off
Política local — 25 Xaneiro, 2013 at 15:40

Para os que viven en Cedeira

por

Lendo o BOP, número 16  do 23  de xaneiro, onde se da conta do proceso de comunicación pública do  Pleno da Corporación, que en sesión celebrada o día 19 de decembro de 2012 aprobou o orzamento para 2013, pódense tirar dúas conclusións: ou ben se  informa pouco e mal por imperativo legal, ou para que se vai facer millor se xa sabemos que é un proceso levado a termo normalmente polos partidos políticos con representación municipal.

Sempre pensei que este proceso opaco debería abrirse ao conxunto da cidadanía e o tecido social asociativo, cousa moi desexabel sería que houbera reunións  do equipo de goberno e os grupos municipais  nas que tamén participaran  entidades e colectivos. Dubido moito que exista vontade de abrir un proceso de negociación cando se goberna con maioría absoluta, cando nunca se fixo e cando tamén non se albiscan maneiras na oposición.

Acontece que ao  momento económico e social que estamos a viver na vila e na Galiza, acáelle moi ben un orzamento participativo. Evidentemente, un punto de inflexión baseado no debate participativo da sociedade civil que priorice uns orzamentos alicerzados no ámbito social, ambiental e de creación de actividade laboral por riba do protocolo, os gastos asociados aos partidos e os cargos de confianza ou os convenios co sector privado só se poderían albiscar nun traballo activo de dinamización social por parte dos grupos de esquerda.

A situación económica actual é de emerxencia social e compriría fixar prioridades moi nídias pois pasaron os anos de fartura subsidiada por Europa.

Exixir que se encete un proceso participativo para que cidadanía poida achegarse á política e se atendan  millor as necesidades colectivas debería pasar polo entendimento constructivo entre as forzas de esquerdas e os colectivos sociais para atopar alternativas ao modelo económico e de xestión esgotados pola clase política hexemónica. Para cando ?

1 Comentario

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: