off
Cedeira — 29 Xaneiro, 2013 at 11:05 a.m.

O espesor, paspán, é o espesor!

by

A progresiva aclimatación do goberno do PP de Cedeira á alternancia política xa é un feito. Durante trinta anos os conservadores nunca tiveron a quen facer responsabel da xestión anterior porque era a súa.  Sempre sozinhos,  sen ter a quen lle colocar un affaire ou unha desfeita.  Hai que entendelos… foron moitos anos de non ter con quen partillar cuitas e afagos. Ao longo de dúas décadas, a democracia leopoldiana semellouse máis a unha terapia psicoanalítica no diván cá unha governanza desas que disque hai nas sociedades abertas.  Madía leva !Mais a cousa ten a súa dificultade.  E senón, a quen ían facer responsabel da ubicación do edificio do Concello en plena vila vella,  da desfeita da Praza da Rectoral con mercado soterrado nunca utilizado, do espectral parque empresarial da Xunqueira (que só sirveu para estragar as Aceas), do infeliz paseo marítimo ou do vertedoiro da Candieira? E tampouco se trataba de facer responsabel ao pobre do diván, que ainda que xeralmente van sen brazos nin respaldo – os diváns, queremos dicir-  sempre van adornados con coxíns!

Que haxa alternancia é unha benzón imprevista. Sonche cousas de calidade democrática, e estanlle a coller gusto…  Seica o pavimento da vila vella non resiste a “grande circulación de veículos” porque o espesor do cemento non é o máis axeitado xa que o anterior goberno PSOE-BNG priorizou a estética en detrimento da funcionalidade ( tirado do Diario de Ferrol). No 2009, xa en plena crise, vai ser a administración do estado a que investiu nesta rehabilitación  1.125.426,77 euros no marco do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), incluido no Plan E coa fin de crear ocupación.

Ainda que non lle vemos consistencia ao argumento – dende a Bauhaus sabemos que a estética non se contrapón  a funcionalidade, ainda que ese sexa o aspecto máis salientabel- e tendo en conta que se trata do pavimento do casco histórico de Cedeira, a estética é un elo que cómpre termos moi en conta.  Tratándose do pavimento dunha via de acceso histórica, a funcionalidade debería servir para que as rúas cumpran o seu fin sen deturpar  trazado e arquitectura: o acceso rodado  e  a pé ás vivendas e aos servizos públicos alí ubicados, entre os que destaca, o propio Concello de Cedeira.   A Bauhaus dáballe   grande importancia á funcionalidade, mais tamén procuraba productos económicos, sen permitir que iso influira na calidade. Por tanto, podemos ter accesos estéticos e  funcionais. Outra cousa é que estén ben ou mal executados ou que as urxencias e a falta de previsión – por exemplo, unha insuficiente explicación aos veciños das molestias que poden causar as obras  ou que se teña priorizado o curtopracismo electoralista  – poden levar  a situacións paradoxais ou contraproducentes.

Porén, hai unha manchea de exemplos aos que poderíamos aplicar a mesma contundencia siloxística. Ao cabo, o edificio do Concello está ubicado na vila vella porque así o quixo o goberno do PP e Leopoldo Rubido – pensaron daquela na funcionalidade, é dicir, nos accesos en veículo? A fermosa Biblioteca de Cedeira non é accesibel para persoas con problemas de mobilidade, pensaron daquela nesa funcionalidade elemental? O edificio do Auditorio proxectouse en altura sen reparar que ao facelo condeaba ás arcas municipais ao mantenimento permanente de acensores e dunha bomba de achique para que non asulague o baixo, pensaron daquela na sustentabilidade? Cando orzamentaron e executaron o mercado soterrado na Praza da Rectoral, pensaron daquela se esa ubicación servía ao obxectivo, é dicir, que debería ter bos accesos para carga e descarga e acoller en condicións de salubridade a productores e vendedores?  En calquera caso,  se o goberno local anunciou que quere redefinir o modelo de circulación facilitando a accesibilidade (por certo, alguén reparou na funcionalidade das beirrarúas cedeiresas?),  de paso ben podería reducir a circulación rodada pola vila vella. Tenlles conta?

Para saber máis:

De reis,peóns e sumidoiros

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off