só da marxinación social, económica e cultura (o BNG tamén preguntou para cando unha  recepción da emigración axeitada á nosa realidade cultural,, social e idiomática  que permita una incorporación sociolaboral, dende o coñecemento e en condicións de igualdade, aos recén chegados) senón tamén para promover a prestación de apoio persoal, de información, de atención e de axuda a todos os cidadáns e colectivos especialmente aquelas persoas ou aquelas familias que por razón das dificultades económicas ou por falta de autonomía persoal, social, física ou sensorial son merecedoras do esforzo colectivo e solidario. “É inaudito que o Concello de Cedeira renuncie a xerar traballo”. Pérdense horas de axuda familiar e pérdense axentes de policia.  Recordou que é preocupante co grupo de goberno limite o  esforzo económico na mesma direción, no capítulo dos traballadores e en detrimento das prestacións sociais, vai recriminar MªXosé Rodríguez.

As condicións dos traballadores de Celta Prix no Concello

Se os pagamentos están ao día, que é o que pasa coa reposición da  roupa de traballo en Celta Prix? Como xa informou Olláparo,  o concelleiro e coñecido promotor inmobiliario Alfredo Vilela teimou na mesma resposta:   só lles chegou a queixa dun traballador. Ao público asistente non lle debeu parecer convincente a resposta porque o Alcalde  Leopoldo Rubido ameazounos con botalos fóra se non calaban. Ao parecer a metodoloxía de  xestión e  seguimento das externalizacións fanse segundo lles chegan as queixas e non según  cumprimento de contrato.

Recuperar o “Seguro Colectivo de Accidentes no Mar” e o “Seguro do mal tempo”

A petición do BNG  Pleno da Corporación municipal aprovou a adopción dun acordo no que se inste á  Xunta de Galiza a derogar o Decreto 130/2012, do 31 de maio, para estabelecer, daquela, o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo que realicen unidades do Servizo de Gardacostas de Galiza( osector pesqueiro galego é o que padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español tal e como puxo en evidencia a morte de Mercedes Veiga Mosteiro, percebeira de Oia que perdía a súa vida o pasado 12 de decembro de 2012, mentres desenvolvía o seu traballo, puña en evidencia o retraso na actuación do helicóptero “Pesca I),rescatar a venda dos helicópteros de salvamento marítimo “Pesca I” e “Pesca II”, devolvéndoos á súa tutularidade pública galega, e garantindo o cumprimento dos tempos de resposta estabelecidos (máximo de dez minutos) as 24 horas dos 365 días do ano, a través do sistema de gardas presenciais na base, coas tripulacioóns precisas para o cumprimento deste cometido legal,  recuperar o “Seguro Colectivo de Accidentes no Mar” e o “Seguro do mal tempo” e garantir o envío dun buque de apoio loxístico e asistencia sanitaria á frota pesqueira que se desprazará á vindeira campaña do bonito do 2013.

Un desafío para Rubido

Leopoldo Rubido é victima da síndrome da Alcaldía, é dicir, un proceso acusado de desconexión da cidadanía que padeceron algúns dos seus predecesores e opositores, ben poucos e pouco tempo, hai que dicilo. Mais o desafío e a exixencia actual é facer política. O pleno serviu para visibilizar o desleixo e desencontro do grupo de goberno do Partido Popular. Asín, cando houberon de votar unha moción  nen o Alcalde Leopoldo Rubido nen Luis Rubido (2º Tenente de Alcalde Concelleiro-Delegado do Desenvolvemiento Local, Facenda, Turismo, Cultura e Urbanismo)  foron quen de se poñer de acordo tendo que repetir a votación porque os despistados concelleiros e concelleiras do  PP non sabían que si votar o que dicía o Alcalde ou o 2ºTenente . Seria desexabel  unha maior preparación dos plenos para non tirar do manuseado  “non nos consta”   ou do “témolo presente” xa que as preguntas coñécenas préviamente. É unha grande falta de respeto á cidadanía non amosar máis interese e rigor.  Para o público asistente a sensación que queda é que quenes nos gobernan non saben ben como é que se regulan as quendas e procedimentos do plenario, adicándose a respostar a calquera interpelación ou moción política cun  disolvente e distanciador  “témolo presente” que non sirve para que a cidadanía saiba  cal é a política do goberno do PP perante a grave situación social e económica que padecemos. A onde nos levan? Pensan sair ao paso da desfeita social e económica “cunha cuadrilla” que é o xeito como disque pretenden solucionar erosión da praia da Magdalena?

Os orzamentos non permiten albiscar ningunha folla de ruta de “proxecto de vila”  e á vista da resposta dada o goberno local de Cedeira parece padecer unha preocupante parálise. Se fronte a quen ofrece colaboración – ninguén nega a dificultade de enfrontar as secuelas da crise- dán a calada por resposta deducimos que non teñen proxecto nen xustifican ningunha das súas decisións.

O que este pobo precisa é menos frivolidade e máis responsabilidade. Hai que recordarlles que están a gobernar? Que unha administración local non dispoña de recursos legais e económicos para atallar as bases dos mecanismos que nos trouxeron até aquí non signifca que non poida tecer acordos coa oposición e coa sociedade civil para paliar dun xeito solidario as consecuencias máis directas da precarización nun proceso leal, rigoroso e responsabel do debate. A cidadanía está profundamente cansa das excusas. Vimos de onde vimos, dunha escasa tradición democrática, dun país empobrecido, mais uns teñen máis responsabilidade ca outros. Haillo que lembrar: están a gobernar. En 35 anos houbo tempo de sobras para poñer as bases dun outro desenvolvimento.  É doado sentirse decepcionado cando sentimos esa caste de pseudorespostas  cando se está a falar de xustiza social. Mália  non termos responsabilidade directa, cando sentimos determinadas cousas cainos derriba unha lousa de  país subdesenvolvido que pensamos ter superado, ainda que, como se fose puro retorno, volve aparecer.

 

One Comment

  1. Despois de asistir ao pleno de hoxe 6 de febreiro eu tiña a impresión de viver en tempos pretéritos. Erratas nas cifras e discrepancias no grupo do governo( voltou a repetirse unha votación cousa que non e legal).
    A miña sorpresa e que temas candentes no concello coma a falta de area da praia e o centro de saude para eles non eran tal.
    O que mais me amolou e que o Señor Alfredo Vilela Santalla tivera a desfachatez de dicir que falou cos traballadores da limpeza.
    Pois conmigo non o fixo.
    Lembrome das miñas vacacions en Colunga( Asturias) na chamada Costa dos dinosaurios.
    Ali visitei o museo que hai adicado a estes reptis . Pois ben no pleno eu establecia un símil entre estes fósiles desaparecidos e alguns concelleiros do equipo de governo pola sua torpeza
    e pouca educación cara aos traballadores.
    Nese museo eu gorentei de admirar semellantes animais, mais aquí neste pleno non.
    Sentin tristura e noxo ao mesmo tempo. Os tempos cambian e con eles deben mudar as políticas, pero en Cedeira seica ainda seguimos na era triásica.

Deixa unha resposta a ManuelCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off