off
Cedeira, Historia — 15 Setembro, 2012 at 19:56

Interrelacion Santo Andrés-Santiago-Santo Andrés (1ª)

por

Arco conopial

As seguintes liñas formaban parte das alegacións presentadas a finais do mes de febreiro do ano 1998 diante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e da Presidencia da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ó abeiro do acordo de información pública que dera a Consellería,s obre o procedemento de delimitación e deslindamento do Camiño Inglés (expediente 95/10/0461- DOC número 3 do mércores, 7 de xaneiro de 1998); xa que como entendiamos daquela, e seguimos entendendo agora, que no procedemento de delimitación e deslindamento do Camiño Inglés, “…non están tódolos que son, e pensabamos que nos  anteditas delimitacións debería aparecer a que poderiamos chamar “Ruta Xacobea da Zona do Ortegal”, cun roteiro por distintos concellos entre os cales estaría Cedeira, pois, ó noso entender, esa ruta estaría nucleada entorno ó Santuario de Santo Andrés de Teixido.

Facíamos referencia no escrito de alegación aun pequeno informe sobre Santo André de Teixido no que destacabamos as características máis sobranceiras do Santuario, cun culto a Santo Andrés no que se mesturan as crenzas cristiáns con manifestacións alleas á liturxia católica, e que seguramente mostran a existencia dun Santuario “pagán” da superposición dun santo cristián (o Apóstolo San Andrés (1) e tamén mentabamos os distintos achados prehistóricos e recordabamos os numerosos túmulos megalíticos da Serra da Capelada estudiados por Federico Maciñeira e Pardo de Lama, aló polos anos 1920-30, e máis recentemente polo arqueólogo  Emilio Ramil González, que fixo un inventario de mámoas e castros no Concello de Cedeira, e que data aqueslas cunha cronoloxía que vai desde o 5000-45000 a.Xto ó 1000 a.C, e estes desdeo 850 a.C até a romanización.

Así mesmo é digna de mención o que Rafael Usero González (2) chama “rara pieza de granito”, e que segundo este autor pode estar relacionada cun culto astral que quizais garde relación con certas formas do culto priscilianistas (lembremos aquí a viaxe de Prisciliano polo Mediterráneo oriental e as “tendencias ascéticas rigoristas- do priscialianismo- e a ordenación indiscrimanda de bispos e presbíteros, quizais para as pequenas comunidades rurais” (3)

E as manifestacións que aínda vemos hoxe en Teixido, tais como botar o pan na fonte do Santo, ofrendas de exvotos de todo tipo ( animais e humanos), a herba de namorar, herba empreñadoira e parideira… Non son os restos de “crenzas pagás” semellantes á que San Martiño de Braga denunciaba no século VI? (4).

E dando un salto no tempo histórico, pois é practicamente nada o que sabemos, do relativo a esta zona, das épocas sueva, visigoda e muslmana (5) chegamos ó ano 1162 data na que, seguindo a Rafael Usero atopamos a nova máis antiga da existencia dun mosteiro en Teixido, nunhas terras dominadas polo condes de Traba, pasando despois,  por doazón, a depender as propiedades de Teixido do mosteiro de Xubia e despois do de Sobrado dos Monxes.

Mais vai ser outra orde relixiosa, que recibe grandes doazóns, a que se convertirá na protagonista fundamental da evolución histórica do Santurrio de San Andrés e de Santa María de Régoa, parroquia na que aquel está situado. Esta orde é a de San Xoán de Xerusalén, que tamén aparecerá con nome de Orde do Hospital e desde 1530 Orde Malta(6).

O 30 de ouburo de 1158 o Rei Fernando II entrégalle á antedita orde o mosteiro de Portomarín ás beiras do Miño (Lugo), e vai ser este lugar, no Camiño de Santiago (aínda hoxe se conserva a súa igrexa-fortaleza) un dos principais centros da Orde, e no que se toman decisións sobre Teixido e Régoa.

E vai ser por medio desta Orde, segundo Rafael Usero cande se produza o que este autor chama ” a proxección extrapeninsular de San Andrés de Teixido”, nun extraordinario traballo no que nos fala dos Camiños de Peregrinacion a San Andrés, dá conta da existencia dos hospitais de peregrinos en Cedeira e en Santa Marta de Ortigueira, e da morte neste hospitais, de peregrinos que procedían de Santiago de Compostela.

Pensamos que este salientabel traballo, editado neste mesmo volume (Cedeira 2001: tradición e modernidade.Concello de Cedeira. Cedeira, 2001.), do profesor Usero, debe ser exposto tal e como o redactou o seu autor no rascuño correspondente, exemplo de rigor, talento e paciencia sen límites.

E así temos, que a antedita Orde, fortemente asentada no Camiño de Santiago, potenciará tamén a peregrinacion a Santo Andrés de Teixido (os motivos lóxicamente son obvios: espirituais, económicos,…nun mundo no que o temporal e o espiritual formaban parte dun todo).

Chegados a este punto, e vendo xa a interrelación entre o Camiño de Santiago e o de Santo Andrés de Teixido, a través da Orde de San Xoán, dando unha volta atrás nese tempo histórico, vemos que, segundo a lenda, a comezos do século IX, durante o reinado do Afono II o Casto espállase a notícia de que in finibus Amaeae, nun lugar deshabitado ainda que perto da igrexa de San Fiza de Solovio, un ermitaño, Paio e logo o bispo Iriense Teodomiro descobren os restos dun pequeno edículo que identifican co sepulcro de Santiago o Maior. E o certo é que o culto a Santiago progresou de xeito espectacular, orixinando un lugar de peregrinación a través do chamado Camiño de Santiago de Compostela.

O expandimento do culto xacobeo foi impulsado polos reis asturianos que fundaron unha igrexa en Compostela á que lle concederon grandes privilexios, e deste xeito a monarquía artur-leonesa aumenta o seu dominio sobre Galicia e Santiago converténdose nun símbolo da resitencia cristía contra os musulmáns.

Pensamos que hoxe en día preguntarnos se se atopa ou non en Compostela a tumba do Apóstolo non ten lugar, xa que como di Claudio Sanchez Albornoz en “España, un enigma histórico”, ” a realidade da presenza do corpo de Santiago de Compostela no produciría resultados de maior relevo histórico que os provocados pola fe, clara, profunda, exaltada que tiveron os europeos durante moitos séculos na milagreira chegada dos restos apostólicos a terras de Galicia.. Pouco importa que o sepulcro compostelá sexa ou non o sepulcro do Apóstolo…”


Xoán Xosé Rodriguez, é historiador, ex-alcalde de Cedeira polo BNG (1999-2003)

Artigo publicado en  Cedeira 2001: tradición e modernidade.Concello de Cedeira. Cedeira, 2001.

Notas:

(1) Cando se produciu esa superposición dun santo cristián-Santo André- sobre un santuario "pagán2? A verdade é que isto, de momento, é imposible de respostar, xa que se seguimos a Valeriano Bozal, vemos que " as orixes da difusión do Cristiniamismo en España están cheas de lendas piadosas qe impiden fixales con exactitude. A predicación de SAntiago baséase en testemuños nada seguros atopados en textos do século VII. A lenda dos  sete varóns apostólicos segunda unha tradición creada entre os séculos V e VI, fala do Cristianismo ans terras do Sur, e adína que nons exa certa a súa totalidade, os focos cristiáns que enumera parecen razonables. Guadix, Albumiel de Cambil (Jaén), Usci (Alemería), Iliturgis (Jaén), Elvira (Granada), Carchel (Jaén). No século II hai xa algunha dióceses oarganizdas: Astorga, Mérida e Zaragoza, ademais de testemuños doutros bispos que non sabemos até que punto tiñan organizado o seu bispado. Pero tratábase de focos máis ou menos reducidos, pois no mesmo século matníñase culto a Isis, ó deus Mitra e no séuclo V adicábase una altar a un deus primitivo en Santader. Parece ser que a difusión do Cristianismo prodúcese a través das vías comerciais e dos soldados que viña doutras partes do Imperio Romano... É  apartir do século IV cando se pode comezar a falar dunha cultura cristián peninsular..."(Valeriano Bozal, Historia da arte en España, tomo I, Editorial Istmo,Madrid 1993, páxs. 42-42)
No tocante a Galiza, segundo Ramón Villares, a chegada do Cristianismo é un feito serodio, xa que "ningunha noticia, nin literaria, nin arqueolóxica permite falar de cristianización de Galiza denantes do ano 200, sendo as primeiras comunidades cristiáns que se coñecen de mediados do século III...Esta implantación do Cristianismo non foi, óbviamente homoxénea, mais as principais cidade de "Gallaecia", fóronse convertendo en sedes episcopais ó longo do século IV, namentres que no seo da poboación rural proseguían vixentes cultos e tradicións pagáns..." (Ramón Villares Paz, A Historia, Editorial Galaxia, Vigo, 1988 , páxs. 56-57)
(2) Rafael Usero González, El Santuario de San Andrés de Teixido, 2ªed. 1992. Temos que destacar aquí que esta obre é o cumio de todo o publicado sobre Santo André de Teixido, e o seu autor, cronista oficial da Vila e Terra de Cedeira, Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, mestre da súa especialidade no IES de Cedeira, labor docente que compaxina coa investigación histórica da súa terra natal. Ten publicado numerosos traballos nos tomos de Gran Enciclopedia Galega, e en 1986 publicaba Sir Lanzarote do Lago e a a súa proxenia cedeiresa. Pertence ó Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, e calidade demembro colaborador e ó Consello da Estudios Mindonienses, nas publicacións do cal aparecen periódicamente traballos seus, tais como Las murallas de Cedeira, e Cedeira y su Hospital de pobres e peregrinos. Así mesmo, ten publicados numerosos artigos en xornais e revistas especializadas. Temos que facer constar aquí que Rafael Usero é un exemplo de bo facer, a nivel de docencia e de investigación, tanto polo seu talento natural como polos seus métodos de análise e traballo: serios, científicos e rigorosos.Desde aquí querémoslle agradecer a súa grande, desinteresada e nobre axuda na elaboración do prsente informe, e remarcar que a súa persoa e o seu quefacer diario son un exemplo para todos os rapaces e rapazas que queiran saber de claquer tema relacionado co seu pobo, Cedeira, e as súas xentes.
(3) M. C. Díaz e Díaz, A Cristianización de Galicia.Cadernos do Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, número 16
(4) " Acordádevos, logo, do pacto que fixestes con Deus no bautismo, no que prometestes renunciar ó demo e ós seus anxos e a tódalas súas obras malas; confesastes crer no Pai e no Fillo e no Espírito Santo e esperar na fin dos séculos, a resurrección da carne e a vida eterna.
Velaí o que asegurastes e promestestes ante Deus.Entón, como é que volven ós cultos do demos algúns de vós que renunciaran a el, ós seus anxos e ás súas malas obras? Pois andar acendendo velas onda as penas, as árbores, as fontes e nas encrucilladas, que é senón culto ó demo? Practicar adiviñacións e agoiros e agardar os días dos ídolos, que é senón culto ó demo? Celebrar as Vulcanais e as Calendas, adornar as mesas, poñer ramos de loureiro, mirar qué pé se usa, botar gra e viño no lume por riba das achas e poñer pan nas fontes, que é senon culto ó demo? Que as mulleres invoquen a Minerva mentres tecen, que se escolla o día de Venus para casar ou que se ande a mirar que día sair de viaxe, que é senón culto ó demo? Encantar herbas para botar o mal de ollo e invocar o nome do demo para estes encantamentos, que é senón culto ó demo? E moitas outras cousas que sería moi longo enumerar..." (Martiño de Braga, De corretions rusticorum, XV-XVI, século VII.
 (5) Sabemos, seguindo as crónicas medievais, que Muza chega a Lugo no ano 714, e que a presenza dos musulmáns en Galicia é esporádica e polo tanto a "reconquista" das principais cidades, polos monarcas asturianos, vai ser relativamente fácil.

Interrelacion Santo Andrés-Santiago-Santo Andrés (2ª)

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: