off
Galiza, Política — 21 Setembro, 2012 at 12:49 p.m.

Vivamos como aborridos!

by

“A tiranía do príncipe nunha oligarquía non é tan perigosa para a sociedade  como a apatía dun cidadán nunha democracia”

        Charles de Montesquieu

 Após  lexislatura de Feijoó, en pleno rearme do centralismo español, da monarquía bourbónica  e do neoliberalismo global, semella plausibel a hipótese de que o Estatuto de Autonomía non garante a pervivencia da nazón. E cando así falo non estou a referir unha entelequia esencial, mais a posibilidade na Galiza de convivencia e xustiza social que sempre arelei para poder desenvolver as nosas vidas en igualdade de condicións cá o resto de nacións da Terra.  O que fica é un certo fastío.  Aborrimento?. Vivimos nun tempo hiperactivo que refuga do aborrimento e no que  cómpre estar a facer algo a todas horas,  sen saber moi ben o porqué nin para qué. Gloria Lago, por exemplo, creou Galicia Bilíngüe. O tecnócrata Alberto Núñez Feijoó chegou ser presidente da Xunta. É unha época para consumir e para consumir-nos.

Sigo sen enxergar como os galegos, afeitos a nos procurar a vida pola nosa conta na emigración, acabamos por lle dar maioría absoluta  case sempre aos mesmos e non, poñamos por caso, a  ninguén. Cómo é que non condicionamos co voto políticas de pacto, é dicir, con máis xogadores. Cómo é que non experimentamos máis cos formatos se abonda ollar a paixase para comprobarmos o que nos gosta a experimentación constructiva en formas e materiais imposibles.  Pódenos a emoción e non nos chegamos a aborrir nunca, festeiros e esmorgantes que somos. Algo que semellan esquecer os nosos deputados porque o noso sistema electoral fai que os deputados non coñezan ben os seus electores. Porén, que teñamos un presidente que bocexa a todas horas pode ser unha ocasion favorabel para facermos do aborrimento  unha oportunidade para deixar de  facer o que se viña  facendo a ritmo de hábito, para deixar de consumirnos.

A xénese do aborrimento

O fraguismo alicerzouse na creación emocional de Galicia,  moito tempo demorado entre bágoas e  gaitas…e caimos na chantaxe emocional mentras nos esquecíamos de construir e desenvolver o Estatuto. Aquela estratexia tivo os seus froitos ao garantir determinada hexemonía política e permanencia do statu quo. Errou o nacionalismo ao xogar con Fraga na liga do radicalismo emocional,  debendo alicerzarse no debate ideolóxico e na organización administrativa e  non xogar a xestionar á ambigüedade que o sentimento permite.? Debeuse definir  abertamente  federalista ou independentista para poñelo no centro do debate político?

Cando máis conviña o consenso de mínimos  asistimos,  coa naturalidade de quen está afeito a achegar man de obra a España e ao resto do mundo, á fuga permanente de emigrantes cara o estado español e alén, onde tamén hai vida. Mais quen nos goberna,  iso non llo explican nen aos seus votantes nen aos seus lectores porque non o precisan.  Que o galego emigre é consustancial á súa visión do mundo, por iso non se percibe con malestar a saída de licenciados, nen o ir a traballar a Madrid ou a  Barcelona, nen suscita o máis mínimo  abraio  asistirmos cada catro anos ao tour americano dos candidatos á Xunta, nin o ir e vir de Feijoó a Intereconomía, porque fan parte da repetición do mesmo. E non será que non mudar cando todo se move é o mesmo que recuar?. Mais todo iso xa o sabíamos na modalidade apodíctica de subir ou baixar escaleiras.

Desasosego. Cando máis falta facía un pacto polo país e que  Feijoó, o Partido Popular e a progresía  respostaran  á inequívoca pregunta de por qué se opoñen a unha Galiza con máis capacidade de decisión (ainda que fose pola via mínima de desenvolver  as competencias por transferir) ou porque defenden unha cousa aquí e outra alí, tivemos por resposta o  popular instinto de protectorado  e a progresía socialista a dicir aquilo do  “imposible encaje constitucional”…Non hai díscolos galeguistas no PsG-PSOE?

Senectude. Porén, as únicas razóns sentidas viñeron da beira nacionalista, correspondendo infelizamente co  mesmo instinto de des-integración e de autofaxia, de melancolía saturnal. Houbo quen sentiu  fastío de arrombar o cuarto.

Acho que o noso proceso de exclusión, a diferencia do catalán, alicérzase en vivir económica e nacionalmente transfugados.  Hai moito tempo que en Galiza a exclusión e a fractura social  se chaman emigración e ancianía.  Xa non é que España nos perxudique, é que esta Galiza estatutaria crea exiliados na casa e man de obra, agora tamén cualificada, para o estado español. Non é tanto que España fracasara na absoluta depredación de noso, mesmo cando non había escola nin RTVG, cando a língua aínda estaba totalmente proibida e a bandeira perseguida. E que España non precisa integrarnos porque xa nos abondamos os galegos para  nos esfarelar.  Será que nos convencimos que é o  prezo xusto a pagar polo estatuto de normalidade, para manternos como o que somos. Albisco que, nun intre no que estado español está a  piques de ceder canadas de soberanía, os galegos non arredaremos  o envite – que por iso dixo Feijoó  sen aparente despesa que a nosa forma de ser españois é ser galegos – e seremos os primeiros en renunciar ao que faga falta. Madía leva, empezando por nós!

Estamos aborridos,  agora que ?

Se intuimos que somos responsabeis do noso fracaso colectivo e non reaximos perante o que está a acontecer a redor, bo sería reutilizar fastío e aborrimento e facer algunha cousa con eles , ao xeito do tour do Antón Reixa con “Galicia canibal”, do último  ensaio debole de Antón Bahamonde ou dun cursiño de cociña para solteiros . O non saber que facer co Estatuto levounos ao aborrimento estatutario, á perda de imaxinación e de vontade. Tamén sabemos que xa lles vai ben a algúns alargar o aborrimento autonómico que nos leve a dicir que todo vale o mesmo, o que equivale a dicir que todo vale nada. Até aborrecernos. Non nos deixemos aborrir nen aborrecer e se non houber maior divertimento, asumamos o atributo e vivamos como aborridos.

Cando Feijoó apela á realidade para desautorizar as aspiracións da xente que saiu á rúa en Cataluña, a máis de amosar un talante pouco refinado,  faino a costa do propio principio de realidade ao cal di apelar. Sírvelle para invisibilizar a súa xestión e de paso tamén a Galicia.  Pouco  importan as diferentes motivacións que levaron a un millón e medio de persoas a se manifestar cando do que se trata é de apropiarse do que acontece. A Constitución española  non é máis real cá nación catalana ou que a língua galega (que falar, fálase, mália non termos na Carta Magna un  garante “real”  dos nosos dereitos), nen as víctimas da ETA máis reais cas víctimas do 36.  O mesmo pasou cando a catástrofe e as mobilizacións do Prestige e as máis recentes do 15-M.  Segundo a agrimensura empregada así se  pode dicir se son máis reais os “hilillos de plastilina” que a xente  a apañar chapapote  coas máns. Tamén se pode negar que as cousas mudaran nos derradeiros 30 anos.  Provade a degustar o peso da realidade, ligade a TVG, TVE, La Voz e Intereconomía… Feijoó poderá comprobar o peso tabú da realidade após as eleccións catalanas. Porén, antes teremos tempo de comprobarmos se após a eleccións galegas hai proxecto político ou imos asistir a máis impugnacións da realidade e ningún argumento para mudala.

Que boa parte da situación actual sexa dos que entenden o crescimento económico ou electoral un obxectivo en si mesmo e non o resultado dunha actuación, non exime de responsabilidade aos que se aburren e aos que se indignan. Portanto, indignados e aborridos deberíamos coidar da criazón  e o pensamento fronte a quenes priorizan a musealización da cultura e a razón sentimental.

Desaborrirse

Íase intitular  “Garante o Estatuto a pervivencia da nazón?” e decateime que a cousa me estaba a producir un fastío  que aumentaba ao imaxinar que nas vindeiras eleccións se volva repetir o retrouso dos últimos 30 anos sen que nada mude, que permanezan ó leme os delegados da dereita española neoliberal, aqueles que sen aparente esforzo  soerguen os intereses de quenes nada fixeron por termos autonomía nen polo seu mantemento, e  hogando,  diante  do crecemento político de Cataluña, aínda teñan licenza de esbardallar  calculadora en man dende os seus cargos institucionais (que seica lles ten conta que Cataluña non se mova para seguir ben integradiños no espazo espacio fiscal español)  no canto de atender a afortalar o espazo político galego que nos permita defrontar o futuro pola nosa conta no espazo político europeo, que non é pouco.

Ao cabo, dimos con unha  autonomía  aggregatum que precisa máis cá nunca, agora que os estados soberanos teñen abandonado a política na man  dos tecnócratas, unha virada afouta no autogoberno que pasa por recuperar o proceso autonómico, sen máis adiamentos posibles, por revisitar o Estatuto para mudalo con ambición constituinte.  Facía falta revisar con feitos o mantra de que a política do estados  está nas mans dos mercados, cousa que non é exacta,  non vaia ser que a extrema pasividade social sirva para executar a profecía autocumprida dos que queren o mercado como man invisibel e a Constitución ao servizo do conservadurismo español e das oligarquías financieiras. Se o Estatut de Catalunya  do 30 de setembro do 2005  que vai ser refrendado nada menos que polo Parlamento Catalán o Congreso e o Senado español e os cidadáns de Cataluña en referéndum  ( xa van lá 7 anos!) fose aprovado sen cerna polo Tribunal Constitucional  e  aplicado integramente, terían arranxado o problema unha xeración.  Non foi así, nen os galegos fomos quen de reformar o Estatuto nin de fresar o noso camiño en todo este tempo.   Solé Tura e Roca Junyent, tan pais da Constitución como Fraga, dixeron que pola via constitucional podíase chegar a un estado verdadeiramente federal. Rubalcaba vén de xunguirse á resposta de Rajoy.

O 11 de setembro de 2012 vai significar un punto e a parte para o federalismo catalán e español. E o federalismo galego, u-lo? Decatouse o PsG-PSOE que o seu camiño autonómico baseado no localismo paifoco está esgotado?. Por unha banda, pola actitude curtopracista da política española que non quere entender o que acontece en Cataluña; por outra, os federalistas  de EU-Anova e do PsG-Psoe (se aínda os hai) ollan para o leste e comproban como todos se volveron independentistas.  Vai aproveitar o BNG  para recuperar credenciais e  interperlar de novo á sociedade galega para modernizar o discurso soberanista e situalo no centro do debate desde a sensibilidade da esquerda?

“…  non vaia ser que a extrema pasividade social sirva para executar a profecía autocumprida dos que queren o mercado como man invisibel e a Constitución ao servizo do conservadurismo español e das oligarquías financieiras.

O estado español está a piques de perder soberanía se o rescate total  se producir.  O intre histórico que está a vivir Cataluña tamén é unha oportunidade única para os galegos recuperar o prestixio e confianza nas nosas institucións e nos nosos representantes.Temos nas vindeiras eleccións un lance no que recuperar aspiracións nacionais e que a hexemonía  política sirva para mudar o rumbo cara os intereses das clases populares galegas que a esquerda debería representar. Cómpre repararnos que, sabendo que non hai panaceas,  afortalarmos o “autonomismo” ou, se se quer, avanzarmos no “soberanismo”, debe servir para reformar a democracia, para achar sistemas de participación máis directos. Quizais o menos importante agora non é tanto o sabermos como é que chegamos a este punto de inmobilismo e de involución autonómica, senón que aceptando que somos como somos    non imos ter millor intérpretes ca  nós, e axir en concecuencia.

Neste contexto, está Galiza disposta a  avanzar no desenvolvemento dun estado confederal, ou vai teimar nese instinto suicida  e  aceptar  seguir a perder  entidade  no estado español  e en Europa? Queremos teimar en  ser suxeitos determinantes  do noso futuro  preservando os bens comúns naturais, a identidade cultural e os dereitos laborais, ou xa nos vai ben con ter os soldos e pensións máis baixos, seguir emigrando e  satisfacer, en fin, as exixencias financieiras e a política da antipolítica dos thinks tanks  da dereita española, a costa de  sacrificar a cada xeración recursos materiais e humanos sen que redunde en máis xustiza social e máis calidade de vida. Ten prezo  o noso aborrimento?

Se pensabades que a cousa autonómica e que a nazón son inesgotábeis, ide acordando do soño. Ao cabo, aborrirse está ben se sirve para deixar de estalo. Velaí unha estratexia para desaborrirse: Jordi Pujol e Felipe González apostando polo independentismo e o federalismo con 25 anos de adiamento. Hai esperanza.

4 Comments

  1. É moi doado pontificar chamando “redentor” a quen perde gran parte do seu tempo de emigrado ou exiliado, en artellar novos soportes que nos den a posibilidade de visibilizar saídas e alternativas á perda de democracia e soberanía que padecemos de toda a puta vida, maiormente de pouco para acó. Outra aperta Gelo, máis a miña non é coas duas mans ao pescozo

  2. OPA AREA !. É unha verdadeira marabilla ! Eu non me aburro! e o que se aburra que se foda, tampouco podemos andar de redentores dos demáis toda a puta vida, Ánimo e unha aperta.

  3. E máis se no renacera o Olláparo ( tamén lle debo moito os que saben andar pola vida en bloque, como irmans) igual xa case me nacionalizaba Maorí!.

  4. Falas como un libro irmán

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off