off
Política — 19 Outubro, 2012 at 7:28 p.m.

Os 200 de AGE

by

Todo me sobra y yo me sobro

como traje de fiesta para fiesta no habida;

Gabriela Mistral

Vense de facer público un manifesto de artistas e intelectuais de apoio á candidatura da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) 3 días antes das eleccións do día 21. Asinan, entre outros, Franco Grande, Fernan Vello, o presidente da Academia, Ferrín, e o académico Manuel Rivas .  Por certo, sorprende a ausencia dalgunha voz das comunidades galegas do exterior, o que antes se chamaba emigración.

Os que vexan nel un compromiso pragmático a curto prazo abrazarán doadamente a súa dimensión positiva logo do andazo pos-político que padecemos até a desafección e o fastío.  E se non a tivera? E se houbera que rexeitala no que ten de máis fundamental? Por qué agora? Por qué ese apoio sen reservas a unha sigla? Enténdase ben, o que aquí se cuestiona non é o apoio en si, madía-leva, senón a mistificación constitutiva da situación, en teimar en non enfrontar a complexidade da situación, en reducila  a unha loita contra un “inimigo”, en admitir dun xeito tan visibel a impotencia.

Ao pedir dun xeito tan explícito o apoio para AGE, e non un máis diferido voto de castigo para a dereita españolista que nos goberna,  non se están a trabucar de “inimigos”?. Se o que queren é unha visión  política de recambio coherente, saiulles  un estalido de impaciencia perante o responsabel da desorde.

Ao meu parecer, para as  políticas emancipatorias do presente non abonda nen a crítica da política institucionalizada, nen a tentación do “populismo” baixo un dispositivo-formal transcendental  (chamémoslle curia)  cómpre ir  máis alá. Ao  manifestarse a prol dunha coalición  de urxencia, hic et nunc, pídeselle á xente máis do mesmo, ratificar o inevitabel, o resultado das deliberacións urxentes de políticos expertos e non dun feito político consumado.  Se a escisión do BNG derivou como se dí do excesivo “control” da vella guarda e da vaidade de outros, non se entende que agora se emita a mensaxe  en negativo, de que para combatir as políticas neoliberais que teiman en reproducir as eivas intrínsecas ao sistema económico e a redistribución do poder no estado español, haxa que castigar a unha parte  da mesma base social e os seus dirixentes, como se a propia identidade dos “asinantes”  fose anterior ao problema, ás eivas  inseridas na estructura  do sistema, ignorando de paso as alianzas transversais, as anémicas rivalidades e os acordos futuros.

Dende a esquerda nacionalista non acabo de entender ese exercizo de autoreferencialidade que despraza o antagonismo e crea o “inimigo”, aínda que sexa espectral (chámenlle adversario),  onde non o hai. O que nos xogamos non é o xeito en que se empaqueta e se vende aos políticos nas eleccións, nen os partidos-mercadoría. Velaí a concepción da política que queríamos combater.  Se ben hai un momento de verdade no manifesto, non é esa actitude unha parte do problema? Xa dicía Hegel que tras o velo que afasta as apariencias da verdadeira realidade, non hai nada, só o que o suxeito deitou nel. O potencial de mudanza non está para descrubrilo, só se ve á altura do desexo, é dicir,  se compromete coa mudanza. E non será que se antes non o veron era porque os tempos non eran chegados, porque non querían a mudanza? Noutras palabras, que non daban visto a oportunidade para o cambio porque entre todos fixeron, como di un meu amigo, unha ONG do BNG, unha voz sen boca.  E como é que non houbo antes máis debate público compartido de problemas e decisións ainda que non acadaran a pose do manifesto?. Ao cabo, o que queda é o que Benjamin chamaba a política esquerdista da melancolía, a saudade  do  potencial de empoderamento que nunca se consumou.

Acho que no contexto actual non só se loita pola liberdade e  a xustiza  social  mais polo significado desas palabras. Como reclama o poeta Amauta Castro:

“[a aldraxe manifestada polo secuestrado segue a ser inferior á real por efecto da síndrome de Estocolmo] Estou escrito coa intención rebelde dos manifestos/pois soño para que me sexa interpretado”

Tamén reclamo o meu emprazamento cando o meu plexo é acosado.Tamén eu pido a liberdade para o pobo mapuche.  Se Galiza ten de redimirse, deberíamos estar dispostos a asumir o risco de perder.

Tags

6 Comments

  1. Gelo do Moure

    Gabriel, o que verdadeiramente non entendo, é que tí, un home tan culto, se poña a criticar a unha xente por apoiar a un grupo político de esquerdas, dous días antes das eleccións.
    Peor sería que desen ese apoio á dereita( PP ou PSOE).
    E se non llo deran ó BNG, sería porque non confían nel, teñen o seu dereito.
    Se Ferrín non triunfou na política foi por honrado, e por quererlle demasiado ó seu país, Tí e máis eu tampouco triunfamos

    • Se por “criticar” entendes pensar críticamente,pois si,non renuncio a iso.Do mesmo xeito que os “manifestantes” non renunciaron a facelo: reclamo o mesmo dereito que tí lles “concedes”. Só cómpre agardar unhas horiñas, e a ver que pasa…

  2. Non coñezo o tal manifesto nin teño demasiado interese en coñecelo. Paréceme que a ese tipo de pronunciamentos soamente son receptivos os que apriori xa teñen, persoalmente, tomada a súa decisión favorable á que se lles solicita. E mesmo nin eses.

    Imaxino, Gabriel, que a túa análise será certeira, coma sempre, pero eu non me preocuparía.

    Con isto non intento dicir que eu non vote AGE, que si vou facelo, pero non porque unha élite mo pida, senón “por que si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña, porque me sae de dentro, alá do fondo,…” que trovaba Celso Emilio.

  3. Gelo do Moure

    Se o apoio desa xente fose para B.N.G. criticarialo ?

    • Sinto non me ter expresado millor, Gelo. Antom acho que me entendeu algo millor, se ben a cerne da reflexión non se alicerza no seu impacto: coma as campañas a prol da lectura, só alcanzan aos que xa len.

      Onte estiven en Barcelona con galegos da diáspora e a percepción achégase á miña angueira; e a dúbida que aquí tentei expresar dun xeito evidente, de quen así fala, expoñéndose, faise porque hai un desasosego que preocupa en dous planos:o teórico e o práctico.

      O antes é a clave, a oportunidade. Gelo,ao formular así a túa pregunta ratificas, dalgunha maneira, o que aí se pensou en voz alta.Terás as túas razóns para devolver dun xeito na direccionado a réplica, e ter tés algunha razón, mais non no sentido no que ti pensas. E a democracia é a reposta ao problema. Desvias a reflexión ao plano persoal,cando ese non é o que nos debería preocupar.
      Reformulo: a escisión do corpo principal é á única posibilidade que temos hoxe? E non serei eu quen acepte nada como inviolabel. Incluídas as opcións político-administrativa consumadas que contribuen, ao meu parecer, á morte da política propiciada pola súa mercantilización. A mensaxe das curias , para todos os que nos preocupamos por Galiza e polo nacionalismo emancipador, non nos debería impedir pensar. Ningún gobernante ilustrado fará o traballo por nós. Négome a reducir a democracia ao momento de exixencia democrática dentro do sistema. O “populismo” pode ser moi reaccionario.Cómo fixar un límite? E sí, teño dúbidas. Por exemplo, non vos xenera nengunha dúbida que un crack da literatura nacional coma Ferrín e un fracaso coma político, hoxe co cargo institucional de presidente da Academia Galega que o fai tan representante dunha señora de Lalín coma dun emigrante que traballa na Seat en Barcelona, se pronuncie a prol dunha sigla 48 h antes das eleccións?. Non sei se é tempo de manifestos, mais acho que- reitero- “O potencial de mudanza non está para descrubrilo, só se ve á altura do desexo, é dicir, se compromete coa mudanza”. Eu tamén sei facer graffitis. Expliqueime ?

  4. Presente? Pasado? Ou só outro bucle en espiral na roda do tempo?.
    http://publicacionsgalegas.blogspot.com.es/p/descargas.html

    «…O povo galego lanzouse a via pública a gritar contra o governo, a gritar contra Hespaña porque Hespaña, hoxe por hoxe, non eisiste si non é representada na forza da Guarda Civil, nos Guardias de Orden Público e no Exército. Para Galicia hoxe Hespaña é iso. […]

    ¿Qué fixeron entonces os nazonalistas galegos? Poñerse a berrar viva a Repúbrica, como si a verva Repúbrica, co siñificado que ten na Hespaña, siñificase algo para Galicia.

    Foi ise un momento que debeu aproveitarse, pol-o menos para facer correl-a voz pol-o mundo de que na parte Noroeste da penínsua ibérica hai un povo escravo que loita pol-a sua liberdade. […]

    ¡Qué falta de visión!… Os homes dirixentes do nazonalismo galego está oubrigados a contemprar os probremas con mais ampritude e com máis decisión. […]

    Empor-iso cando chegóu o momento político, os literatos e os artistas non berraban xa viva Galicia Libre, senón viva a Repúbrica, porque tiñan a seguridade de que con isos berros non ferían a ninguén».

    A Fouce, decembro de 1930.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off