off
Cedeira, Saúde — 13 Xaneiro, 2013 at 3:04 p.m.

Ano novo, saúde vella

by

Seica os orzamentos “reais” da Xunta para 2013 non recollen partida nengunha para o novo centro de saúde  de  Cedeira. Fica en evidencia que o Goberno do  PP  ten problemas para substanciar  un proxecto para o que o Goberno” amigo” do PP español asinou 2,5 millóns de euros en xuño baixo un  convenio de  Desenvolvimento Rural que reparte  os costos de contrucción en  partes iguais entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e  Medio Ambiente e  Xunta de Galicia. Nun contexto de contrarreforma sanitaria, de privatizacións,  recortes en servizos e  personal sanitario, o Goberno local do PP cedeirés debería explicar a que se debe esa falla de coordinación entre as tres administracións afíns ou se cala porque ésta partida ausente resposta ao mesmo pulo privatizador do seu partido, que crea expectativas de servizo públicos mentras os vai privatizando. Iso, ou silandeira certeza que acobilla o decálogo neoliberal de Feixoó, que para levantaren infraestructuras sanitarias públicas en pouco tempo non hai como encomendarse ao finanzamento privado que até o de agora, ao parecer, non conseguiu.

Porén, o seu homólogo do Psoe local, debería explicarnos se fai seu o modelo sanitario   implantado  nos últimos anos na comarca de Ferrolterra baseado na construcción de grandes infraestructuras hospitalarias (Arquitecto Marcide e Hospital Naval)  tan pouco sustentabeis  –  tantos recursos consumen- que condicionan a posibilidade de desenvolver un modelo comunitario integral adaptado ás necesidades da poboación no territorio. Nen PP nen Pson son quen de falaren da sanidade para alén da verbosidade resesa e baleira de contido  (” fermoso proxecto” (sic).

 Certo é que non pode haber servizos especializados en cada centro de saúde, mais cómpre termos presente que a simple reivindicación dun proxecto arquitectónico non se sustenta sen máis para acoller servizos de rehabilitación e fisioterapia. Se queremos incidir na saúde comunitaria hai que apostar máis ben por darlle continuidade aos servizos e instalacións  existentes dende a provisión de personal sanitario especializado e non dende a populista reclamación de proxectos arquitectónicos gravosos e baleiros . Nada impide que determinadas instalacións comunitarias  (Casa do Mar, edificio do Auditorio) pasen a ser sanitarias e asistenciais. E sobretodo, apostar pola coordinación entre centros sanitarios menores e consultas especializadas que dén servizo ás persoas no territorio e optimicen o millor de cada sistema.

Certo é que non pode haber servizos especializados en cada centro de saúde, mais cómpre termos presente que a simple reivindicación dun proxecto arquitectónico non se sustenta sen máis para acoller servizos de rehabilitación e fisioterapia.

Entanto Vergara (Psoe) percibe desleixo na falta de orzamentación dun proxecto que impulsou durante o seu mandato, nen PP nen Psoe aclaran porque teiman en alicerzar o seu discurso na construcción de novas infraestructuras e non tanto na idea de programa comunitario, de servizo e de prestación sanitaria pública.

Ao noso ver aumentar en equipamentos non asegura a prestación – Galiza está chea de edificios infrautilizados e sen servizo nen personal nengún entanto os nosos profesionais cualificados emigran.

O Psoe local, debería explicarnos se fai seu o modelo sanitario do PP baseado na construcción de grandes infraestructuras hospitalarias (Arquitecto Marcide e Hospital Naval)  tan pouco sustentabeis, que condicionan a posibilidade de desenvolver un modelo comunitario integral e que tan ben se acaen ao modelo privatizador

Con certeza, a poboación cedeiresa precisa dun servizo de fisioterapia e rehabilitación por mor das condicións de traballo e do envellecimento, mais iso non implica necesariamente a construción de máis edificios senón apostar pola dotación axeitada de profesionais cualificados que poidan utilizar as instalacións existentes co equipamento axeitado, e non só as do centro de saúde, para achegar a atención aos usuarios alí onde o precisen e evitar así o desbalde en transporte e tempo e a masificación das grandes infraestructuras hospitalarias.  O mesmo podería ser aplicabel a áreas como a saúde mental, a saúde bucal ou a saúde xinecolóxica e reproductiva. Programas comunitarios de apoio a atención primaria en todas estas áreas teñen demostrado a súa eficacia e eficiencia sen que PP e Psoe fagan a mínima referencia.

 

Para saber máis:

Orzamentos 2013

Onde é que poñemos o centro de saúde? Aquí !

O Ministerio de Agricultura e a saúde

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off