off
Ecoloxía, Medio ambiente, Opinión — 30 Xullo, 2012 at 11:21 a.m.

A problemática do lixo en Galicia

by

Introdución

Para a inmensa maioría dos cidadáns , o problema do lixo remata cando o deposita no colector correspondente, e, ao día seguinte, como por arte de maxia, desapareceu da súa vista. Pero xustamente os nosos quebradeiros de cabeza comezarían aí se nos fixeramos unha serie de preguntas que parecen obvias. A onde van parar os residuos sólidos urbanos (RSU) que xeramos? Como se xestionan? Hai máis de un modelo de xestión en Galicia? Se é así, cal é o máis aconsellable?

         Os RSU representan  tan só o 50% de todos os que producimos; o outro 50% esta constituído polos industriais, os comerciais, os agrícolas e gandeiros, os procedentes da demolición e rehabilitación de edificios,……Tanto uns como outros, segundo a UE, son un recurso económico.

Entre un 40 e un 50%  deses RSU son os que constitúen a fracción orgánica, biodegradable, que se deposita no colector verde, na chamada “bolsa negra”. O resto, require dunha recollida selectiva, e está formado por:

 Papel/cartón, que se deposita no colector azul (21%).

 Envases lixeiros (briks, latas e envases plásticos), no amarelo (15%).

 Vidro, no colector verde, tipo iglú (7%)

 

 Os residuos especiais, que se han de levar ao punto limpo máis cercano, son  os seguintes :

 

Residuos tóxicos e perigosos (RTP), como pinturas e vernices, pilas e baterías, aceites, residuos electrónicos e sanitarios,…

Voluminosos (RTP ou non), como por exemplo, electrodomésticos, mobles, persianas, colchóns,….

Finalmente, están os medicamentos caducados, que deben levarse a unha farmacia.             

A implicación de toda a cidadanía é imprescindible pero antes as institucións teñen que investir os cartos que sexa preciso e facer pedagoxía, tratar de sensibilizar e concienciar mediante campañas intensas e prolongadas no tempo.


O que hai que depositar en cada colector

Os impropios. Por que tratar de evitalos?

Son os residuos que están mal clasificados e non se botan no colector correspondente.

Nos colectores de vidro e papel, non son significativos, apenas un 5%. Pero sí o son, e moito, tanto no amarelo, como no verde (o de orgánicos).

         En Galicia, no colector amarelo botamos ata un 30% de impropios por tan só o 22% no resto do estado.

Se os botamos no colector verde, estamos contribuíndo a que medre o vertedoiro a onde se levan (o de Areosa, en Cerceda) ou a que haxa que incinerar máis; por outra banda, incrementamos os gastos do concello, que, en outubro de 2011 pagaba a Sogama, por cada tonelada, 53 euros.

Se os botamos no colector amarelo, estamos entorpecendo a separación selectiva e a posterior reciclaxe.

   Cando e como depositar os RSU

 

Centraremos a nosa atención  nos orgánicos, os que se depositan no colector verde ubicado na superficie (hainos que están soterrados),dado que é o único que se descarga todos os días da semana, agás domingos e festivos.

Polo que acabamos de dicir é evidente que a “bolsa negra” non pode levarse ao colector os sábados e as vésperas dos festivos, para evitar que estea nel máis de 24 horas, contribuíndo a que se sobrepase a súa capacidade e quede aberto, despedindo malos olores (pensemos sobre todo nos cidadáns que viven preto do mesmo) e sendo un foco de infección. Esa é tamén a razón pola que os demais días se recomenda depositala ben pechada, á tardiña, pouco tempo antes de que o camión pase a recollela.

 

Xerarquía no tratamento dos RSU segundo a UE

 

A directiva 98/2008/CE de 18 de novembro establece que a xestión dos RSU debe estar xerarquizada coa seguinte orde de prioridade :

 

1.- Prevención na xeración de residuos e a súa redución, tanto no que se refire ao volume como o que atinxe á súa perigosidade.

 

            Iso implica: menos produtos de usar e tirar, menos bolsas de plástico, evitar os produtos sobreembalados, adquirir envases de tamaño familiar

(na medida do posible), procurar mercar produtos a granel,…


2.-  Preparación para a reutilización, ou sexa, usar pilas recargables; evitar os vasos,pratos e cubertos de plástico; na cociña, utilizar panos en vez de papel; non tirar a roupa que xa non nos serve; regalar aos nosos fillos xoguetes de madeira ou cartón, sempre que se poida, e non de plástico; non utilizar cueiros de usar e tirar; non desperdiciar a comida (nos países ricos tiramos ata un 20%); na medida do posible, consumir bebidas refrescantes en recipientes recheables ou retornables (1), …….

3.- Compostaxe (caseiro e industrial) e separación selectiva en orixe.

 

4.- Incineración con valorización enerxética (é dicir, queimalos para producir electricidade.)

 

5.- Eliminación en vertedoiro controlado.

 

6.-Incineración sen valorización enerxética.

 

(1)   Nas capitais europeas de países como Reino Unido, Alemaña, Holanda, Finlandia e outros, hai instaladas, nas grandes superficies, máquinas que devolven uns céntimos de euro cando se introduce un envase de cristal ou plástico. Mesmo en Pamplona, hai puntos da cidade onde están instaladas  máquinas que en vez de diñeiro devolven un vale, que, xuntamente con outros, permite conseguir unha entrada para o cine.


Modelos de xestión dos  RSU en Galicia

Basicamente son dous :

O de Sogama/Areosa, en Cerceda, baseado no incineración, que é o abrumadoramente maioritario.

Os de Nostián (A Coruña) e Lousame (Barbanza), que, aínda con  diferenzas entre sí, fundaméntanse na compostaxe e a reciclaxe

 

O complexo Sogama/Areosa

Sogama, (Sociedade Galega de Medio Ambiente), está participada pola Xunta de Galicia nun 51%, e pola antiga Fenosa, no 49% restante. Ubicada no concello de Cerceda, capital galega do lixo, está considerada como un dos principais focos de contaminación de Galicia. Xestouse en 1992, cando o goberno presidido polo Sr.Fraga apostou decididamente pola incineración masiva e a centralización máis absoluta, e comezou a funcionar no ano 2000. Antes da súa creación, había en Galicia arredor de 300 vertedoiros incontrolados, moitos deles ubicados en lugares fermosísimos, e máis de 3000 puntos de vertido ilegais.

Recibe anualmente os RSU de 296 concellos galegos, (dos cales, 135 deben a Sogama, 24 millóns de euros) dun total de 315, nos que vivimos case dous millóns e medio de persoas, que producimos, aproximadamente, un millón de toneladas ao ano, máis do 80% do total de Galicia, suficientes para encher os estadios do Real Madrid e do F.C.Barcelona xuntos, a razón de 1,2 Kg. diarios por persoa (un 50% máis do que producíamos en 1998), e que chegan ao seu destino en camión ou en tren, despois de percorrer  medio país.

A grandes rasgos, incinérase un 40% con valorización enerxética, ata tal punto que somos os campións de España en termos relativos (por persoa), recíclase apenas un 9%, e as 500.000 toneladas restantes van parar, sen tratamento previo, ao tristemente célebre vertedoiro ¿controlado?  de Areosa, do que logo falaremos.

Este modelo, non parece o máis sensato, por antiecolóxico e caro, nada sustentable e claramente discordante coas normas de UE. E así vai seguir sendo, se se fai caso ao que di o Plan de Xestión de RSU de Galicia 2010-2020, que pretende basicamente a creación dunha segunda incineradora na provincia de Ourense, reforzando algo as plantas de reciclaxe/compostaxe existentes.

Os ecoloxistas, a gran maioría dos científicos e a poboación máis informada, está en contra da incineración e a favor da recollida selectiva, a reciclaxe e  a compostaxe. Pero, por que? Basicamente por estas razóns:

–       Porque contamina o aire, a terra e a auga.

–       Porque dana a saúde pública, coa produción de sustancias  perigosísimas, moi tóxicas e canceríxenas (dioxinas e furanos), así como de metais pesados.

–       Manéxanse incorrectamente as cinzas e escouras.

–       Detrae inxentes cantidades de diñeiro que poderían adicarse a fomentar a compostaxe e a reciclaxe.

 

 O  vertedoiro da Areosa

 

Xa se dixo con anterioridade que este xigantesco vertedoiro que desprende un olor nauseabundo a centos de metros de distancia, recibe anualmente da orde de medio millón de toneladas, que ameazan con colapsalo de cando en veces e que propicia  ampliacións como a que se está levando a cabo actualmente.

Presenta graves deficiencias, detectadas nunha auditoría feita no ano 2009, en canto á impermeabilización e depuración da montaña de lixo almacenado, emisións de gases á atmosfera (metano e outros, que contribúen ao cambio climático), filtracións de lixiviados (líquidos moi tóxicos) aos ríos e acuíferos subterráneos así como vertidos voluntarios e reiterados ao Lengüelle, afluente do Tambre, río que abastece Santiago e a súa área metropolitana, dos que o máis coñecido é o que aconteceu no en 2008 que propiciou a morte de miles de troitas, e que fan del un problema de saúde pública e un foco de contaminación medioambiental de primeira orde.

Para colmo, descubriuse hai pouco tempo que alí estiveron soterradas durante 7 anos, 12.000 toneladas de medicamentos destinadas a ser incineradas.

Tags

One Comment

  1. Pablo César Galdo Regueiro

    Lembremos que, ainda que o planteamento teórico de Nostião é diferente, boa parte dos refugos acabam em Sogama ou direitamente no vertedoiro que a empresa Danigal tem na Areosa, arrimado ao de Sogama.

    Existe um conglomerado difícil de parar, com muitas frontes, que ainda sendo difíceis de enumerar, têm nexo de união nos interesses econômicos de uma pequena elite.

    O problema já é grave e difícil de solucionar quando chega aos nossos lares. Quando lançam as suas campanhas de divulgação, para nós os consumidores, falam muito dos três erres (reduzir, reutilizar, reciclar). Contudo, curiosamente, os bens de consumo produzidos por grandes multinacionais chegam às nossas mãos em envases não biodegradáveis, dificilmente segregáveis e não retornáveis. Não existe uma política preventiva séria porque os amigos empresários preferem escorregar o vulto e não assumir os custos de uma gestão de resíduos preventiva, com redução na origem.

    Então, com este panorama, pretendem que a maior parte do custo seja assumido polas administrações públicas. Os cidadãos pagamos as correspondentes taxas, separamos mais ou menos e pagamos dependendo do nosso comportamento na seleção do lixo que mandamos aos coletores.

    Tudo bem. Com isto,aportando dinerinho, o despropósito ainda poderia ser emendável. Porém, não é assim. Os meios de recolhida são escassos, especialmente em áreas rurais. As campanhas de divulgação resultam ineficientes. As instalações resultam pequenas para o volume de lixo a tratar. A maior parte dos refugos acabam, como sempre, em vertedoiros, que nem tão sequer são gestionados convenientemente.

    Os nossos impostos acabam pagando o transporte (passeio) do lixo e o seu soterramento incontrolado.

    Parece que está claro que estamos fazendo-o mal. Será que não chegam a minuta que aportamos? Pois não sei se chega o dinheiro para fazê-lo melhor, nem ideia…

    Agora, isso sim, para que Pellejero e hijos, Danigal e outros amigotes do mais variado surtido de personagens políticos, tirem ingentes lucros, chega. E para termos em Sogama uma récua de diretivos “super-qualificados” que cobram uma pasta, também chega.

    A realidade a nível empírico: os empresários contentes mentres tenham lucros. Os políticos contentes mentres os empresários lhes ofereçam algum posto de trabalho com o qual mercadejar. Os cidadãos contentes enquanto o alcalde tenha um postinho onde colocar os seus filhos. O lixo, mentres não se veja muito, é o de menos.

    E se cada vez pagamos mais para nada mudar, devem ser coisas da vida, uma ruindade inevitável, uma catástrofe sem volta atrás. Será por isso que dizem todos os dias na tele: estamos a viver por riba das nossas possibilidades (especialmente a classe trabalhadora).

    A ver se, com sorte, alguma nação vizinha pode mudar esta e outras inércias sistêmicas e acha a maneira de abrir os olhos da malpoucada população galega.

    No entanto, ficamos à espera, a ver se não morremos afogados na nossa própria merda.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: