off
Cedeira, Historia — 17 Setembro, 2012 at 1:03 p.m.

O Palacete acollerá unha colección de patrimonio

by

A arela de acobillar o patrimonio histórico  material de Cedeira   vén de vello.  O Castelo da Concepción,  a Biblioteca e o Palacete  teñen sido algúns dos candidatos a falta de conservar outros edificios que terían sido candidatos se fósemos quen de os ter conservado erguidos para  unha posibel  reconstrucción e aproveitamento ( Parque Pista Floreal,  Tres de Oros, Cinema Arribi ou as fábricas de salgazón que, por certo, nunca tiveron cobertura nen tractamento arqueolóxico de ningunha clase). O Pazo dos Moscoso  seica é inviabel; certo é que a viabilidade desta clase de proxectos deberían articularse a longo prazo como resultado dun proceso aquilatado de inventariado, protección e documentación do patrimonio (arquitectónico, medio ambiental, lingüístico, arquelóxico,etc) e non coma resultado da simples recolección de obxectos aquí e acolá.  O que se chama eco-museo non é outra cousa  que o territorio deveña susceptibel de ser “musealizado”, quer dicir, rexistrado e documentado para a súa preservación  dinámica e didáctica. Cedeira leva décadas de adiamento de proxectos atractivos que promocionen un outro turismo a apartires da protección da cultura do país, poñendo en valor un patrimonio de noso  que o salve da súa destrucción. Se ben se quere tirar proveito das vitrinas existentes, non é certo que o proxecto teña un costo cero xa que o ano pasado investíronse na coberta e en pintura (que viña de ser cambiada) 20.000 euros a cargo dunha subvención da Deputación.  A anterior corporación encetou estes arranxos e máis  xogou coa idea de crear un “Museo das Meigas” no soto do Palacete e outras exposicións permanentes.

O goberno municipal vén de anunciar que quere crear no  Palacete unha exposición permanente  coas as pezas que se conservan e aquelas que os veciños e particulares queiran achegar. No inventario municipal, até o de agora descoñecido para a cidadanía, seica documenta obxectos dende o século  XVI até o século XX. Unha franxa temporal ben cativa que vén mostrar o tamaño da desfeita do patrimonio e a inexistencia até o de agora de proxectos de escavación dos restos prehistóricos  inventariados por Maciñeira primeiro (1940,”Piedra con grabados de carácter prehistórico hallada en Cedeira ¿paralelismo con Alván?”, en Congreso do Mundo Portugués XIX, Lisboa, pp. 313-326) e nos derradeiros anos por Emilio Ramil. A exposición deste material estaría  coordinada polo historiador local Rafael Usero,  in illo tempore principal valedor da criazón dun museu.

Unha boa nova que agora terá de ser concretada nun proxecto de documentación  á medida da colección de obxectos dispoñibeis. Sería un bo comezo que o proxecto  explorara as posibilidades de ser Centro de Interpretación do patrimonio histórico local  e Aula para actividades didácticas, alicerzando o material na historia de Galiza, desbotando así calquera tentativa romántica e localista no tratamento do material exposto.

 Os chamados proxectos de musealización non sempre atinan no tratamento das coleccións que acollen  e dos usos a que se destinan. Ao noso entender, sendo a primeira instalación destas características en Cedeira, deberían priorizarse os aspectos didácticos e idiomáticos (esperemos que o galego sexa a língua veicular e non teñamos que repetir máis unha vez que o patrimonio máis sobranceiro de noso é o idioma…non vaia ser que se esquezan del ou que o releguen a língua accesoria).

Moito é o perdido e o espallado : os anacos cerámicos da Robaleira citados por Maciñeira, a empuñadura de Montoxo,  o machado tipo Barcelos atopado na serra da Capelada (Usero (1992), El santuario de San Andrés de Teixido, Cedeira.: 56s, 241), etc.  Moito  por facer.  Os anacos de retábulos, escudos, lápidas e predelas  que ficaron  até o de agora  invisibilizados,  ao fin poderán sair á luz.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off