off
Cedeira, Política local — 14 Agosto, 2012 at 9:11 a.m.

Tarde piaches

by

 José Luís Vergara, exalcalde  socialista de Cedeira   ven de afirmar que interporá accións legais se non cesan os atrancos que lle está a poñer a administración local do PP ao non  permitirlle consultar devagariño os expedientes para os que solicitou permiso.  Ao parecer, un destes expedientes contén a resolución coa orde de demolición da Axencia de Protección da da Legalidade Urbanística (APLU) sobre unha obra do tenente alcalde, Alfredo Vilela.

Se resulta inaceptabel que a oposición non poida  acceder á información que precisa para realizar a súa función de control, non  é menos inaceptabel que  os cidadáns teñamos que padecer o desleixo e opacidade da administración, que  só atopemos atrancos cando intentamos  informarnos da actividade que realizan os diferentes grupos con representación, goberno e oposición,  ou  das  intervencións inmobilidarias que se realizan no territorio.  

Láiase Vergara : “No municipio hai unha sensación de que o grupo de goberno é imune a todo, por iso imos pedir tamén a dimisión do tenente alcalde se é certo o ditame da axencia “.

 A sensación de   impotencia  que hoxe invade a Vergara non é  cousa menor, nen de  hai dous dias, nen algo que o exalcalde atallara durante o seu mandado. Moitos veciños de a pé sábeno ben, esa vai ser a percepción porque cando a cultura do galpón callou entre todos nós, a deriva urbanística  xa era un infeliz feito que amosaba o proceso de inculturación ao que estamos submetidos e ao que non sabemos pór tañeiras. Os esperanzadores  500 metros do bipartito xa teñen compradores á espera do asalto final.

Cedeira leva décadas de aplicación do “ti vai facendo” sen que a administración se interpuxera entre promotores e veciños coa fin de rematar coa arbitrariedade e o abuso malia coñecernos a desfeita producida na costa mediterránea e en puntos críticos do litoral galego (de Barreiros a Sanxenxo).  Se ben durante o goberno de Vergara se visibilizou un maior legalismo (entrada no APLU), tamén é certo que os proxectos que se tiraron adiante tiveron grande impacto na contorna sen que a administración amosara intención nengunha de velar pola calidade de vida dos veciños e das súas propiedades. Doutro xeito, non se percebiu unha orientación política definida en materia de planificación e xestión urbanística, nen con Vergara nen na opinión pública, na que segue a prevalecer perante o “ti vai facendo” o “sálvese quen poida.”  Algún deles tendo tamén como protagonista ao hoxe tenente alcalde Alfredo Vilela (Conflito de intereses e urbanismo. A propósito dun caso), entre outros.

A percepción de impunidade conta moito porque en base a ela se forma a conciencia de que calquera pode facer o que lle pete. Afixémonos a ver aparecer edificios en chan urbano dunha volumetría que necesariamente ten que perxudicar ás construccións xa existentes onde  vive xente (movimento de terras, invasión de propiedade, eivas e desperfectos nas colindantes, etc) , sen que a administración vele polo cumprimento das mínimas medidas de protección  con presenza activa da policia municipal ou interpoñendo denuncias  e multas coercitivas (APLU) a tempo de atallar a desfeita – e non como simples medida paliativa a posteriori. Velaí o caldo de cultivo da percepción de que non hai conexión entre a planificación e a xestión urbanística e os dereitos fundamentais e sociais. E esa percepción o exalcade Vergara non quixo ou non foi quen de mudala.

Se ben as construccións ilegais que ocupan solo rústico non urbanizabel de tipo menor, como galpóns, alboios e muros, xa fan parte do imaxinario colectivo nunca tal se vira na Galicia rural que sabía onde, cómo e para qué construir. Lémbranse que viña dicir a Lei 6/1998 ? Pois que todo o que non sexa directamente protexido é potencialmente edificabel.

Todo forma parte dun mesmo proceso político no que a falla de alternativas económicas facilitou a apropiación  privada das rendas urbanas xeradas coa construcción,  que o urbanismo non fose incluído até o momento nas axendas políticas e públicas dos partidos e a escasa ou nula participación plural dos actores sociais (asociacións de veciños e non só constructores e particulares)  nas decisións tal e como propuxo o seu día  o Grupo Interdisciplinario de Urbanismo e Cidadanía da EGAP, que Vergara debería coñecer cando gobernou e que non alentou nen propiciou.

 Láiase con razón, mais a súa política foi difusa, habendo casos onde a percepción foi de total abandono diante dos constructores eliminando así a concepción da vivenda como dereito social diante do “inmobiliarismo” descontrolado, a inxente enxurrada  de oferta de vivenda libre   fronte o descenso de vivenda protexida. A  opacidade fai parte substancial do modus operandi, do pacto tácito de tolerancia entre o goberno local, promotores e moitos propietarios. Todo elo fai parte da mesmiña concepción respeito ao dereito á vivenda e a mesmiña falta dun modelo de sustentación e orientación da actividade agraria (ou de alternativas económicas fronte a capitalización non regulada das propiedades rurais e urbanas)  que se mostra no permanente desleixo da Xunta do PP malia ter competencias en materia de planificación.  O primeiro que fixo Feijoó foi desmantelar o Banco de Terras.

Resultado, rexidores que descoñecen o que é a xestión urbanística e  a opacidade como práctica clientelar que soergue o feito de que a  actividade contructiva se faga por licenza directa no canto de facelo en conformidade  co plan xeral de ordenación urbana.

2 Comments

  1. Totalmente de acordo. Nos tempos que estamos sofrimos un retroceso de dereitos, e a vivenda e un.
    Respecto a reorientar a economia estamos ante dous partidos de corte neoliberal. Evidentemente isto deixa indefenso ao cidadan normal. Agora estoupo a burbulla inmobiliaria e a verdade e non lle vexo ideas ao PPSOE.

  2. Gelo do Moure

    Gústame moito este traballo, amosa que tanto este goberno como o anterior deixaron de cumprir coas súas obrigas no tema urbanístico,e que ó permitilo,benefician a unhes veciños e perxudican a outros.
    De todas maneiras apoiamos de cheo ó exalcalde Jose Luís Vergara na súa investigación do chamado “Caso Baturro”, por ser a “chanchullada” máis descarada que houbo ata o día de hoxe na nosa Vila.

Deixa unha resposta a Gelo do MoureCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off