off
Economía, Política local — 20 Setembro, 2012 at 8:20 a.m.

Cedeira Financial Studies

by

O concelleiro de Desenvolvimento Local, Luis Rubido  vén de anunciar  que o Concello de Cedeira está  a alentar a ubicación na vila vella dunha sede do  “Centro de Estudios Financieros”  (CEF) a cargo da liña subvencións da Asociación Costa Noroeste (creada para candidatar o Programa Leader 2007-2013 de fondos europeos para desenvolvemento rural). O programa Leader 2007-2012 está xestionado polos concellos asociados,  que forman a base territorial do novo Grupo de Desenvolvemento Rural constituido, o GDR-31, direccionado a dous requisitos: a dinamización do sector agrario e forestal e  a diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

CEF é empresa madrileña de ensino privado dirixida por Miguel Roque de las Heras e especializada en formación para empresas e en ciclos formativos curtos de  contabilidade, direción e administracións de empresas, asesoría fiscal, xestión empresarial e finanzas, marqueting e vendas, oposicións,etc. Tamén é editora da revista Estudios Financieros e de diversas coleccións en materia tributaria e laboral, promotora do “Premio Estudios Financieros” e con sedes principais en Madrid, Barcelona e Valencia. O Centro de Estudios Financieros é unha empresa privada de ensino que tamén se adica a finanzar proxectos como a Universidad a Distancia de Madrid (UDIMA), con sede  central na localidade española de Collado-Villalba e centro aberto na Coruña,  da que é conselleiro-delegado Roque de las Heras (e xerente, o  seu fillo, Arturo de las Heras).  Portanto, trátase dunha escola de negocio que fai negocios, de “empresarios que crean escola”. A diferencia doutros proxectos destas características que dependen dunha fundación con participación pública, CEF e UDIMA  son proxectos empresariais da familia De las Heras.

No seu dia a revista Extraconfidencial informou que:

“La revista del Centro Superior Estudios Financieros, con domicilio en la calle Viriato nº 52 de Madrid, comenzó su andadura bimensual con un número en noviembre-diciembre de 1980. Su director, en la época de Aznar, era el economista Miguel Roque de las Heras, que se acompañaba por el periodista Luis Díaz Klink. Junto a Aznar, Blanco Balín y Guillamot Bernardo ( que van ser imputados por blanqeo nos casos Gürtel e Liechtenstein)  , también figuraban personajes conocidos, como el interventor del Estado, Ricardo Bolufer Nieto, luego nombrado presidente del Instituto de Contabilidad y Auditoría de Cuentas, como también el asesor de empresas, José Carlos López, o el inspector tributario, José María González González.”

Trátase, porén, dun centro de estudos privados  que funciona como un auténtico think tank do neoliberalismo que ten no centro a clase rendista de sempre,  diseminador  do novo espírito xerencial do capitalismo, do growth machine (coalicións de elite alicerzadas na propiedade inmobiliaria e seus derivados) e  sobretodo, da fabulación do senso común económico, segundo o cal o crescimento encanto tal fai chover empregos a canadas, atraveso da súa liña editorial, do seu grupo de expertos e de medios de comunicación afins ao pensamento neoliberal e moito de déjà vu. Non hai moito a que foi Ministra de Sanidade e Consumo, hogano Vicepresidente Segunda da Mesa do  Congreso dos Deputados e Coordinadora de Participación Social do Partido Popular, Ana Mª Pastor, prologaba e presentaba un libro desta editorial, pronunciando unha “interesantísima conferencia” (sic.) sob  o título de “Sostenibilidad del Sistema Sanitario”.

Segundo informou Diario de Ferrol, CEF aspira a ser referente deste tipo de estudos no país  (que saibamos  hai anos que ten sede  en vilas grandes como Monforte de Lemos ) e para elo  pretende  ubicarse en dous predios da vila vella que xa mercou co obxectivo de rehabilitalos (gostaríanos saber cales son e o seu valor patrimonial).  Rubido Ramonde xa avanzou “a bombo e platillo” que o proxecto tamén é unha aposta pola protección do patrimonio local.  Se ben abondaría con exixir maior disciplina urbanística e aplicar políticas integradas de protección e promoción económica dende e para o país ( por exemplo,  un planning de adquisición progresiva das terras onde hai os principais castros co fin de crear as condicións de posibilidade da súa excavación e musealización). A profunda tranformación da estructura urbana de Cedeira nunca estivo acompañada dunha reflexión sobre a historicidade, nen os servizos, outrora baseados en relacións de proximidade.  Agás a demorada recuperación do Castelo da Concepción, como é ben sabido en Cedeira, a promoción turística nunca estivo ligada ao patrimonio nen á paisaxe: intervencións deturpadoras na vila vella,  escasa disciplina constructiva,  imparabel avance de repoboacións monovarietais (eucalipto).  Convén, portanto, non enlear nen banalizar conceptos e pensar que promover a protección do patrimonio ou impulsar o  “turismo rural” sen máis pode ser un desatino  sen non vai acompañado de actuacións integrais destinadas á súa posta en valor: contorna, tipoloxías, toponimia, variedade paisaxística…non vale todo, nen calquera casa, nen calquera espazo.

Non  é precisa moita pescuda para concluir que todo incremento de crecimento local, mantidas as correlacións sociais vixentes, implica unha transferencia de riqueza e modos de vida, do público en xeral para os grupos rendistas e os seus asociados.

Alén do papanatismo xeral  verbo dalgún emprendedor  feito a si mesmo (lémbranse de Mario Conde?),  que habelos hainos, gostaríanos saber porque unha empresa que se adica á formación a distancia on-line  se quere ubicar en Cedeira e non nunha área urbana, coma Narón ou Ferrol. Resulta paradoxal que dunha empresa que promove  o e-learning  fronte ao modelo de ensino presencial se diga que “favorecería estadías curtas de futuros estudantes ao longo de todo ano”.

En plena treboada financieira resulta canto menos inaudito que esta empresa descubrira, e escollera agora, Cedeira. Tamén non se vé o seu encaixe nos dous requisitos suplementares para beneficiarse de axudas do GDR Leader e que para os proxectos de natureza económica se excluan as grandes empresas (segundo o xornal El Mundo, CEF  facturaba no ano 1997, 2000 millóns das antigas pesetas).  Non se percibe o encaixe deste proxecto empresarial  no ámbito das actividades agroalimentares e forestais innovadoras tal e como prescribe o Programa Leader Galiza 2007-2013. Non  é precisa moita pescuda para concluir que todo incremento de crecimento local, mantidas as correlacións sociais vixentes, implica unha transferencia de riqueza e modos de vida, do público en xeral para os grupos rendistas e os seus asociados.

Dende comezos de ano, diferentes sindicatos veñen denunciando que os recortes acaben por conxear o sistema de formación. As universidades públicas languidecen por falta recursos e  veñen de  subir as matrículas coincidindo cos “axustes” de Raxoi.  Neste panorama, están agromando academias e axencias de colocación acreditadas  que ofrecen cursos para traballadores  que a priori deberían competir nun sistema aberto e onde aplicación efectiva dos principios do Programa Leader deberían ser unha realidade e non un mecanismo deturpador que priorice proxectos empresariais alleos, non produtivos e sen asentamento no territorio. Van crear postos de traballo directos? Van facer do galego idioma veicular?

Sabido é que a liña de axudas a través de Leader, Proder e Agader non foron quen de atallar o proceso deterioro económico, demográfico e  social das comarcas de Ferrol e do Ortegal.  Se ben o ensino é prioritario  é cando menos sorprendente que se pensen canalizar recursos públicos cara iniciativas de ensino privado non galegas cando a universidade pública galega está a sofrer severos recortes e os estudantes  unha subida do 4’5% nas matrículas.

No medio de tanta austeridade ficamos abraiados perante a idea de alentar o subsidio de empresas madrileñas con fondos do Programa Leader  cando a própria Xunta vén reducir á metade os fondos para pemes innovadoras.

Deixen  de convertir o seu fracaso nunha oportunidade que se alimenta dos medos do momento  e que  combina a liberalización económica con posicións reaccionarias no cultural e no social. A decote baixo o mantra do “emprendedorismo” camúflase a submisión da política aos ditados da ortodoxia económica e aos intereses de conglomerados empresariais sen  pregnancia nen compromiso co país. Estamos en precampaña electoral, explíquennos se a súa idea de futuro para Cedeira e para Galiza, a sociedade  que queren para sair da crise, é alentar o  subsidio con fondos públicos de proxectos empresariais non productivos que compiten co ensino superior público.

Comments are closed.

off
A %d blogueros les gusta esto: