off
Cedeira, Historia, Opinión — 4 Outubro, 2012 at 10:24

Culturas prehistóricas na vila e terra de Cedeira

por

O Concello de Cedeira foi obxecto de dúas prospeccións arqueolóxicas para facer o inventario do seu Patrimonio. A primeira catalogación realizouna Federico Maciñeira a primerios de século. Sendo natural de Santa Marta de Ortigueira, adicouse este investigador ó estudo da Comarca Ortegalesa, incluindo aquí as tres rías: Bares, Ortigueira e Cedeira.

O inventario feito por Maciñeira no Concello de Cedeira deu coma resultado o coñecemento de dous momentos culturais: o Megalítico e o Castrexo.

A Cultura Megalítica (1) consiste en enterramentos feitos en túmulos (sepulcros levantados da terra), situando na parte superior un dolmen construido a base de laxas de pedra verticais, unha horizontal sobor delas. Na Galicia este túmulos reciben distintos nomes, destacando o de mámoas. Pódense recoñecer por sobresair sobor da horizontalidade do terreo, ter forma circular, e posuir no centro un furado de violación como consecuencia do intento de buscar no seu interior tesouros.

Xa dende o momento da construcción, este túmulos foron saqueados, medida que perdurou ao longo dos séculos até os tempos actuais.

Maciñeira atopou moitas mámoas en distintas zonas do Concello de Cedeira, destacando as da Serra da Capelada: Chan da Armada, Pico Monteagudo, Monte de Folgueiras, Pedra Chantada, As Lamas, Coto Pequeno do Borrallo,Coto Mouro, Pena da Aguia, Chao da Lagoa, Chao do Feal, Ponte da Braxe, Cabeza do Río, Fraguela, Moles, Chao da Barca, Roliña,Monte do Brañón, e Lugar da Arnela. En total, dá uns corenta e tres túmulos, e nalgún deles realizáronse excavacións.

 

A devandita catalogación forma parte dunha publicación feita no Boletín da Real Academia Galega “Inventario descriptivo de los doscientos ochenta y seis túmulos prehistóricos hasta ahora descubiertos en la avanzada comarca del Cabo Ortegal”.

A Cultura castrexa (600-19 a.c.) (2), asín chamada por estudar os castros, recintos fortificados, en palabras de Maciñeira, foi tamén investigada por este autor.

Na Comarca do Ortegal ten cincoenta e sete castros, que veñen publicados no” Anuario del Cuerpo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos” (Madrid, 1934, vol.1), baixo o título:” Los castros prehistóricos del Norte de Galicia”.

En Cedeira só cita o castro de Montoxo, onde dí que apareceron fragmentos de cerámica decorada, un puñal de antenas e unha machada de ferro.

A segunda catalogación feiat no Concello realizouse no mes de febreiro de 1988, incluida denro do Plan de Inventario para Galicia que estaba a desenvolver a Dirección Xeral do Patrimonio Artístico e Documentación da Xunta de Galicia.

Nestra prospección arqueolóxica empregáronse as publicacions de Maciñeira e contouse coa colaboración informativa dalgúns veciños de Cedeira. Confirmouse a existencia de dúas culturas, a Megalítica e a Castrexa.

Na revisión das mámoas citadas polo investigador converteuse en real o que se temía, por ser repetitivo ao longo de toda Galicia, ou sexa, a sistemática destrucción do Patrimonio Arqueolóxico. As alteracións antrópicas, é dicir, feitas polaman do home, fan que dende 1934, ano do traballo de Maciñeira, até hoxe, o 80% dos túmulos estean desaparecidos. Construcción de pistas, nivelacións de terreos para pastos, leventamento de capelas,etc., destruiron grande cantidade de mámoas. Aquelas que aínda existen, fano, no por estar protexidas, senón pola súa situación en lugares de difícil acceso.

A imposibilidade de facer unha revisión total, debido ao mal tempo nas datas de catalogación, impideu dar un número exacto  de mámoas desparecidas; nembargantes é moi aproximada a cifra das conservadas que se pode adiantar.

Na parroquia de Santa María de Régoa atópase un campo de tres túmulos, coñecidos popularmente como Mámoas das Lamas. Na de menor tamaño, que se corresonde co número 37 da catalogación de Maciñeira, fixo éste unha excavación no outono de 1897, atopando unha coraza de cantos rodados e vestixios de cremación. Na lámina 1 (3) pódese ver a situación e as seccións deste campo de mámoas.

