off
Cedeira, Medio ambiente — 3 Agosto, 2012 at 17:12

Máis que villa, Porcavilla

por

Chegou agosto e hai  máis dun mes que non chove. Porén,  o paseante atento puido observar estes dias como os canos de drenaxe pluvial que desaban no rio Condomiñas ían cheos.  O 19 de xullo Olláparo  alertaba que logo da última análise que mide a concentración de esterococos e escherichia coli as augas da Magdalena seguían a ter unha cualificación de «insuficiente».

As fotos tiradas estes dias evidencian que, ou ben chove a canadas pola noite, ou ben o Condomiñas e a ría de Cedeira seguen a recibir augas residuais directamente dos sumidoiros.

 A rede de sumidoiros sempre leva auga , e coas chuvas intensas o seu caudal pode ser grande.  Ainda que alguns canos de drenaxe continuen a receber pequenos sobrantes dos regadíos e hortas, esta achega é necesariamente mínima, e só pode proceder da inxente urbanización dos últimos anos e do aumento da actividade hosteleira e de poboación os dous meses de verán.

Após tres anos da criazón da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, resulta inaudito que logo da consolidación dunha fórmula de sustentabilidade pesqueira e de conservación da biodiversidade – observables xa en Vilarrube e Esteiro-  se estraguen estes esforzos  con accións contraproducentes para a saúde, o medioambiente e a economía como son a saída incontrolada de residuos ou a reducción dos fondos da Xunta para o financiamento da vixilancia das zonas protexidas.

Cómpre lembrar que  foi a criazón da reserva de Cedeira  quen deu pulo definitivo á construción e posta en marcha da depuradora de augas residuais, palpabel na millora da calidade das augas e o paso de zona clasificada como B a zona A para o cultivo de bivalvos.

É inaceptabel, por tanto, que logo da instalación da planta de tractamento de augas residuais siga habendo verquidos directos de augas residuais na desembocadura do rio, á altura da Praza do Peixe.  Sabido é que calquera cidadán pode acceder aos principais colectores polos pozos de rexistro que vemos nas rúas; descartado que os verquidos se fagan a través das tapas, compriría ir debullando as causas destes verquidos a quen ten responsabilidade e competencia en facelo: o Concello de Cedeira e a empresa xestora da EDAR.

Cómpre manter a rede de sumidoiros e canos de drenaxe en bon estado para que non teña perdas, xa que unha fuga de auga residual pode contaminar as augas freáticas, podendo afectar a fontes, pozos, ríos e praias. Logo de dúas quendas de análises positivas resulta abraiante que non se teñan atallado antes os verquidos cando  a evidencia da súa orixe semella estar na evacuación directa ao río de excrecións e augas negras sen tractamento nengún.

Se a planta non acada os requisitos de depuración previstos co aumento de poboación, correspóndelle ao Concello de Cedeira facer seguimento e  reclamar á empresa concesionaria o bon funcionamento  do proceso de depuración e tractamento, para iso se incorpora a taxa no recibo da auga que temos que pagar todas e todos veciños.

Fotografía: Gelo do Moure

4 Comentarios

  • Estou totalmente de acordo con este artigo por realista e pola denuncia que fai do problema máis grave que hai hoxe en día en Cedeira, como é a contaminación do río e das augas da praia da Magdalena. Aproveito para reclamarlle á “Leal Oposición Municipal” ( PSOE e BNG) que exerza como tal, e deixen de andar de turistas polo Concello, mentras os veciños a nivel particular temos que andar a facerlles o seu traballo denunciando os problemas. Ou é que esta oposición xa chegou a un pacto de non agresión có PP ??

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: