off
Contos — 29 Agosto, 2012 at 12:27 p.m.

O ovo de chocolate de Borges

by

Sempre  fican na memória as lembranzas de cando fumos miúdos,  deixando no vivido  a pegada do inesperado; van ficando con nós, devagariño,  sen nos decatar, até pasar de seren insignificante anéctoda, a marcar  a nosa vida  e  facer parte da nosa equipaxe onde queira que vaiamos;  revivo aquel intre de felicidade cada vez que fito a imaxe  que hoxe  quero partillar contigo, meu estimado leitor de Olláparo.

Como é que chegou  un ovo de chocolate de Páscoa   ás  miúdas mans dunha nena?

Porque sí,  mádialeva,  esa do centro, a do “flequillo” son eu  e os outros, a miña irmá, con expresión resignada,  e o meu curmá Julio, esculcando.

A história comeza como eu me lembro,  que como tal podería ter acontecido de calquera outro xeito, porque  na altura meu pai  era o secretário e amanuense de Jorge Luis Borges.  Todas as mañás  traballaba con él na súa casa, acompañando ao escritor cando ía dar palestras e conferencias por todo o país e, por veces, no exterior.

Unha  noite meu pai chegou  á casa dicindo que Borges o tiña convidado para o acompañar a  “Grandes Valores del Tango”, apresentado por Silvio Soldán no Canal 9.  Daquela, meu pai andaba a acompañalo en todos os seus compromisos por causa da cegueira.

“Grandes Valores del Tango” foi un programa que se transmitia en horário de máxima audiencia,  e como o próprio nome suxire, trataba de tangos. Ao son dunha orquestra estabel desfilaban os cantores de tango máis famosos e os mellores danzantes da época. Tamén había convidados que participaban do  show e  eran entrevistados.

O programa foi ben. Lémbrome na casa,  a miña nai e as miñas irmás reuníranse  frente à TV ollando para o pai e para o Borges, quen  na altura xa comezaba a ser  moi coñecido e popular na Arxentina, e  todas xuntas gorentamos do programa. Cando rematou, unha pastelaria que estaba patrocinando, agasallou ao  escritor con un grande  ovo de chocolate, xa que aquel domingo  celebrábase a Páscoa.

A miña irmá Patricia e máis eu,  as miúdas da casa,  protestamos por non lle teren dado  outro igual ao noso pai  … e de chocolate!

Mas nunca hei de esquecer o intre no que o pai chegou á casa con aquel  grande ovo  de chocolate dicindo o que Borges :

Mejor lléveselo a sus hijas Alifano, ¡que esto es mucho chocolate para mí!

Obviamente, desde entón adorei a Borges;  lembrárase de nós, fixera felices a dúas nenas cun ovo de chocolate!

Ese domingo de Páscoa tirouse a foto. Lémbrome ben da escena. No xantar familiar, avós, tios e  curmáns,…  e non daba chegado a hora da sobremesa para crebar o famoso ovo. Miña  irmá  e máis eu acabamos por rifar xa que as dúas  queríamos ser a primeira en descubrir as surpresas que sen dúbida agochaba aquela  lambetada oca  no seu interior.

Nunca hei de esquecer  o que aquela delicia contiña, a máis dunha presiña de caramelos e bombóns:  un anxo celestial de plástico do tamaño da man dun adulto. Qué  decepción!

Dado o tamaño do ovo agardabamos algo máis relevante!  Unha supresa á altura das expectativas televisivas. Non unha miserabel e arcanxélica figura de plástico.  … Por favor! Non tiña relación algunha co inesperado presente do marabilloso Jorge Luis Borges,  ou se cadra sí …

Lá na casa debe andar aínda aquela personaxe nascida dun ovo de Páscoa, perdida nalgures logo de tantos anos,   a escachar coa risa…

Trad.: GB

5 Comments

  1. Antom Labranha

    Vou con retraso, Paula, pero Borges ben merecía unha sucesión infinita de ovos autocontidos, como a carreira de Aquiles e a tartaruga, a Biblioteca e Babel ou o Libro de area. Seguro que vós tamén.
    Saudades.

  2. Gracias a ustedes por darme el espacio. El placer es mío!

  3. Grazas Paulinha por esta colaboración que nos aproxima a outras latitudes e a grandes persoas da literatura americana através da túa infancia. Lindo Thanks a lot. Que sorte que chegaras a nós. O Ollaparo dixital está tamén a conectar corazóns

  4. Gabriel Beceiro

    Gorentei moito traducindo para o galego esta regalía que nos ofrece a Paula Alifano, toda unha descuberta para os leitores de Olláparo. Un pracer. Benzóns.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: