off
Cedeira, Política local, Redes sociais — 30 Agosto, 2012 at 9:43 a.m.

Clientelismo 2.0

by

Nen a crise, nen os recortes sociais  (exclusión social, debalo dos fondos de prevención da pobreza), nen a a reforma laboral (que veñen de provocar un  aumento exponencial do desemprego  e dos desafiuzamentos) derivados das políticas neoliberais do PP – PSOE,  deberían servir de coartada para  manter as prácticas clientelares. Mais, por veces, as cousas mostran ser exactamente tan máis como pareceran á primeira vista.

Algúns   recordaredes aínda o Manifiesto do Foro Luzes de Galiza (asinado, entre outros, por Anton Baamonde, Manuel Rivas, Miguel Anxo Murado, Suso de Toro, Lino Braxe) que alertaba contra o clientelismo que erosiona a base  socioeconómica da democracia galega, lectura da nosa realidade que preserva unha infeliz vixencia. O clientelismo tende a afortalar os intereses corporativistas, principal enimigo do interese común.

Gostaríanos non claudicar perante o desencanto da memoria e maxinar cenarios de empoderamento cidadán alí onde as dimensions de poder derivadas da proximidade das  relacións familiares, laborais e as redes sociais  locais  se amosan  de xeito máis directo e condicionador do poder efectivo da esfera privada sobre a esfera pública.

Mália as fondas mudanzas que a revolución dixital e da información está a producir nas prácticas sociais,  poucas cousas mudaron verbo dun clientelismo de dificil superación xa que goza de grande permisión social e atopa resistencia nunhas formas culturais de poder arraigadas nos espazos locais. Mesmo a construcción dunha identidade dixital no Web 2.0 (redes sociais, blogs, etc) debulla  tamén atributos pasivos ao  alcance dos dispositivos de control social que clasifican, ordenan e convirten eses atributos en palabras clave e etiquetas fóra do noso control e ao alcance de calquera organismo ou interese corporativo.  Deste modo, significarse públicamente pode levar á exclusión da participación na rede social real e implicar  a marxinación do acceso a condicións de reproducción social e económica, por tanto, accédese a lexitimar  inequidades en troca de participar das prebendas (en forma de posto de traballo ou influencias)  que son garantidas por facer parte da rede.

Se ben a precarización e a falta de expectativas na vila, na comarca e no país poden alentar aos incautos a entrar nese xogo de “complicidades” entre as administracións e as empresas ávidas de condicións de avantaxe, o exercizo da democracia non pode alicerzarse  en millorar a mediocridade se queremos  garantir o ben común en igualdade para alén das lexítimas abscricións ideolóxicas de cada un.

Aínda que nengún partido foi totalmente inmune a esta práctica,  e que tamén non houbo  a necesaria autocrítica dado que ten rendimento electoral, o balanzo é desigual se fitamos o longo currículum de perversión deliberada dos mecanismos institucionais en beneficio de quen  administra.  Xunta, deputacións e concellos, can nos mesmos erros á hora de deseñar concursos públicos. As grandes empresas gañadoras, a miúdo con sede fora da contorna e de Galiza, utilizan sistemáticamente como fornecedores a outras empresas situadas lonxe do país- e moitas veces non por motivos de prezo ou calidade senón porque arrincan gaños para a empresa matriz (exemplo, entre outros,  o de Eulen ).

Lévase escrito moito da urxente necesidade de mudar a cultura política de Galiza aínda homoxeneizada polo silandeiro nacionalismo español  que penetra e dirixe a mantenta as sucursais do PP e do PSOE e a cabalo de un cada vez máis evidente programa neoliberal.  Os resultados son abafantes: dende 2009, 13.000 licenciados sairon do país. Podemos seguir a aturar esta sangría antes de albiscar un debalo maior?

O mito do presente inalterado: a servidume consentida

O post-franquismo argallou toda unha mitoloxía do presente inalterado  que chamou cínicamente  “Transición española”;  alentadora dunha autonomía alicerzada nas persistentes estructuras de poder do estado español ás que se viñeron sumar quenes pactaron cos post-franquistas e a banca no PSOE,  no PC,  no PNB e  en CiU.

O rexime resultante sirveuse dun clientelismo de nova feitura que se espallou por todo o territorio galego a través das Deputacións, e da própria Xunta actuando coma ente provincial tutelado, e non como  ente vertebrador do país. Un coñecido xornal coruñés de dereitas tamén fixo a súa achega á hora de perfilar unha anovada instrumentalización abusiva das vellas canles caciquís, dos medios de información/persuasión públicos  e privados e  de políticas públicas de carácter clasista que pretenden a nosa conversión nos seus “recursos humanos” e aos educadores en “técnicos de mantenimiento del sistema” que axuden a consolidar as afinidades selectivas dentro do poder provincial/local e  permitan posicionar os servizos privados, afíns no reparto dos concursos e concesións. Como aqueles que persiten en segregar por sexos ou tratar o idioma, a cultura e as empresas do país como se foran manifestacións  alleas ou mundos paralelos só existentes como medio de captación dunha parte dos orzamentos públicos.

O  “mito do presente intalterado” permitiu a consolidación e medre de perfís políticos coma o de Rubido Ramonde, alcalde de Cedeira, tan do gosto do facherío madrileño e de certo establishment local ávido de “ir facendo sen que se note”. Sen dúbida, o máis habelencioso dos proxectos políticos locais:  soubo capitalizar que mália os cambios, él non mudou en corenta anos.  Infelizmente non é o único. Que de algures veñen as maiorías “populares” en Cedeira, na comarca e no país. A dereita tende a confundirse coa paisaxe.

O  alcalde de Cedeira, que  xa o era no ano 1978, participou activamente dun tempo no que se fraguou a insuficiencia dunha Autonomía Galega tutelada dende o post-franquismo.  Agás dúas lexislaturas, a família política que agora goberna en Cedeira leva practicando corenta anos un eficaz clientelismo de baixa intensidade (a diferenza doutras vilas, aquí non se instalou multinacional ningunha): desde o seguimento  diferido da afinidade política da cidadanía a través da “profesionalización” dos apoderados nas mesas electorais, coa xestión amiga de pequenos servizos -que non se presentan coma dereitos senón como favores- nas parroquias  e  en aldeas cada vez máis baleiras e dependentes, visibilizando asín o seu poder a través de ocupación  ou coa habelenciosa  inclusión cada certo tempo de algún Godoy de moda, nomeadamente  madeiristas, promotores e constructores en auxe, o que lles permitiu ir creando e afortalando unha extensa clientela política. Tanto tempo acumulando poder  só pode levar a unha socialización do amiguismo e da desconfianza. Unha rede de favores e dependencias que levou a dicir a un coñecido constructor, sen dúbida  nun intre de imprudente euforia, que quen mandaba en Cedeira era él.  A máis, as progresivas externalizacións e privatizacións permiten unha gran variedade de contractacións  de dificil seguimento, sobretodo cando a debilidade da oposición política non permite penetrar e  contrarrestar con información e liderado a tupida rede de silencios e mercadeo de favores.

En Ferrolterra e Ortegal hai máis personaxes populares baixo sospeita de acumulación de poder, alcaldábeis dende SEMPRE ou case SEMPRE onde  o poder das conviccións democráticas e da decisión informada sustitúese polo poder da “persuasión” e da “servidume consentida”, feito que coñecerán ben aqueles que ousaran manifestarse críticamente dentro dos seus feudum . Velaí que no século XXI os destinos de persoas que habitan a Comarca de Ferrolterra/Ortegal que sexan quen de aturar estes tempos de crise, paro e incerteza sen emigrar, deben saber xa a estas alturas, que non é doado atopar traballo sen pasar polo círculo da axencia de recursos humans que alimenta ao Partido Popular, máis aínda se ten boa formación e pretende exercer profesionalmente como cargo medio nalgunha empresa privada que forma parte da rapeta sen pasar polo copo.  O control laboral coa connivencia e participación dalgún “sindicato general” pecha o círculo do lance de rede, non social senón “glebal”:  pola carga da indignidade das prebendas, tamén pola manipulación dunha gran parte da carga de traballo da zona como renda electoral.

O fracaso da esquerda cedeiresa pode parecer un breve e anecdótico período logo de décadas de goberno da dereita, mas o seu paralelismo  co bipartito da Xunta non debe obviar que esa esquerda sui generis, a forza de querer contentar a todo o mundo, decepcionou a case todos.  Non se aprendeu da anterior experiencia de goberno coaligado BNG-PsG-PSOE, e seguiuse a dicir a cada sector o que quería escoitar. Obviouse que a sociedade cedeiresa é galega, é dicir, está socializada na indiferencia autonómica- a esquerda e a dereita- caldo de cultivo do capital electoral do Partido Popular. Non se gañou en complicidade alén das diferencias ideolóxicas, nun proxecto común. O eleitorado de esquerda nunca entendeu que se perderan dúas oportunidades. Actuouse contranatura, axindo cos mesmos mecanismos a bater,  baixo o soño dun poder sen hexemonía social, e o acordar foi duro. Terán que comezar de novo logo da desbandada e da indiferencia xeralizada, e non vai xa sen tempo…

Postmoderno control social

Está por ver si se vai repetir nas vindeiras eleccións autonómicas na comarca, aquela praxe tan fea das pasadas municipais de procurar o voto por correo de maiores dependentes tratando con antelación con familiares ou si se vai a multiplicar o risco que asume calquera traballador que pida o voto nas eleccións sindicais e municipais na comarca ou se visibilice críticamente nas redes sociais. En rigor, a personalidade dixital pasiva, esa que reconfigura os motores de busca e os aplicativos do Web 2.0, está fora do noso control e posta a disposición dun postmoderno control social (e non só para as empresas de marqueting) para os organismos de vixilancia e seguranza. Unha nova configuración  de un mesmo que nos fai públicos e que nos fai cuestionar até que punto non estamos a perder autonomía no canto de gañar soberanía perante o uso clientelar do poder, que atopa na rede de vixilancia dixital que fai do dereito á identidade,  unha excusa para desenvolver sistemas de control social sobre a poboación, que nos fai máis vulnerabeis e nos condiciona á hora de tomar de decisións. Porque o clientelismo baséase máis no control e delimitación exhaustiva de todo o que exclue do seu círculo de influencia, que no inventario das servidumes que crea, xa que éstas son funxibles e intercambiables.

Porque o clientelismo baséase máis no control e delimitación exhaustiva de todo o que exclue do seu círculo de influencia, que no inventario das servidumes que crea, xa que éstas son funxibles e intercambiables.

 

Dun xeito natural chegouse a ver como natural o que realmente son actitudes indecentes, que os investimentos se fagan atendendo á cor política ou que se acade un posto de traballo sen atender a méritos.  O grau de socialización no amiguismo é tal que cando por primeira vez se fixeron oposicións transparentes, foi a propia esquerda que os convocaba e a “razón progresista” dunha parte da cidadanía, quen veu amosar os piores síntomas de culpabilidade mália teren feito as cousas ben.  Cando o que se necesitaba  para non crear “sentimento de culpabilidade” é, precisamente, teimar até normalizar os procesos públicos conforme a dereito e ao principio de mérito obxectivo.

Todo iso non se improvisa, son anos de experiencia na xestión a vontade desa rede clientelar, que  o pasado  mes de xullo volveuse pór de relevo coa concesión dunha subvención de 32.000 euros  a unha descoñecida asociación denominada Pro-Cedeira ou a través do  “Caso Baturro” no que ao parecer está implicado o Godoy desta lexislatura, o concelleiro-promotor Alfredo Vilela Santalla.

Cómo é posibel que unha única asociación acapare unha cantidade asín de recursos ao tempo que se fai prédica de “austeridade”? A ideoloxía da austeridade permite administrar cómo e cando conveña. Por iso lles incomoda tanto que haxa funcionarios con criterio que cumpren cos informes técnicos e coa  lexislación vixente  (ver Conflito de intereses e urbanismo. A propósito dun caso) ou que sexa a cidadanía quen denuncie a arbitraridade perante  o desleixo da oposición. Non dispoñen os partidos de mecanismos de control de calidade e boas conductas máis alá de perpetuar no poder a estes personaxes?

O resultado sempre é o mesmo: localismo paifoco e sentimental incapaz de redefinir obxectivos estratéxicos a longo prazo, inseridos  e aliñados cos intereses da  comarca e  do país.

Está aínda por verse  o impacto na política cedeiresa a  instalación de empresas do polígono da Trabe: os procesos de contractación sempre son abondosos en “avistamentos de postos de traballo non identificados”.

Cando se está a chegar a unha cuarta parte da poboación desempregada é unha irresponsabilidade ou directamente unha agresión á cidadanía non repensar a fondo os modelos de concurso públicos. Estamos a falar de normas claras, transparentes, e ao tempo nídiamente priorizadoras da ocupación própria.

Sería dificil afondar para identificarmos os mecanismos propios da política cedeiresa e comarcal no marco da  política galega, mais podemos ir debullando algunha sintomatoloxía:  reforzan a reprodución  das desigualdades, impactando especialmente nas mulleres e na cidadanía non submisa diante da discrecionalidade do exercizo do poder público, a escasa deliberación, o desigual acceso ás redes de influencia, as discriminacións por motivos lingüísticos que aínda permanecen agochadas,  e  as fallas institucionais que derivan en prácticas de  clientelismo e  secuestro da administración  por intereses espúreos,  nomeadamente ligados á construción ou ao  nepotismo.

Algunha cousa non vai ben nunha sociedade onde o exercizo de poder está condicionado ao cumprimento de favores.  A falla de autocrítica de uns e a percepción xeralizada de que “todos son iguais” favorecen aínda máis a consolidación das redes clientelares de sempre e que xeracións de xoves ben formados pasen a facer parte da cidadanía indignada, cautiva e caladiña. A desafección política só serve para  manter excluidos aos que sempre foron excluídos. Leva a esquecer  que  o interese común, o ben común e os intereses xerais ou son maiormente inclusivos ou non son.

2 Comments

  1. Donde hai que asinar o manifesto!

  2. Coincido contigo en que temos un déficit democrático, que vimos arrastrando dende tempos ancestrais, e que o clientelismo demanda de nós unha acción decidida á prol da Galiza dos dereitos fronte á Galiza dos favores. Penso que dás co cerne do problema cando pronuncias (escribes) esa certeira frase: “A dereita tende a confundirse coa paisaxe”.
    Na dita paisaxe podemos encontrar, alén de outros moitos ingredientes de factura moderna, a densa cohorte de personaxes do santoral católico. A advocación que se lles ten, o culto e as ofrendas que se lles renden, reflicten os anceios da xente de virar a “roda da fortuna” ao seu favor (dende asuntos de extrema gravidade -unha curación milagreira ou sobrevir a un naufraxio- até que non choiva o día da voda, pasando por cousas importantes segundo o caso, como lograr un empreñe que se fai demorar excesivamente, coller mozo ou aprobar a selectividade).
    O individuo é feble fronte aos “elementos”. Porén, as colectividades organizadas puideron moito máis. A complexidade das sociedades actuais incorpora “ingredientes de factura moderna” que reproducen o sentimento de debilidade que adoita manifestarse fronte as diferentes Administracións (municipal, autonómica ou estatal; xudicial, sanitaria, educativa…). Así, na paisaxe moderna aparecen os novos santóns que son quen de virar a sorte: os políticos da dereita.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: