off
Literatura — 7 Setembro, 2012 at 3:00 p.m.

Un místico na tertulia de El Ateneo

by

Francisco Luis Bernárdez, poeta de orixe galega e inspirado autor de La Ciudad sin Laura, escribeu, a máis dos seus celebrados poemas de amor e dunha defensa afouta da língua e cultura galegas, poesías de tono relixioso e ascético nas que apañou o millor da tradición místico-relixiosa  

Foto: CCEBA.De pé, de dereita a esquerda, Francisco Luis Bernárdez, Jorge Luis Borges, Conrado Nalé Roxlo, Amado Villar, non identificado. Sentado, terceiro de esquerda a dereita, o poeta Gerardo Diego

Os anos sesenta van ser tempos nos que os porteños tiñamos o alegre costume de camiñar pola rúa Florida para vermos os amigos e celebrar encontros nas súas pastelarias; podíaste cruzar con personaxes que facían a historia cotiá da cidade. As galerías de arte, o estrambótico e multitudinario Di Tella, a paralela galería do Leste e as librarias tamén eran lugares de reunión e de encontro. As exposicións oferecían de vez en cando sorpresas ben agradables e nalgúns salóns escoitábanse ás veces conferencias ben interesantes. Co decorrer dos anos a rúa Florida chegou a ter até tres teatros: o da libraria Kraft, o do Instituto de Arte Moderna (nos fondos da galería Van Riel) e o Di Tella, máis cá experimental.

El Ateneo, a arquetípica libraría de don Pedro García, toda unha institución histórica na cidade, era outro dos lugares máis frecuentados da rúa Florida. Non só convocaba lectores máis tamén escritores como Borges, Bernárdez, Mastronardi, Molinari, Cancela, González Lanuza, Marasso, Norah Lange, Mallea, Martha Lynch, Marechal, Miguel Ángel Bustos, e o sempiterno político, poeta e editor galego Arturo Cuadrado. O libreiro  xefe, Francisco Gil, dende o seu seu mostrador que empregaba como púlpito, era a figura afabel que harmonizaba aqueles temperamentos dispares. Valéndose desa rica concorrencia, o imaxinativo libreiro organizou en setembro de 1965 a primeira Feira de Libros, chamada “La primavera de las letras”,  inspiradora sen dúbida da actual feira.

Contra mediados dos anos sesenta, no serán, o poeta Francisco Luis Bernárdez cumpría co rito de visitar a cotío a libraría El Ateneo, onde o seu vello amigo, Francisco Gil, o informaba a respeito das novidades que ían aparecendo. Bernárdez podía pasar tempo demorado nas mesas a follear os libros que lle interesaban. Viña acompañado de Laura González Palau, a súa inseparabel dona, a quen adicou o seu famoso poemario La ciudad sin Laura. Apaixonado lector, era habitual atopar a “Paco Luis”, que así era como o chamabamos con afecto, cun libro pegado aos ollos a causa da súa miopía, suspendendo a lectura aos poucos para apertar a mán dos coñecidos que se achegaban a comprimentar.

Debuxo:  Cándido Fernández Mazas

 

Bernárdez naceu en Bos Aires o 5 de outubro de 1900. Modesto, considerado no trato coas persoas, teimou con desvelo en pasar sempre  inadvertido, en permanecer detrás da súa obra. “Paco Luis es una de las personas más discretas que he conocido”, escoiteille dicir unha vez  a Leopoldo Marechal, o seu más íntimo amigo. Bernárdez evitaba no posibel falar de si mesmo, xa que pensaba, convencido, que o menos importante nun poeta é a súa biografía. Preciso nos conceptos, case como unha confesión dos seus principios, dí nuns versos de “El silencio”:

No digas nada, no preguntes nada.

Cuando quieras hablar, quédate mudo:

que un silencio sin fin sea tu escudo

y al mismo tiempo tu perfecta espada.

A comezos dos anos vinte, Bernárdez aderiuse con pulo xuvenil ao ultraísmo que Borges –logo da súa longa permanencia en Europa- trouxera das tertulias madrileñas de Rafael Cansinos-Asséns. Pasou a facer parte activa dese movimento de vangarda que tentaba rachar o estañamento da poesía arxentina, parapetada nos vellos moldes dun xa desmellorado modernismo e nas antigas maneiras románticas, sempre anecdóticas e invariables. A esas vellas fórmulas, Bernárdez e os seus compañeiros de xeración respostaron coa orixinalidade das novas concepcións, nas que a metáfora e a adxectivación precisa cumpría un papel fulcral.

