off
Educação, Opinião — 20 Agosto, 2012 at 1:00 p.m.

Na Cedeira dos anos corenta. Lembranzas dun mestre de Montoxo

by

Ollaparo, en memoria e agradecemento ao mestre.  Artigo escrito por Avelino Pousa Antelo, Barcala,A Baña(14-4-1914)-Teo(20-08-2012)no número 4 de Olláparo(1986).

“Eran malos tempos cando eu estiven en terras cedeiresas; anos difíciles, de escaseza de mantimentos, pero abondosos de represión política. Aínda así, a xuventude – o diviño tesouro, que dixera o poeta – suplía as deficiencias e non perdía ocasión de tirarlle á vida canto puidera ter de ledo e pracenteiro.

Lembro a miña chegada á vila de Cedeira para tomar posesión, como Mestre interino, da Escola Unitaria de Nenos de San Xulián de Montoxo.

Esta parroquia tiña entón duas escolas: unha de nenos e outra de nenas, entrambas situadas na aldeia de Figueiras, a beira da estrada de Cedeira a Campo do Hospital. Tiñan bastantae matrícula, ainda que a situación era ruin para algunha aldeas que quedaban bastante lonxe, o que orixinaba que os nenos faltaran moito ás clases cando facía mal tempo.

O local da escola de nenos atopábase nunha casa particular alugada, que aínda tiña as paredes sen enlucir e tabiques de madeira, nos que eu pintei con tizas de cores uns mapas que supliran a falla de material, mal endémico das escolas rurais galegas.

O locla da clase estaba no primeiro andar, ó que se accedía dende un baixo con chan de terra, no que había unha lareira que, por certo, utilizábamos para facer lume, con leña que traían os propios nenos nos días de moito frío, e desenrolando as clases alí, arredor do lume.

Eu integreime axiña ca xuventude da parroquia acompañándoa ás festas da comarca e ós bailes dun salón que había no Campo do Hospital. Tamén ás feiras de A Barqueira e Mera sen esquecer a romaxe a San Andrés de Teixido.

Esta integración callou nun pequeno cadro de declamación que ensaiou unha obriña teatral que representabamos no local de baile denantes citado. Máis adiante solicitaron a miña colaboración os membros dun grupo de Meran e colaborei con eles durante unha etapa de grata lembranza, na que cheguei a actuar nunha pequena rondalla que eu mesmo bauticei como “Os condornisos” e ca posta en escea de obras teatrais que acadaron moita sona e nos permitiron unha xira de representacións por San Claudio, Cariño, Ortigueira e Cedeira, onde actuamos no Cine Arriví, único local que entón había na vila para estes mesteres.

En Mera había unha gran aficción teatral e xente que tiña verdadeira vocación e cualidades envidiables para a escena. Teño daquela etapa unhas lembranzas entrañabeis, así como do trato da xente de Mera, que me atendían cun cariño e unha amabilidade extraordinarias.

Por algúna lado debo ter algún folleto de propaganda dunha daquelas actuacións, con versos humorísticos que anunciaban a representación.

Ponte de mera era unha verdadeira excepción nun tempo en que a xente desconfiaba, unha doutra, e resultaba pouco doado facer actividades de tipo cultural, que os xerarcas de turno ollaban con desconfianza e prevención.

Cedeira era entón unha vila pracenteira, polo menos para os forasteiros, na que abundaban os bares nos que bebíamos as tazas un ribeiro de moi boa calidade. Non había moito ambiente cultural, nin diversións para a xuventude. Atopábamonos nunha das máis duras etapas da dictadura, na que incluso era delito grave escoita-las emisión da BBC ou de calquera outra radio estranxeira, e tamén era moi peligroso facer comentarios encol da Guerra Mundial, polo menos se eran contrarios ós alemáns e italianos, polos que o Gobernos español sentía unha especial simpatía.

A Guerra Mundial, aínda que estaba lonxe, chega perto de nós, como no caso dun avión americano que se estrellou na Capelada, perto de Cariño, e que moitos formos ver ca natural curiosidade.

A xuventude de hoxe costaralle traballo- afortunadamente- entender aquela feroz represión, que incluía de tal maneira en nós que, non somente desconfiábamos ata da propia sombra, senón que incluso tíñamos medo a pensar con liberdade. O estado de ánimo que entón padedimos non é doado lembralo, nin siquera para os que o vivimos.

Vós tedes sorte de vivir nunha democracia, aínda que esta teña unha seire de eivas e non poidamos considerala un modelo. Pero polo menos- e xa non é pouco- tedes a posibilidade e o dereito de cantarlle as corenta a calquer xerifalte que faga algunha cousa criticable. OLLÁPARO non podería pubricarse naqueles tempos, aínda ue foera moito máis manso e se limitara a cuestións culturais e de ámbito local.

Felicítovos pola vosa iniciativa que coincide con algunhas das que eu fixen na miña xuventude durante os poucos anos que durou aquela etapa de liberdade- a II República- que tantas ilusións espertara na xuventude daquel tempo.

Aquela xuventude que colaborou entusiásticamente cos homes máis ilustres do galeguismo do sécula XX, sufriu despois unha tremenda represión, e moita parte dela foi eliminada, de maneira brutal, pola locura que se desatou ca Guerra Civil. Outros vivimos casque de milagro e folgámonos de ver cómo, nesta nova etapa, outros coma vós tomades o relevo pola cultura e pola mellora de Galicia en tódolos aspectos.

Noraboa, rapaces e ¡Adiante!”


Fotografia destacada: Vieiros

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off