Sempre fican na memória as lembranzas de cando fumos miúdos, deixando no vivido a pegada do inesperado; van ficando con nós, devagariño, sen nos decatar, até pasar de seren insignificante anéctoda, a marcar a nosa vida e facer parte da nosa equipaxe onde queira que vaiamos; revivo aquel intre de felicidade cada vez que fito a imaxe que hoxe quero partillar contigo, meu estimado leitor de Olláparo.
Como é que chegou un ovo de chocolate de Páscoa ás miúdas mans dunha nena?
Porque sí, mádialeva, esa do centro, a do “flequillo” son eu e os outros, a miña irmá, con expresión resignada, e o meu curmá Julio, esculcando.
A história comeza como eu me lembro, que como tal podería ter acontecido de calquera outro xeito, porque na altura meu pai era o secretário e amanuense de Jorge Luis Borges. Todas as mañás traballaba con él na súa casa, acompañando ao escritor cando ía dar palestras e conferencias por todo o país e, por veces, no exterior.
Unha noite meu pai chegou á casa dicindo que Borges o tiña convidado para o acompañar a “Grandes Valores del Tango”, apresentado por Silvio Soldán no Canal 9. Daquela, meu pai andaba a acompañalo en todos os seus compromisos por causa da cegueira.
“Grandes Valores del Tango” foi un programa que se transmitia en horário de máxima audiencia, e como o próprio nome suxire, trataba de tangos. Ao son dunha orquestra estabel desfilaban os cantores de tango máis famosos e os mellores danzantes da época. Tamén había convidados que participaban do show e eran entrevistados.
O programa foi ben. Lémbrome na casa, a miña nai e as miñas irmás reuníranse frente à TV ollando para o pai e para o Borges, quen na altura xa comezaba a ser moi coñecido e popular na Arxentina, e todas xuntas gorentamos do programa. Cando rematou, unha pastelaria que estaba patrocinando, agasallou ao escritor con un grande ovo de chocolate, xa que aquel domingo celebrábase a Páscoa.
A miña irmá Patricia e máis eu, as miúdas da casa, protestamos por non lle teren dado outro igual ao noso pai … e de chocolate!
Mas nunca hei de esquecer o intre no que o pai chegou á casa con aquel grande ovo de chocolate dicindo o que Borges :
– Mejor lléveselo a sus hijas Alifano, ¡que esto es mucho chocolate para mí!
Obviamente, desde entón adorei a Borges; lembrárase de nós, fixera felices a dúas nenas cun ovo de chocolate!
Ese domingo de Páscoa tirouse a foto. Lémbrome ben da escena. No xantar familiar, avós, tios e curmáns,… e non daba chegado a hora da sobremesa para crebar o famoso ovo. Miña irmá e máis eu acabamos por rifar xa que as dúas queríamos ser a primeira en descubrir as surpresas que sen dúbida agochaba aquela lambetada oca no seu interior.
Nunca hei de esquecer o que aquela delicia contiña, a máis dunha presiña de caramelos e bombóns: un anxo celestial de plástico do tamaño da man dun adulto. Qué decepción!
Dado o tamaño do ovo agardabamos algo máis relevante! Unha supresa á altura das expectativas televisivas. Non unha miserabel e arcanxélica figura de plástico. … Por favor! Non tiña relación algunha co inesperado presente do marabilloso Jorge Luis Borges, ou se cadra sí …
Lá na casa debe andar aínda aquela personaxe nascida dun ovo de Páscoa, perdida nalgures logo de tantos anos, a escachar coa risa…
Trad.: GB
Vou con retraso, Paula, pero Borges ben merecía unha sucesión infinita de ovos autocontidos, como a carreira de Aquiles e a tartaruga, a Biblioteca e Babel ou o Libro de area. Seguro que vós tamén.
Saudades.
Grazas, Antom! =)
Gracias a ustedes por darme el espacio. El placer es mío!
Grazas Paulinha por esta colaboración que nos aproxima a outras latitudes e a grandes persoas da literatura americana através da túa infancia. Lindo Thanks a lot. Que sorte que chegaras a nós. O Ollaparo dixital está tamén a conectar corazóns
Gorentei moito traducindo para o galego esta regalía que nos ofrece a Paula Alifano, toda unha descuberta para os leitores de Olláparo. Un pracer. Benzóns.