Na mesma parroquia, no lugar dos Candales, atópase un túmulo que se corresponde co número 63 de Maciñeira, e onde tamén fixo excavación, dicindo non atopar nada de particular nela.

Mesmo en Santa María de Régoa, no lugar de Reboredo, sitúanse tres túmulos coñecidos como Pedra Chantada, que se correponden cos números 34, 35 e 36 de Maciñeira.

Tódalas mámoas teñen o seu emprazamento topográfico na Serra da Capelada, cunha altitude media de 500m. e presentan cono de violación. Nalgunha consérvanse laxas pertencentes ao dolmen. A propiedade do terreo onde se asentan é parroquial, utilizándose o entorno para repoboación forestal e pastos.

Respecto á Cultura Castrexa, nesta derradeira prospección arqueolóxica contabilizáronse des castros en bon ou regular estado de conservación: un topónimo, O Castrillón de San Fiz de Esteiro, onde non quedan restos de que alí se atopara un xacemento, e outro topónimo pendente de revisión no Monte do Vilar.

 

Os castros xa revisados, medidos, debuxados e fotografados do Concello de Cedeira, repártense entre sete parroquias:

1.San Román de Montoxo. Nesta parroquia hai tres xacementos castrexos coñecidos polos nomes: Castro de Riba, Castro de Cheda de Abaixo e Os Castros. Os dous primeiros están en regular estado de conservación. Do último apenas se conserva o lugar onde se ubicaba o xacemento.

2.San Fiz de Esteiro.Aquí coñécense dous xacementos: As Croas de San Miguel e As Croas de Santallamar de Arriba. Na lámina 2 pódese ver  o debuxo da planta e sección de As Croas de San Miguel, como exemplo dun castro ben conservado. Tne res recintos, o superior, amurallado, o segundo ou antecastro con parte dun parapeto, e o terceiro consistente nunha terrazas.

As Croas de Santallamar tamén conservan case tódalas defensas orixinais.

3. San Xiao de Montoxo. Atopamos aquí o castro da Coroa de Carracedo, con parte das defensas e do recinto ben conservados, agás o norte, ons se fixo unha explanación.

4.Santalla de Cervo.Nesta parroquia sitúase o Castro do Cura, que parece ben conservado, agás na zona norte, onde se observan destruccións que lle afectan ás defensas.

5. Santa María de Régoa. Aquí atópase o Castro de Magoira, ben conservado; na croa hai tres furados de excavación e a muralla nalgúns puntos está desaparecida.

6.San Cosme de Piñeiro.Situado no homónimo lugar de Castro, atópase en moi bó estado de conservación; só hai unha alteración no antecastro pola construcción dun camiño.

7.Cedeira.No núcleo de Cedeira áchase o Castro da Punta Sarridal (Campo do Castro), o único xacemento costeiro, con numerosas alteracións no interior do recinto.

Todos os castros do Concello de Cedeira responden ao tipo de xacemento con algunha das defensas artificiais normais nestes recintos, cerca, parapeto, terrapleno, foxo, terraza, ou ben defensas naturais debidas ao escarpado do terreo, ao cantíl ou á axuda dun río.

Domina o emprazamento topográfico no cume de monte, emprazamento que teñen tres castros, cunha altitude que varía entre cento coarenta e douscentos metros. Outros tres xacementos están  localizados en ladeira de monte, dominando o val, cunha altitude entre noventa e douscentos vinte metros.

Os castros restantes sitúanse respectivamente en catro emprazamentos diferentes:

a)un pequeno coto sobor dun val, con cento noventa metros;

b)un espolón sobor dun río, con 210 metros;

c)unha zona chá de ladeira, con centro coarenta metros;

d)unha punta costeira, con coarentea e oito metros.

A altitude varía enre os coarenta e oito e os douscentos vinte metros, contando tanto o tipo de emprazamento que ten o xacemento como a parroquia do concello onde está ubicado.

A Ría de Cedeira ten abundantes kilómetros de costa,nembargantes, e a diferencia de Ortigueira, só ten un castro costeiro; algún outro xacemento atópase perto da costa porén está claramente debruzado cara o interior. Este feito, unido ao emprazamento de media altura, perto das terras productivas, sinálanos unha clara vocación agrícola.

Finalmente, catalogouse na parroguia de Santalla de Cervo unha necrópole de tumbas feitas a base de laxas de pedra, que a construccion dunha pista deixou ao descuberto.Todo isto, unido á desaparición das mámoas, e ás alteracións que teñen moitos dos castros do Concello, indícanos unha vez maís a necesidade de protección, por parte non só do propio Concello de Cedeira, senón de todos os veciños; a necesidade de pensar na importancia cultural que ten a riqueza arqueolóxica de Cedeira, e decatarse que é Patrimonio de todos, obriga a concienciarse do respeito e protección debidos a tódolos xacementos, sempre expostos a perigo de desaparición por mor de intereses particulares.

Emilio Ramil González (Cariño, 1956) é arqueólogo e socio fundador de Axa Arqueoloxía.. Ten dirixido excavacións arqueolóxicas polo país (Castro de Bares, Viladonga, Igrexa Vella de Santa Comba de Louro (Valga) e publicado  numerosos artigos en revistas especializadas. Entre outros:
O castelo de Moeche (A Coruña) / Emilio Ramil González, Víctor Tomás Botella.Brigantium
Villa Romana de Bares. Escavación arqueolóxica no xacemento Eirexa-Vella de Bares-Concello de Mañón(A Coruña). Campaña 1997 / Emilio Ramil Gonzalez, Juan Naveiro López, Mar Zabaleta, Carlos Fernández Rodríguez
A Serra da Capelada: patrimonio arqueolóxico e patrimonio natural/ Emilio Ramil González, Rafael López Loureiro.Brigantium.Nº 14 (2003)
Novo conxunto megalítico na Serra da Capelada: As mámoas de Vixía Herbeira/ Emilio Ramil González.Brigantium.Nº 6 (1989-1990)

Notas:

(1)"O megalitismo galego desenvólvese, fundamentalmente, aolongo do terceiro milenio a.c, e forma parte dun fenómeno cultural moi amplo, pero con especial difusión nas zonas costeiras do Occidente europeo. Os primeiros constructores de megalitos en Galicia inspiráronse en Portugal, sendo o mundo portugués, con preferencia ó atlántico europeo, o punto de referencia preferido na cultura megalítica galega"(Ramón Villares, A Historia. Ed.Galaxia, páx.14)
(2)A Cultura Castrexa en Galicia correspóndese coa Idade de Ferro. "Os  castros son, en palabras de López-Cuevillas,"recintos fortificados, de forma oval ou ciruclar, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correpondente foxo, e situados, os máis deles, no cume de outeiros ou montañas"... Por primeiras vez na historia de Galicia aparece un tipo de arquitectura estabel que sexa de tipo doméstico e non funerario.2.( R Villares, op. cit.páx.27)
(3) Os debuxos foron feitos por Victor Tomás Botella

3 Comentarios

  • Esta ultima catalogación está incompleta. Hai moitas mais mámoas das citadas ( entorno a 30 ), algunhas delas están a beira da estrada, non sei como non as viron. Parte de estas mámoas están sendo obxeto de agresión e destrución por plantacións nos montes públicos de Cedeira sin que ninguén se preocupe o mais mínimo. O non estar catalogadas a súa eliminación é moito mais doada. Maciñeira atopounas todas fai un século e hoxe non as ven a beira da estrada, que magoa¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

  • Concordo.O que está claro é que nen artigos de sensibilización como o de Ramil- publicado hai anos- serviron para que as administracións fagan algo, alomenos que se actualice o inventario para medir o alcance da desfeita e permita redactar un plano integral de actuación (p.e. adquisición de montes, rexeneración, convenios coas universidades para excavación, fondos europeos, consellería de cultura,etc) a medio e longo prazo que pase pola actuación urxente de sinalizar para que sexa máis dificil a súa elmininación. Puro desleixo. Despois énchense a boca con promocionar o turismo. Promocionar o qué? Non hai visión a longo prazo e o curtopracismo electoralista (merendeiros e farolas) lévanos a desbaldar recursos e patrimonio. O listón non é alto, hai alguén aí?

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: