off
Cedeira, Política local — 27 Setembro, 2012 at 10:48 a.m.

A dieta de mediocridade

by

«Ninguha perda nos é máis sensibel cá do tempo, pois é irreparabel»  Zenón

«Dia de San Martiño, mata o teu porco e bebe o teu viño»  Refraneiro popular

No 2011 a  vila e terra de Cedeira tivo un saldo vexetativo negativo (-32) e un índice de vellice de  195.4. A taxa bruta de natalidade é a metade  ca de natalidade e o paro rexistrado acadaba para o mesmo período 511 persoas.  Unha sociedade anónima e ningunha cooperativa, para o período 2010 (o último no que se dispón deses datos). O movemento migratorio, para 2011,  foi o que sigue: á mesma provincia 122 ,a outra provincia 22,  ao estado español 65, fóra do estado español 61.   270 persoas embora.

A renda dispoñibel bruta por habitante en 2009 segundo IGE vai ser de 13.911,81€.Cando a provincia con maior renda por habitante é  A Coruña  15.418 €, ainda que vai ser Lugo a que vai presentar un maior crecemento medio anual (6,6%).

No ano 2008, a renda dispoñibel por habitante dos lares galegos vai chegar a 14.676 euros, o 95% da media do estado español (o PIB per cápita español é xa o 94% do  promedio dos UE-15 e un dos que menor gasto público social por habitante). O comportamento demográfico condiciona decisivamente a análise per cápita , xa que a evolución negativa de poboación determina a evolución da renda dispoñibel bruta por habitante.  O  peso das prestacións sociais sobre  a renda dispoñibel bruta está entre o 24 e o 33.3%.  Repárese tamén noutro factor, a baixa participación da muller no mercado de traballo (consecuencia do baixo desenvolvimento dos servizos públicos de axuda ás familias ) e a baixa porcentaxe de poboación que traballa e paga impostos. Portanto, o panorama que se presenta é desolador, un nivel de renda baixo e perda de poboación:

No entanto, no número 15 da Rúa Real, a corporación municipal do Concello de Cedeira  rexeitaba revisar as dietas por asistencia, xa non dicimos renunciar totalmente  a elas  como vai propor o PsG- PSOE (que tivo oportunidade de facelo cando tivo a alcaldía). O populismo ten un límite mesmo sabendo da utilización ideolóxica que Leopoldo Rubido fixo ao longo da súa traxectoria política do concepto de “servizo público”,  resultado él mesmo de que como se fixo a transición e a quen se lle esquece, cada vez máis a miúdo, que é alcalde de todos os cedeireses e cedeiresas. A dereita vai ao seu. Décadas de cerna da vila á súa imaxe e semellanza reveláronos que pode haber corrupción e decisións arbritrarias, inadecuadas e inxustas sen vulnerar a legalidade vixente. Con eses datos negativos sorprenderíanos que houbera tanto goberno conservador ao longo  da etapa democrática, se a enxurrada anterior non fose consecuencia dunha demorada hexemonía; ben é sabido que a  política fiscal do estado é insuficiente para apañar os fondos existentes na sociedade, que o déficit social , xunto co fraude fiscal,  é dos máis grandes da Europa dos 15. Ainda así, os señores da dereita cobran dos fondos públicos entanto conxelan os salarios dos funcionarios (32% nunha década segundo vén de informar aCIG). Entanto se manteñen dietas os veciños apañan a suba de impostos e os traballadores  padecen  redución salarial.  Ainda así, os seus aplican agora políticas de austeridade logo de animar o desbalde e privatizar servizos. A este ritmo de adelgazamento os Rubido van quedar sós nos Concello.

Mais un cidadán de a pé coa mínima sensibilidade social  -porque somos cidadáns e non súbditos, non-si?-   pode mesmo ficar marabillado ao fitar como a incapacidade de uns e outros para acadar acordos a medio camiño entre a ética e estética,   acabe derivando nunha tirapuxa de paifocas admonicións e universos paralelos.

Segundo Diario de Ferrol, disque a concelleira  Almudena Molina (PP)  lle espetou ao concelleiro Vergara (PSOE) que a “todo porco lle chega o seu San Martiño”,  ignorando a representante popular que de martiroloxios e de matanzas hai moitas e diferentes, como ben sabe o experto matarife, que non é o mesmo un porco de pé que morre sentado cá outro de morte matada pendurando da roldana para dar de comer. O interpelado ofendido  pide ao PP que “desautorice”  un uso tan direccionado do refraneiro  popular e os populares ( que teñen a pel moi fina cando se trata de abxetivar todo o que sua ou repta) “lamentan la interpretación de mal gusto” do voceiro socialista.   Qué estaría a interpretar ? Para o San Martiño falta máis dun mes, para as eleccións a metade menos. E así pasan os días… Fai un sol de carallo. Hai alguén aí? Perdeuse o sentido da sorna e da retranca?  Merecemos semellante dieta de mediocridade?

Sería desexabel que a oposición toda e a cidadanía con pensamento crítico comezaran a dar mostras de compricidade, de que se quere avanzar cara outra hexemonía social para  mudar este desequilibrio a favor das forzas conservadoras que tanto mal están a facer aos dereitos sociais, á democracia e á nosa identidade; conviña tamén que foran recoñecendo críticamente  que dúas lexislaturas progresistas de adaptación ás estructuras de poder non podían servir para mudar desde acima,  a desproporcionada hexemonía social do nacionalismo españolista do PP en Cedeira, en amplas zonas de Galiza e no estado español.  Sería un grande erro que a esquerda española, agora que se  vai abrir período electoral,  non recuperara o pulso federalista  que amosa en Cataluña e Euscadi,  para achegarse dende os concellos   ao BNG e ao nacionalismo galego (que sempre foi vangarda de progreso e de defensa dos intereses deste país mália os erros e desatinos), coordinando esforzos e así facilitar o cambio en Cedeira, en todas as vilas e en Galiza. Iso, ou nadar ao rebufo do PP:  a recentralización  e o neoliberalismo.

Unha última observación: cómpre non ignorar que a homenaxe  aos presos asturianos do Campo de Presentados e Prisioneiros, que inseriu unha máis que discreta homenaxe á última corporación paseada,  sirveu tamén para vermos de paso,  o enorme peso das forzas conservadoras locais xa que non participaron e siguen sen recoñecer en público aos veciños asasinados e desaparecidos.

5 Comments

  1. Cóstame creer que espetarlle a Vergara ese decir tan común neste país por unha pequena do PP Local de que “a cada porco lle chega o S Martiño… que tanto lle cantamos (Nós) ao Fraga quixera ser precisamente unha ameaza de morte. Non é porque non pareza esta vila Puerto Hurraco de pouco para acó. Pero é moito afirmar.
    Si, os gobernos de pacto pasados deixan moito que desexar. A esquerda local é triste, mansiña e pouco creativa. Máis a esterqueira da Candieira desapareceu e o idioma galego reapareceu por un intre no Concello, máis moitas situacións resoltas en asuntos sociais e outras miles que me perdo (tamén moitas faltas según che teño entendido, eu non estaba alí, xa sabes a vida) . Grazas a eses tristes momentos desa esquerda pequeniña. lástima puta non fora máis grande e botada para adiante pero para iso precisa xente que aporte en comunión (como Olláparo), porque por libre, sen ORGANIZACION só somos cardume de xoubiñas para alimento de gaivotas

    Ollaparo está de aniversario e leva neste tempo achegado moita semente de mencer, e clarexado moitas encrucilladas, un dos textos máis interesantes para min é este:
    O Post-franquismo argallou toda unha mitoloxía do presente inalterado que chamou cínicamente «Transición española»; alentadora dunha autonomía alicerzada nas persistentes estructuras de poder do estado español.
    O rexime resultante sirveuse dun clientelismo de nova feitura que se espallou por todo o territorio galego a través das Deputacións, e da própria Xunta actuando coma ente provincial tutelado, e non como ente vertebrador do país. Un coñecido xornal coruñés de dereitas tamén fixo a súa achega á hora de perfilar unha anovada instrumentalización abusiva das vellas canles caciquís, dos medios de información/persuasión públicos e privados e de políticas públicas de carácter clasista que pretenden a nosa conversión nos seus «recursos humanos» e aos educadores en “técnicos de mantenimiento del sistema” que axuden a consolidar as afinidades selectivas dentro do poder provincial/local e permitan posicionar os servizos privados, afíns no reparto dos concursos e concesións. Como aqueles que persiten en segregar por sexos ou tratar o idioma, a cultura e as empresas do país como se foran manifestacións alleas ou mundos paralelos só existentes como medio de captación dunha parte dos orzamentos públicos.

  2. Eu teño claro que este governo vive de rendas pasadas.
    A situacion mudou e precisamos un pulo enorme. Pero a estes persoeiros pouco ou nada lle importa a perda de poboacion ou a participacion da muller no mundo laboral.
    Mais ben imos hacia unha Cedeira avellentada e ignorante de si mesma.
    E e isto precisamente o que queren. Todo o que supoña un avance en servizos, prestacions e mais emprego supon algo negativo para esta xente, por que os dereitos son un privilexo para eles e a normalidade con que se desenvolve o dia a dia en outras vilas e veleno.

  3. Gelo do Moure

    Os datos que das parécenme moi interesantes para os lectores do Olláparo, así poden comprobar que dende a revista estase a informar de temas variados. Deles non opino por non ser a estatística o meu “campo preferido”, e non vaia ser que algún “camarada iluminado” interprete que lles estou facendo unha crítica, como fixo con outras opinións miñas.
    Referente ás ameazas de morte ( según él ) que lle fixeron a José Luis Vergara no Concello, por unha Concelleira do PP, quero amosar a miña total solidariedade e apoio a este representante do PSOE,(que aínda que non imos no mesmo carro ideolóxico) defendereino sempre das ameazas da “Quinta Esencia” da extrema dereita Cedeiresa. Ánimo Vergara, estou contigo.
    Se falamos dos represaliados do 36 de Cedeira, o que non podemos é pretender que os homenaxee a Dereita Franquista Cedeiresa, como tampouco o fixeron aqueles gobernos de esquerdas que houbo en Cedeira, primeiro BNG-PSOE, e despois PSOE-BNG-TEGA( sería que non eran tan de esquerdas), fixeron un homenaxe ós do Campo de Concentración, e aun inglés chamado Leslie Howard, artista de cine que dín que morreu pola zona da Capelada, pero ós nosos represaliados non.
    Disto xa falei no meu artigo ¿Hai memoria histórica en Cedeira?, que se publicou en Olláparo

  4. En toda polémica existe a tendencia a caricaturizar a postura do adversario para vencela con máis facilidade e probabelmente Olláparo caerá nese vicio tolerante e democrático. Mais coñecendo datos como os que achega Fernando, costa imaxinar escenarios de entendimento.

  5. Falas de que “O peso das prestacións sociais sobre a renda dispoñibel bruta está entre o 24 e o 33.3%. Repárese tamén noutro factor, a baixa participación da muller no mercado de traballo (consecuencia do baixo desenvolvimento dos servizos públicos de axuda ás familias )” tamén dunha tasa elevada de parados (tamén habemos xa regulados de longa duración). Pois o curioso e que unha compañeira do BNG Comarcal,orientadora laboral, dí que en Cedeira rexeitaron de contar cun servizo de orientación laboral da Xunta, oste 0

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off