Sen negarse a incorporar nos seus textos os novos recursos poéticos propostos polas mellores avangardas europeas, a xeración de Bernárdez foi alén as modas que afectaban a poesía da época e acadou a súa máxima expresión perfeccionando as formas, quizáis inspirada naquela famosa frase de Oscar Wilde: “Se en poesía non conta a métrica, estamos á toa dos xenios”. Seguros nese vieiro de fidelidade á palabra, aceptaron innovacións, sen caer en nengún extremo.

Como Borges, Bernárdez permaneceu tamén algúns anos en España e en Galiza, onde encetou a súa carreira poética. Morou en Madrid e  Vigo,  exerceu o xornalismo e publicou os seus tres primeiros libros: Orto, Bazar, prologado por Gómez de la Serna, e Kindergarten.  Nesta estadía na Galiza, o xove Bernárdez vai desenvolver relación con  Valle-Inclán, Pimentel e Ramón Cabanillas: “Foi cara 1922 cando eu o coñecin. Traballaba Cabanillas no Hotel-balneario de Mondariz; sendo admiradísimo polos seus propietarios, os irmáns Peinadora; e eu, ocasionalmente en Vigo, facía de redactor en “El Pueblo Gallego”. Produto desta prístina volta ás orixes, o poeta vai frecuentar tertulia con con Rafael Dieste, Amado Villar, Maside,  Amado Carballo, Roberto Blanco Torres, entre outros. Sen dúbida,  o paso por Galiza con 22 anos vai ser un curto aínda que intenso período de aprendizado e formación galeguista de Francisco Luís Bernárdez. Mália non ter desenvolvido obra poética  en galego  a amizade con Castelao e  o paso  pola terra dos seus pais (ambos de Dacón, O Carballiño), vai ser o comezo dun  tránsito da mocidade á madurez,  do sentimental ao intelectual e, finalmente,  á defensa do  idioma galego a comezos dos 50:  “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953 por Edicións Galicia de Bos Aires, e no 54, na Revista “Criterio,”  “El Idioma Prohibido”.  Nos 60 a editorial Losada publicará tamén en galego  “Lembranzas de Castelao, Pimentel, Cabanillas, Rosalia”  e “Florilegio del Cancionero de Vaticana” (  Losada, 1967)

Pasado o fervor das avangarda, xerouse cara a década dos trinta o que podemos chamar unha volta ás fontes. Leopoldo Lugones volveu selo mestre e o seu apostolado recuperou novos azos. O próprio Borges, que o tiña atacado con irreverencia, comezou a consideralo doutro xeito. Francisco Luis Bernárdez e Leopoldo Marechal, que endexamáis abandonaron de todo as formas clásicas, encabezaban a nova cruzada.

A mediados dos anos trinta, Bernárdez e Marechal fundaron a revista Libra. Católicos militantes, ambos e  dous exaltarían nos seus poemas, ao xeito de  Claudel e Péguy, a fe relixiosa. Con Marechal, Bernárdez compartiría también un cuarto durante unha longa permanencia en París. En 1935 Bernárdez publicou El buque, un libro escrito durante a súa estada en La Calera, un pequeno pobo da província de Córdoba. A editorial Sur, dirixida por Victoria Ocampo, foi o selo que o publicou. A amizade de Bernárdez con Victoria levouno tamén a colaborar asiduamente na revista Sur. Ese mesmo ano, polo seu libro El buque, gañou o Primeiro Premio Municipal de Poesía. Nesa obra, tan celebrada pola crítica, o poeta propúxose recuperar da súa maneira, a mística e os primeiros pasos de Fray Luis de León: “Y pensando y soñando/ Y cantando y llorando voy viviendo/ No sé cómo ni cuándo,/ Ni dónde, pero entiendo/ Que voy viviendo porque voy muriendo.”

Preocupado esencialmente pola linguaxe, Bernárdez incursionou en todas as formas métricas. Escribiu unha poesía ascética, chea de vivencias espirituais e relixiosas, e verteu no seus versos o millor de toda a tradición española. A súa grande achega vai ser a creación dun verso de ventidúas sílabas que empregou nos seus poemas  máis afoutos. Nese metro de nove máis trece sílabas está escrito no seu memorabel poema “Estar enamorado”, de La ciudad sin Laura.

En 1937 apareceu outro libro esencial de Bernárdez, Cielo de tierra, nos que deixa aflorar en impecables endecasílabos a espiritualidade en cada verso.Emporiso, é no libro Poemas de carne y hueso (1943), onde os octosílabos de carácter relixioso, ao xeito de Fray Luis de León, acadan a frescura e calidade da millor tradición da língua española:

Quiso nacer en las casas

De los hombres, por amor.

Los hombres estaban ciegos

Y le dijeron que no.

Recorrió todas las puertas,

Pero ninguna se abrió.

Los pechos también cerrados,

No tenían compasión.

Señor:

En un establo es mejor.

En 1938, Bernárdez publicou o seu libro quizáis máis orixinal e de maior beleza: La ciudad sin Laura, adicado, como xa apuntabamos, á súa dona. A esa obra pertencen dous dos seus máis famosos e emotivos poemas: “Estar enamorado” e “Soneto del amor unitivo”. Toda a súa esperanza no amor está posta neses versos, nos que o poeta acada o máis alto intre de lirismo.

Os sobranceiros nomes de Petrarca, de Dante e Garcilaso están presentes nos seus magníficos poemas, nos que Bernárdez tentou recuperar os máis grandes momentos da lírica castelán. Laura tamén se chamaba a amada na poesía de Petrarca.

A La ciudad sin Laura seguiron outros libros que consolidaron a obra de Bernárdez, dono xa dun rexistro de seu. En 1945, por El ruiseñor, distinguírono co Premio Nacional de Literatura.

Como Borges, Bioy Casares, Silvina Ocampo e Marechal, Francisco Luis Bernárdez pertencía a esa particular raza dos grandes conversadores, eses conversadores que facían gorentar ao interlocutor o pracer do diálogo. Un encontro con Bernárdez era sempre agradabel. Sabía darlle interese ás súas palabras, sabía ouvir e, virtude esencial, sabía preguntarse á maneira socrática, enriquecendo o diálogo. Tiven a felicidade de coincidir con Borges e Bernárdez nunha mesa da Cantina Norte, na antiga rúa Charcas, nos anos setenta, e ser privilexiado ouvinte dun diálogo entre eses dous grandes conversadores e amigos; non me perdono o non telo rexistrado. Borges e él eran contertúlios de toda a vida, compañeiros de demoradas andainas por Buenos Aires, de guindado compartido, como a decote  gostaban de lembrar.

A década dos sesenta vai ser para Bernárdez un período de intensa actividade literaria. Eduardo Mallea, outro dos seus grandes amigos, dirixía o Suplemento Cultural de La Nación e facía colaborar regularmente ao poeta con comentarios de libros. Contra os anos setenta comezou a publicar no diario Clarín valiosas reseñas sobre poetas da súa xeración. Finou en Buenos Aires o 24 de outubro de 1978.

Aínda que incomprensiblemente esquecida, a poesía de Francisco Luis Bernárdez permanece pura e lúcida, abonda con frecuentala.

 

Roberto Alifano é poeta, narrador e xornalista arxentino, director da revista Proa de las letras y las artes.  Amigo, amanuense e biógrafo de Jorge Luís Borges. Premio da Crítica Española, en 1987, pola súa obra “Borges, biografía verbal”. Biografía

 

Ligazóns para ampliar información:

-Pérez Leira,Lois .Francisco Luís Bernárdez: Escritor do Grupo Florida, defensor da lingua galega. Enciclopedia da Emigración Galega. CiG. Dispoñibel en : http://enciclopediadaemigraciongalega.com/biografias/bernardes_francisco.htm (Consulta: 4/09/2012)

-Francisco Luís Bernárdez. A media voz. Dispoñibel en: http://amediavoz.com/bernardez.htm(Consulta: 4/09/2012)

-Francisco Luís Bernárdez. Galicia espallada. Dispoñibel en: http://www.galiciaespallada.com.ar/francisco_bernardez.htm (Consulta: 4/09/2012)

Versión galega:Gabriel Beceiro

Comments are closed.

off