off
Política — 3 Outubro, 2012 at 7:05 a.m.

Decodificando

by

A lei e o dereito xustifícanse de seu cando permiten reducir os riscos da vida en sociedade. Se prosperara a análise de Cristina Cifuentes, delegada do goberno en Madrid, o que chamou eufemísticamente “racionalización do uso do espazo público”, a lei e o dereito só sirvirían para alicerzar aínda máis o poder da autoridade sobre os individuos que se convirtiríann asín en suxeitos submisos, o dereito só serviría á autoridade pouco escrupulosa.  Cómpre reparar niso, porque é habitual empregar o concepto de “racionalización” para  usos que non son precisamente racionais, se por razón enxergamos o enunciar en termos claros o que aos propios ollos do pensador é o maior obxecto de descomedimento e indignación. Mais non imos esperar tal da Delegada, menos preocupada pola dignididade política dos que se manifestaban que por facer cumprir o ideal  ascético de Estado.

Se nunha orde democrática a policia é un mal necesario, non debería haber unha transparencia exquisita e un control cidadán no funcionamento da institución? A Delegada ficou presa do uso dunha terminoloxía que dá pé a moita ambigüidade. Na lóxica do antagonismo, se os “manifestantes” son definidos coma “violentos”, a orde social que ela representa  empregaría a “forza racional”. A vella distinción soreliana de que a burguesía emprega a forza e o proletariado a violencia, daría paso á “razón de Estado” segundo a cal, na clásica definición de Hanna Arendt, “os actos de Estado… non estarían suxeitos  ás mesmas normas que regulan os actos dos cidadáns…concesións feitas aos imperativos da Realpolitik, a fin de conservar o poder e, deste xeito, asegurar a continuidade do ordenamento legal existente”. Pouco importa que as “razóns” alegadas polos manifestantes  fose a extendida percepción de que “non nos representan” ou na versión máis matizada de “non todos son iguais”. Como diría  Adorno, a súa falta estaría nunha excesiva sinceridade, unha desaforada mostra de soberanía liberada que amosou, nos mesmos fuciños do Leviatán,  os límites da soberanía submetida aos dictados de poderes non localizabeis. Que o monoteismo do poder (Foucault) xa non habita únicamente alí onde os manifestantes puxeron cerco, senón que actúa en todas partes e por iso non se pode arrodear.

Mais para a raison d’Ètat, o que conta, ao cabo, é  investir como sexa- tal é tamaño da súa impotencia. Ben sexa con eficacia represiva, ben coa eficacia  comunicativa da disuasión.  Para iso serven os avisos a navegantes. Meu dito meu feito. Ao pouco de facer esas declaracións a Cadena SER informaba que o xuiz  Santiago Pedraz estivera a pescudar nas contas dos organizadores do 25-S para saber das persoas que tiveran un  “papel activo” na organización “Rodea el Congreso”.

Este mediodía, o xornal Público, tiraba na capa dixital que Eduardo Torres-Dulce sumábase ao dictado: os poderes públicos  se o consideran “necesario” poden regular  “administrativamente” o dereito de manifestación.  Mais a Constitución á que apelan é nídia na formulación do dereito de reunión pacífica e sen armas: o exercizo deste dereito non precisará autorización previa, agás cando se fagan en espazos de tránsito público, podendo ser proibidas cando existan razóns fundadas de alteración do orde público con perigo para persoas e bens. Nada dí sobre o contido da reunión, sobre o que se pode ou non se pode cuestionar, incluída unha posibel “deslexitimación”.

A mensaxe  non tería  connotacións graves se for feita nunha revista especializada en dereito ou en filosofía política, ou se a pescuda identificatoria das contas se realizara, por exemplo, para evitar o  abafante fraude fiscal. As connotacións das declaracións da Delegada e do fiscal xeral do estado  poucos días após o acontecimento, veñen dadas porque a organización “Rodea el Congreso” non foi unha performance de corpos espidos ao xeito do fotógrafo  Spencer Tunick nen  para unha embalaxe monumental de Christo.  Eis a clave: ambas e dúas declaracións minimizan o malestar social perante o valor da norma. Prevalece o estar para fronte a acción ética ou estar con  os chivos expiatorios dun corpo social alicerzado e preocupado pola rendabilidade e a eficacia. Mais os indignados xa  saben que as palabras non son os actos e a retórica non é unha política.

