off
Cedeira, Cultura — 24 Setembro, 2012 at 6:39 p.m.

Plano de Acción Cultural: proposta de debate participativo

by

“se ben é certo que delegar é encargar a alguén unha función, dunha misión, transmitíndolle o seu poder, cómpre preguntar cómo pode ser que o mandatario poida ter poder sobre aquel que lle dá poder” Pierre Bourdieu, Cousas ditas

 O que está a acontecer coas concesións e subvencións non é novo. De feito, a percepción de que o Concello non dinamiza de abondo e non fomenta a participación  non resulta tan autoevidente a todos os ollos mália a deriva detectada os derradeiros anos cara fórmulas  que non sirven á construcción identitaria porque, ao noso parecer, non houbo política cultural coñecida que desenvolvera dende todas as artes, actividades e sectores culturais contidos transversais irrenunciabeis como o patrimonio próprio (e non é por falta de elementos patrimioniais fortes  que permitan a identificación da cidadanía co concello e co país: cancioneiro e repertorio musical galego; natureza e paisaxe,etc.),  a língua galega e as tradicións de noso.
A creación de espazos de participación, vese máis coma unha fórmula simbólica que non real e efectiva, porque a súa realización cando se dá,  xurde máis da verticalidade institucional do que unha consecuencia (horizontal) derivada da fortaleza e madurez do tecido asociativo. Mesmo semella que só nos lembramos da importancia do garantismo cando nos afecta negativamente, no canto de exixirmos   “bases reguladoras” e  “bases específicas de subvencións”  como condicións de posibilidade dunha vida en comunidade máis rica, máis democrática, máis atenta ás dinámicas culturais e ás relacións que se establecen entre todos os axentes culturais: administración pública, entidades e cidadanía, sector privado.

O presidente da asociación que estivo  a xestionar a Escola Municipal de Música  os derradeiros 3 anos,  Asociación Cultural Pro  Cedeira ( que unha parte da cidadanía descoñecia con esa denominación cando se lle concedeu subvención), vén de denunciar o clima de incerteza que se abre para esta asociación que agora ocupa o Escolar de Piñeiro xa que se informaron  da concesión a través da imprensa.  Cando non está establecido o mecanismo de comunicación a priori é moi doado xerar  todo tipo de susceptibilidades.  A partir de agora será a veterana  Asociación Robaleira quen asumirá a  xestión da Escola Municipal de Música.

Con razón Diego R. Piñón, na súa columna de Diario de Ferrol, hai tempo que ven reflectindo  a súa preocupación por non se ter creado un baremo ao abeiro da Lei de subvencións de Galicia  e que se manteña, eis o motivo da súa angueira, a “concesión de subvencións nominativas ás asociacións e entidades socioculturais e deportivas”.  Para reflectir as carencias das convocatorias actuais   Piñón,  láiase do tempo desaproveitado nas lexislaturas anteriores e pormenoriza algúns dos criterios  da propia Lei de subvencións que non se están a comprir, tocándolle á cidadanía  máis implicada debullar, a  cada convocatoria, o por qué  si e o por qué non.

Ao noso parecer a necesidade de revisión das normativas estabelecidas  é unha medida necesaria ainda que non suficiente. A millora do procesión de concesión de subvencións, atraveso de criterios de baremación claros,  debería ir acompañado dun debate internual que dera conta das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas, que servira de documento base para a elaboración dun Plano de Acción Cultural liderado polo Concello e no que participara todo o tecido asociativo.

Se a a percepción de discrecionalidade na concesión de subvencións e a axudas  deriva da  falta duns baremos  claros  na normativa de concesión de axudas e subvencións ás entidades que sirvan para xustificar a concesión de axudas, o tecido asociativo non debería refugar o debate e participar activamente nel para madurar contribuindo á responsabilidade e á transparencia. En xeral, a falta de debate e de canles de participación  provoca a confusión e alimenta certas percepcións que dificultan o traballo conxunto entre os concellos e as entidades.  De feito, non é  estraño na xestión cultural que haxa entidades que teñan a impresión de que a administración mantén unha actitude moi paternalista  con algunhas asociacións e que non hai unha política transparente de concesión das subvencións.  O paternalismo pode derivar en  rutina  se non hai unha definición da política cultural do Concello, unha utilización ordenada e coordenada das canles de difusion das actividades e transversalidade e comunicación interna e, claro é, uns baremos claros. En contrapartida, as entidades deberán tender a corresponsabilizarse da súa actividade en función do seu peso, relevo social e actividade realizada. Doutro xeito, cómprelles xestionar ben os cartos públicos, tendo de ser o  Concello o primeiro en dar exemplo na distribución axeitada dos equipamentos e no seguimento, adecuando os obxectivos aos recursos dispoñibeis  (por exempolo, tratándose dunha escola municipal de música, aspirar a unha boa ratio de alumnos por mestre  para acadar bos resultados pedagóxicos pode ser máis desexabel que adicar o esforzo orzamentario en partidas prescindibeis ) e ao desenvolvemento dos contidos de transversais que se deberan exixir dende o momento en que se accede a  finanzamento público.

A revista Olláparo convida ao Concello de Cedeira e a  todas as entidades culturais a afondar no debate desde estas páxinas achegándolles un index de  un posibel Plano de Acción Cultural de Cedeira, que sirva de guión ou rascuño e  no que se debulle, por unha banda, un diagnóstico da realidade na cal teñen que participar todos os axentes culturais do concello, e por outra,  sirva para  debater e elaborar propostas   ou liñas de actuación, co obxectivo de adiantarse ás necesidades e demandas que exixe o futuro inmediato. Ese Plano debería permitir, tamén, optimizar ou aumentar as iniciativas que no ámbito da cultura se desenvolvan en Cedeira e, en consecuencia, orientar a política cultural dos axentes que interveñen, para facer da cultura o eixo vertebrador das políticas municipais, poñendo o acento na cultura comunitaria e de proximidade através dos servizos, programas e equipamentos culturais do concello, así como millorar a coordinación e cooperacion entre os diferentes axentes culturais.

1. Obxectivos do Plan de acción cultural
2. Metodoloxia de traballo
Documento de diagnóstico
1. Contexto
1.1. Pasado e presente
1.2. Análise do territorio e a poboación
1.3. Resumo
2. Análise de la realidade cultural
2.1. As dinámicas culturais
2.2. A comunicación
2.3. Os axentes culturais
2.3.1. A administración pública municipal
2.3.2. Entidades e didadanía
2.3.3. O sector privado
2.3.4. As relacions entre os axentes
2.4. Os espazos e equipamentos
2.4.1. Espazo polivalentes e de exhibición
2.4.2. Espazos para a lectura  e a consulta
2.4.3. Outros espazos con potencialidades para a cultura
2.4.4. O espazo público
2.4.5. Eivas
2.4.6. Os sectores culturais
2.5. As artes escénicas
2.5.1. A música
2.5.2.O patrimonio
2.5.3. O calendario festivo e a cultura tradicional e popular
2.5.4. As artes visuais
2.5.5. A lectura e a literatura
3. Pontos fortes  e pontos febles

 

As entidades que queiran participar poden facelo, ben achegando ideas  por correo electrónico(achegas@ollaparo.com), facendo constar o nome da entidade e o título do index ao que correponde as súas propostas, ou ben introducindo as achegas a través do espazo de comentarios.

En calquera caso dende Olláparo continuaremos a achegar ideas e propostas que sirvan para enriquecer o debate.

 

2 Comments

  1. Ollaparo Edición

    As maiorías silenciosas son tímidas. É unha mágoa. Sería mesmo interesante que se espuxera o que hai de común entre as diversas propostas asociativas, mesmo de cara á fixación de obxectivos comúns, concretados en algunha actividade no calendario. Os pros e os contras,as fortalezas actuais e as debilidades, e aquilo que se podería ir millorando para así proporllo aos administradores públicos,etc.

  2. Hai proposta. Non hai debate?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off