Ana Miranda, eurodeputada nacionalista, membro titular da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, proporá que unha delegación dos colectivos pesqueiros e ecoloxistas acudan a Eurocámara para explicar directamente os feitos e as consecuencias da cría intensiva de salmón na Ría de Muros-Noia. Segundo vén de afirmar a eurodeputada do BNG, as dúas gaiolas experimentais de cría de alevíns de salmón na Ría de Muros-Noia rexistraron unha mortaldade do 82% fronte ao 6% estimado como razoable, segundo os datos da propia empresa, non se cumpre o principio da PPC que defende unha explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura.
Logo dun encontro coas asociacións ecoloxistas e do sector pesqueiro que se opoñen a este proxecto dende a sustentabilidade da pesca e marisqueo artesanais -Asoar-Armega, Adega, Verdegaia, Greenpeace, Oceana, Salva a Selva, Salvemos Montefero e Ecoloxistas en acción-, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, considera necesario que o Executivo da UE se pronuncie sobre se un proxecto destas características cumpre a normativa comunitaria e os principios que rexen a Política Pesqueira Común (PPC). Perante esta evidencia o BNG ven de trasladar á Comisión Europea a problemática instalación de gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia.
Cómpre termos en conta que a Ría de Muros-Noia alberga catro polígonos de bateas de produción de mexillón e dunha importante frota adicada a pesca artesanal e ao marisqueo tradicional.