off
Política local — 29 Novembro, 2012 at 4:24 p.m.

Moción do BNG de Cedeira sobre a posta en marcha dun parque comarcal de bombeiros

by

Con data 29 de Agosto de 2006, asinábase un “protocolo de intencións” entre o Conselleiro da Presidencia da Xunta, o Presidente da Deputación de A Coruña e os concellos de Ferrol, Narón, Fene, Valdoviño, Neda, Ares, Moeche e dirixido, segundo reza no seu encabezamento, á comarcalización do parque municipal de bombeiros de Ferrol.
Este protocolo – que viña precedido doutras iniciativas semellantes – tentaba fixar as liñas de actuación no camiño de converter o Parque Municipal de Bombeiros de Ferrol nun servizo de carácter comarcal para o conxunto dos concellos limítrofes; resolvendo a situación de inseguridade na que se atopaban ata o momento. Para iso, definíanse tres liñas de acción:

  • Construción das intalacións dun novo parque de bombeiros.
  • Dotación de novos veículos e equipamento para o parque de Ferrol.
  • Ampliación do cadro de persoal do parque de Ferrol.

Ao mesmo, fixábanse as porcentaxes de participación nos custos que suporían estas actuacións, a saber:

a)proxecto de obras das novas instalacións e dotación de equipamento

  • Xunta de Galiza: 40%
  • Deputación de A Coruña: 40%
  • Concello de Ferrol: 20%

b) complemento salarial pola ampliación pola ampliación da área de intervención

  • Xunta de Galiza: 40%
  • Deputación de A Coruña: 40%
  • Concello de Narónl: 20%

c) mantemento do parque e salarios da ampliación da plantilla sobre a inicial do concello de Ferrol

  • Xunta de Galiza: 40%
  • Deputación de A Coruña: 40%
  • Concello de Narón: 20%

A falta de desenvolvimento prático do devandito protocolo – que non pasou nunca da reivindicación da posta en marcha do asinado no ano 2006 – levou a unha situación de feitos consumados, onde os concellos de Ferrol e Narón optanpor asinar un convenio no que se definen as condicións que rexen a utilización por parte do último dos servizos do Parque Municipal de Bombeiros de Ferrol; convenio que rexe actualmente ate finais deste ano.

Mentras tanto – e no marco dese craro incumprimento do protocolo – o resto dos concellos que tiñan asinado o mesmo seguen nunha situación de descuberto no que toca aos servizos de bombeiros; sen que exista horizonte algún fixado para retomar esta proposta ou unha solución alternativa.
Unha situación que, por riba, resulta singular no marco do conxunto da provincia, onde o servizo está asumido polo “Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña” – que conta cos parques de bombeiros máis próximos á nosa zona en Betanzos e As Pontes – e do que resulta que os concellos de Ares, Mugardos, Fene, Neda,Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón quedarían fóra dun procedimento regulamentado para a extinción de incendios.

Neste contexto – na liña que sempre defendimos de iniciativas de ámbito comarcalizado – desde o BNG avogamos por unha posición activa e clara para concretar os termos do protocolo asinado hai agora máis de sete anos; fixando prazos e investimentos concretos para converter en realidade esta demanda, necesaria e urxente para o conxunto dos concellos da comarca. Para iso , propomos que o pleno do concello adopte os seguintes acordos:

1.- Reclamar da Xunta de Galiza e da Deputación de A Coruña o desenvolvimento prático do protocolo asinado o 29 de Agosto de 2006 para a comarcalización do parque municipal de bombeiros de Ferrol.
2.- Demandar que nos orzamentos das dúas institucións para o vindeiro 2013 se concreten as cantidades necesarias para facer fronte aos compromisos económicos que se definen no devandito protocolo.
3.- Demandar con urxencia a constitución e reunión dunha Comisión de Seguimento – definida xa no protocolo – dirixida a supervisar a definir o cronograma de actuacións e supervisar a axeitada execución das mesmas.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: