off
Cinema, Educación, Opinión, Pensamento — 10 Setembro, 2012 at 8:02 a.m.

Filosofa, só é o comezo

by

A estrea en setembro 2012 de  Ce n’est qu’un debut (Só é o comezo)  non puido ser máis acaída. Vérmola, agora, coincidindo co comezo do curso escolar, é unha feliz oportunidade para  debullar o relevo do pensamento crítico na educación,  para a formación de cidadáns,  para a democracia.  Abofé, o momento non podía ser máis acaído. Agora que o ministerio de eduación teima en manter os concertos educativos aos centros que segregan alumnos por sexo e a escola pública padece unha involución con aulas ateigadas e educadores desmotivados.  Ce n’est qu’un debut é un filme documental que pouca xente verá, se cadrar, a fin de evitar a súa influencia mália atopar nel moitas cousas que permanecen ocultas en nós, e que moitos nunca abrirán, ou que nunca verán por causas máis banais, porque haberá pouco tempo para ela nas  multisalas que a programen,  ou porque sempre será doado escollerunha película de acción americana cá un documental francés (ben divertido, por certo) o que non deixa de ser máis unha mostra do cinismo social que nos invade. Porque o filme  trata  de preguntar, e de preguntarse, dialogando sobre os temas de sempre:  a liberdade, a diferencia, a vida, a morte, o pensar…o outro.

Nun intre no que a escola pública está a padecer unha desfeita programada, o documental de Jean Pierre Pozzi e Pierre Barouzier acada unha dimensión política que, sendo consubstancial  ao pensamento crítico e a función social do educador, a decote fica agochada polo cinismo e certa preguiza intelectual.

Velaí o desafío: poden os miúdos de 5 anos proporse as cuestións fundamentais da vida? Aquelas que a decote denominamos cuestións filosóficas, poden agromar na formulación dialóxica de nenos e de nenas dunha bainlieu parisina?

As “bainlieues” son os arrabaldos das grandes cidades, os suburbios  residenciais onde se concentraron obreiros, maiormente magrebís e africanos, a partires dos anos 60. Pascaline, educadora na bainlieu Jacques Prévert de Le Mée-sur-Seine  , logo de escoitar a Michel Onfray (filósofo e mestre de instituto  que vai crear a Universidade Popular de Caen), decide implantar a experiencia filosófica na súa aula ao dictado inspirador do prestixioso filósofo : “todas as crianzas son grandes filósof@s” (a @ é un meu engadido)

E velaí que a partires deste principio a cámara amosa unha experiencia pedagóxica demorada por dous anos na escola “maternelle”, dúas veces por semana.  A cámara non se debruza como simples espectadora dunha cotiá actividade escolar; a cámara esculca as palabras e os rostros, procura a experiencia do preguntar nas  reaccións e nos acenos, nos bocexos, na asociación non prevista e divertida, tamén nos silencios…

Porque o pensamento precisa tempo para debruzarse perante sí mesmo, precisa de ritual (miudos e mestra forman un círculo e acenden unha candea antes de comezar cada obradoiro), precisa da espontaneidade da linguaxe e da asociación intuitiva. Devagariño irán agromando respostas e perguntas. Respostas, por exemplo,  a qué é a intelixencia: ser intelixente significa non pór nunca a Nutella na neveira mas no chineiro.

Entanto a mestra se adica a distribuir  e organizar  (que non a conducir nen a moralizar ) a experiencia primeira do nomear,  dun xeito que lembra a  maiéiutica socrática  como arte de facer descobrir, nenas e nenos irán artellando unha disposición polo pensar que,  cando se basea na escoita activa, conduce  ao a-sisar e á  ética  da non violencia;  un arsenal provisorio (unha actitude crítica?), ferramentas retóricas improvisadas para formular; un formento do discernir futuro, aquí e agora.

Nembargante, para algúns ficará o pouso amargo de sabermos que a escola pública  depauperada dificilmente atallará as disparidades de orixe, reproducindo o sistema social que escolle e tutela  aqueles que han ficar nas marxes ou na reserva. Logo da escola “maternelle” ha de vir a escola primaria. Só é o comezo, sen dúbida. Quédome con esa defensa afouta da educadora comprometida que tanto prestixia o servizo público educativo.

Ce n’est qu’un debut

Franza, 2012

Dirección: Pierre Barougier e Jean-Pierre Pozzi

Duración: 98 min.

Xénero: Documental

Idioma: Francés

 

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: