off
Cedeira, Historia — 21 Setembro, 2012 at 7:18 p.m.

Interrelacion Santo Andrés-Santiago-Santo Andrés (2ª)

by
Porto dublinés de Howth (Irlanda)

E comezaron as peregrinacións, datando no ano 951 a presencia de peregrinos ultrapirenaicos, coa chegada a Compostela de Gotescaldo, bispo de Le Puy ó fronte dunha numerosa comitiva de “jacquets”, “jacquaires” ou” “xacobitas” que era o nome polo que se chamaba ós peregrinos que se dirixían á tumba do Apóstolo Saint Jacques “Santiago”.

Quén eran estes peregrinos? Naqueles tempos onde o material e o espiritual estaban fundidos, nunha época de “universitas christiana” falta de poderes temporais-estatais fortes (haberá que spera á Época Moderna para ver aparecer as monarquías nacionais) atopámonos con distintos estamentos sociais: eclesiásticos, seglres, reis, nobres, plebeos, guerreiros, mariños, sabios mercaderes, artistas, artesáns, labregos, aventureiros, vagamundos, mendigos, pícaros, poetas, ricos, pobres, cultos, analfabetos…

Por qué viñan os pregrinos? Segundo Xosé Ramón Pousa, ” as correntes de peregrinación cara Santiago procedían dos máis partados recantos do mundo cristián: Inglaterra, Rusia, Escandinavia, Turquía, Grecia, Exipto, Abisinia e incluso a India. Os ríos de emigrantes confluían en Francia chegando ata os Pirineos a través das catro grandes vias que penetraban na Península. Ademais do Camiño Francés, consolidado definitivamente como Camiño de Santiago, existen na Península outras catro rutas: a da Costa Cantábrica, Vía da Prata, Vía Portuguesa e as rutas do mar” (6)

E son a estas últimas, ás rutas domar, ás que queremos facer referencia, e segundo Antón Pombo Rodríguez, “en palabras de Derek Lomax, Galicia non era para os ingleses aquel apartado pais do Finis Terrae situado a tantísimas xornadas, senón un lugar da costa, próximo e facilmente abordabel para un capitán experimentado….os principais protos ingleses de partida eran Bristol, Penzance, Fowey, Plymouth, Datmmouth, Weymouth, Southampton, Poole, Porstmonth, Lymingnton, os da Illa de Wright e outros menores de Sueste londinense (Dover, Sandwich) e da Costa Leste. En Irlanda: Dublin, Galway, Waterford e Kinsale. Os xermanos embarcaban en Lubec, Rostock, Hamburgo, Bremen e Colonia ( Hanseáticos). Dinamarqueses, suecos e noruegueses adoitaban achegarse a Lubeck, aínda que tamén podían partir de Estocolmo ou Bergen.

Cruceiro dos Carrís, no camiño a Santo André de Teixido

Desde o século XIII  A Coruña consolídase como porto principal de arribada…mas tamén eran usados outros portos atlánticos como os de Padrón, Noia, Muros, Baiona, Pontevedra, Muxía, Neda ou Cedeira; e no Cantábrico os de Ortigueira, Viveiro, Ribadeo”(7)

Se ben a Reforma protestante vai paralizar a ruta xacobea do mar, no século XVII moitos católicos irlandeses que fuxían de Cronwelll van chegar ás costas galegas, e fundarán en Compostela o colexio da súa nación, e no referido explícitamente ó Ortegal, e seguindo a José Carlos Breijo Rodriguez (8), vemos que no ano 1692 Bernabé Freire de Andrade, segredario do Concello de Ortigueira, deixaba escrita unha certificación no libro de actas de Ortigueira que transcrita polo autor di así:

“Por cuanto esta villa es cabeza de partido y sitio confinante a la mar donde suelen transcurrir muchas naciones hestranxeras y deste Reino e passo general para romarías al Apostol del Señor Santiago y San Andrés de Teixido (…) sus mercedes Justicia y regimiento desta Villa tienen obligación de asistir a los peregrinos con el mayor adorno y aseo…”

E no ano 1732 o Santuario de Teixido, segundo Rafael Usero, estaba en obras, recollíanse donativos e o Prior de Régoa escribía:

“…del concurso de gente que concurre de todas partes…no sólo del Reino sino de otras coroanas pues es muy constante ser Santuario tan milagroso” e tamén segundo o mesmo autor en Cedeira fundacionaba un albergue de peregrinos algúns como Juan Jorge Jiseka de Bohemia que viña de Santiago en romaría morreu no Hospital de Cedeira. Todos estes detalles e moitos máis están recollidos na obra de Rafael Usero “Cedeira y su Hospital de Pobres y Peregrinos”, separata de Estudios Mindonienses, número 13, 1997.

E no ano 1764 Josep Cornide publica un mapa no que aparece a relación entre os camiños de Santiago e o de San Andrés.

Á vista do que expoñíamos considerabamos que, efectivametne, había unha interrelación , ólongo dos séculos entre as peregrinacións a Santiago de Compostela e a San André de Teixido, e que a Vila de Cedeira está nas rutas, ben de ida,ou ben de volta, a Santiago.

 

Xoán Xosé Rodriguez, é historiador, ex-alcalde de Cedeira polo BNG (1999-2003)

Artigo publicado en  Cedeira 2001: tradición e modernidade.Concello de Cedeira. Cedeira, 2001.

Notas:

(6)A intervencion( cruzadas) de Occidente en Palestina motivou a fundación das ordes militares como a do Hospital de San Xoán de Xerusalén, orixinada cara o 1070, a iniciativa dos mercaderes de Amalfi e os membros da cal se coñecen popularmente co nome Hospitalariso, xa que acollían os peregrinos chegados a Xerusalén, nun hospital que eles dirixán e decidiron protexer o acceso á Cidade Santa desde Jaffa. Militarizáronse e convertéronse en monxes-cabaleiros, pasando a ser enfermeiros, dobrados de guerreiros.
Aparecerán convertidos en Cabaleiros de Malta desde 1530-37. Entre sa ordes militares de orixe occidental están as peninsulares de Calatrava (1164), Alcántara(1175) e dos "freires de Cáceres"(1170) axiña chamada de Santiago(1171) por asumir a defensa dos peregrinos que se dirixían a Compostela, e a de Montesa(1317), e as ordes de Aviz e do Cristo en terras portuguesas.
Estas ordes peninsulares contribuiron en grande medida á chamada Reconquista, organizaron a repoboación do Centro e Sur da Meseta, sobre toda na segunda metade do século XII e no século XIII.
(7) Xosé Ramón Pousa, Guia do Camiño de Santiago, Biblioteca Galega. Voz de Galicia, 1982, páx.20.
(8) Antón Pombo Rodriguez, en Cadernos do Camiño de Santiago, núm.5, 1994, páx.55
(9) Jose Carlos Breijo Rodríguez, San Andrés de Teixido no Camiño de Santiago de Compostela, Asociación Cultural Arrós.

Interrelacion Santo Andrés-Santiago-Santo Andrés (1ª)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off