Segundo Torres Dulce non pode outorgar, en tanto que fiscal xeral, carta de natureza á explotación dun lexítimo malestar social como medio de deslexitimación en bloque da forma de Estado, das Cámaras representativas, e dos seus titulares , con a veces grave crebanto do convivio democrático” (El País). Falou o fiscal xeral do estado, mas acho que foi pouco xeneroso para os que foron derrotados polos deuses do diñeiro e do capitalismo salvaxe. Enténdase, só tivo palabras para os que amosaban dignidade na praza de Neptuno, esquecéndose dos que ao amparo das “maiorias silenciosas”  ocupaban nalquel intre a morada de Leviatán . Si, só tivo palabras para os que ceibaron a súa animalidade ferida nas rúas de Madrid, para negarlles a rúa. O paradoxo é que a rúa é o único que lle resta ao desafiuzado.

Que estas interpretacións tenden a empobrecer a democracia ao reducila a dereito de voto  que se ritualiza cada catro anos  fai parte da weltanschauung ou cosmovisión estructural española.  Calquera outra ritualización  pasa a estar  potencialmente deslexitimada á marxe da súa liturxia ou do grau de intensidade da súa cenificación. Perante esa doutrina, tanto ten que  haxa síntomas de que o propio estado de dereito se teña deslexitimado aplicando políticas que non ian nos programas electorais, facendo xusto o contrario do que se dicía que ian facer, ou que, sabendo que ten a súa orixe no modo de distribución – que é político- dos recursos, dos bens e dos valores, se teimen en asociar sistemáticamente calquera acto de rebeldía na rúa coa herexía ou coa  violencia. Son prerrogativas do Leviatán contra todo que festexa sen ele ou contra ele.  De feito, hai moitas clases e atributos para a indignación, pois non é o mesmo a indignación lixada e fedorenta cá indignación mirrada de Rouco Varela e Rajoy (ver  Los obispos, contra el Estado de derecho).

É moi posibel cos milleiros de cidadáns reunidos na praza de Neptuno  se preguntaran coma Helvecio qué facer cando a lei xa non protexe. Cando se extende esa percepción a xente déixase aconsellar polo seu interese particular (Do espirito,1758),  tanto os de acima  como os de máis abaixo. O problema está que os de abaixo cando se deixan aconsellar polo seu interese particular tenden a xuntarense exercendo os dereitos individuais e colectivos de reunión e manifestación; e os de riba, cando se deixan aconsellar polo seu interese particular, adoitan  a estratexia do patexo, entón recuan e desprezan todo o que os cuestiona en tanto que membros dunha casta autoregulamentada e de aceptado gregarismo.

No entanto, o compañeiro de partido da delegada do goberno de Madrid  e ministro de Educación, José Ignacio Wert, afirma ver “evidencias” que asocian o ensino co independentismo.

Mais o orzamentos xerais do estado español din  outra cousa.  A educación pública universal sofre brutais recortes mentras se  favorece a  privada-relixiosa ou a concertada con cartos públicos, maiormente católica que, segundo Wert, servirá para  “eliminar lo que ha sido el desenfoque que ha tenido el proceso educativo en España” e que  ” el castellano sea la lengua vehicular en que reciba la educación”. O xornal El Pais vai crear o seguinte titular: “Wert pon freo á dispersión autonómica”.

Non puido ser máis tranparente ao amosar o que verdadeiramente pensa da educación, unha institución ao servizo do adoutrinamento político e para a reproducción das disparidades de orixe, e non un mecanismo social  orientado a formar persoas con pensamento de seu.  E como a educación é adoutrinamento para os señores do PP, queren afiar a ferramenta. O aplicado Feijoó o primeiro que fixo foi  eliminar as Galescolas, que disque animaban o sentido de pertenza ao país galego, e criou  ex nihilo – tal é a forza da súa  soberbia- a A galiña azul, para alimentar o sentido de pertenza a Walt Disney.  Acho que xa adiviñaron: Wert é un nacionalista lexítimo que pensa que os que non pensan coma ele  é que están adoutrinados. Quen adoutrinaría a Wert e máis a Feijoó?

Entre as afirmacións de Wert, as de Cifuentes e as de Torres-Dulce hai un contínuo e unha complementariedade na xeración de animadversión contra toda forma de soberanía liberada, chámese Cataluña ou Nunca máis.  Neste diagrama de decodificación só unha saída está activa. Trátase de incoluar o parásito da culpabilidade, de facer xirar a roda dos derviches proclamando as grandes virtudes do estado ascético, da austeridade como acción efectiva de criazón de realidade e unha compaixón moralizadora esterilizante. E de paso,unha ocasión para practicar modos de acción de coacción legal  e de eficacia do control. Eis o único que queda do Estado, a súa metamorfose, o pensamento unidimensional.

Enxergardas  estas afirmacións dende o noroeste deberían provocar xeral comichón, Galiza é unha factoría de antisistemas. Temos un futuro radiante.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off