off
O Curruncho musical de Antón, Poesía — 13 Agosto, 2012 at 12:35 p.m.

A língua

by

A lingua é a herdanza
dos nosos ancestros.
A lingua é a cerna
de rexos sentimentos.

A lingua é o sangue,
a lingua é a alma
das veas galegas.
do pobo que clama.

A lingua é un río
que rega a terra,
penetra, fecunda
e sen ela berra.

A lingua é a nai,
o pai, os irmáns,
a terra, o chan,
o sustento e o pan.

Fala mol e fala rexa,
fala da alma e do corpo,
fala que se non falamos
quedaremos sempre orfos.

Porque se morre a fala,
morrerá  tamén o pobo,
a parte espiritual
será comesta do lobo.

Teño unha mágoa na alma:
a herdanza de mil anos,
por falla de escrúpulos,
vaise romper en anacos.

Teño unha mágoa na alma
que me fire con dor:
non sei se fixen dabondo
pola fala dos avós.

Cedeira, 17 de maio de 2012.

Este poema apoloxético da lingua galega foi lido polo autor no día das Letra Galegas no festival que tivo lugar na antiga escola feita polos emigrados cubanos en San Claudio (Ortigueira) tendo coma  anfitrión a Carlos Bereixo e música do Grupo de corda Plectro de Cedeira.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off