off
Eleccións 21-OUT — 16 Setembro, 2012 at 5:39 p.m.

Rubalcaba dí que se Mas quere rachar terá diante ao PSOE

by

Afirma Rubalcaba, en plena voráxine  electoral en Galiza e Euscadi,  que  “Si Mas quiere romper con España tendrá enfrente al PSOE” (El Pais). Cómpre reparar nun aspecto non banal da afirmación do lider do PSOE na Festa da Rosa (Gavà, Barcelona) diante de Carme Chacón e Pere Navarro, novo do lider dos socialistes catalans.

A quen se dirixe  non é Cataluña, nin tan só a ANC, mas Artur Mas, o actual President. Cómpre reparar, tamén, que a marcha da Diada  vai ser convocada e organizada pola Assemblea Nacional de Catalunya reclamando o dereito a decidir, que o movemento secesionista non é de Mas nin de CiU, mas de amplas camadas da sociedade catalana tal como reflicten as enquisas. E para rematar nas apreciacións, cómpre reparar que o que contrapón á “rutura” non é o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC), mais o  Partido Socialista Obrero Español. Logo do tripartito, e agora con CIU no poder en  maridaxe co PP, o PSOE ficou sen discurso diante na chegada de novos sectores sociais ao Parlament. Neste senso, esta ofensiva pode lerse como intento de tomar a iniciativa perante a maridaxe conservadora CiU-PP e co obxectivo de recuperar un electorado desmotivado e farto dos recortes sociais nas vindeiras eleccións de Galiza e Euscadi.

Coa calculada ambigüedade da declaración,estase a confirmar que o PSC é unha franquicia do PSOE mália a recente declaración de Pere Navarro, que vén de pedir máis federalismo ao PSOE  perante o medre do independentismo. Rubalcaba deixa ao PSC nunha situación dificil que pode condealo a ser residual. Vai competir en unionismo co PP?. Non sei que opinará Pachi Vázquez da súa franquicia e do espazo político galego, da democracia galega,  do estatutiño e se vai seguir teimando en subordinar os intereses de Galiza aos de España, quer dicir, sen  autonomía fiscal dificilmente se poderán desenvolver políticas de noso dirixidas a afortalar os sectores productivos e  aumentar a xustiza social.

Logo da viaxe a ningures en Valencia e Madrid, Andalucía e Cataluña, o PSOE padece unha sobredose de neoliberalismo que drenou calquera capacidade de reaxir. A mensaxe é ben sinxela e non difire da alternativa  do PP:  se rompe España.

Rubalcaba, o príncipe na sombra, ven protagonizado os dias de viño e rosas do PSOE dende as orixes do felipismo. Mália ter intervido na reforma express da Constitución  sen referendum.  Carga agora  coa retórica dos tópicos da dereita: o medo e o non. Como se nada, nin se inmuta.

Rubalcaba, o mesmo que en tempos de Aznar espetou “este es el Gobierno más ideológico que hemos tenido” cenifica a fin da descentralización, non deixando así espazo para o modelo confederado; unha virada “niveladora” que só atende aos intereses políticos do Reino de España, capital Ferraz-Génova.

Se ésa é a evolución do PSOE, estamos perante unha recuada maiúscula.

 

2 Comments

  1. É decepcionante non ouvir máis ca afirmacións ao chou, descalificacións sen fundamento, mesmo algunha ameaza, e ningún argumento logo da exemplar Diada e a nídia mensaxe dos cataláns. O que non encaixa nas concepcións fundamentais do centralismo español é considerado arcaico ou un erro. O nacionalismo español é así: non hai maneira de escoitar discursos ben artellados que defendan a conveniencia ou non de revisar o vincallo diante dun movimento cívico inclusivo que os deixou sen argumentos. Preocúpame que nada se mova en Galiza…víase vir a intemperie logo de ficarmos sen revisión do Estatuto, agora, en pleno rearme do centralismo, cando conviña máis cá nunca alicerzar autogoberno para desenvolver políticas sociais.

  2. Como ti mesmo sinalas nos primeiros parágrafos, Rubalcaba trata de focalizar o problema nun individuo (Artur Mas) para salvagardar o teórico posicionamento federalista, coa esperanza -imaxino- de que nunca teñan que mollarse ao respecto.
    O tema é moi simple: o estado español ou España, como se prefira, igual que sucedeu en case todas as partes, non se constrúe a partir dun tratado de unión, senón con guerras, expoliacións, xenocidios, violacións, traizóns, asasinatos…
    Di Feijóo que levamos unidos 500 anos. Unidos non, xunguidos (polo xugo, quero dicir). Pois daquela xa vai sendo hora de demostrar que somos civilizados e que somos quen de consensuar libremente un tratado de unión, se for o caso de que realmente desexemos camiñar xuntos. (Autodeterminación, digo eu, que xa somos grandes para decidir).

Deixa unha resposta a AntomCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off