off
Contos — 11 Xullo, 2012 at 10:35 a.m.

Mario Lanzas e a chuva

by

Mario Lanzas gostava de andar na chuva. O paraugas era un enxeño que afastara da súa vida desde aquel episódio lamentábel no que un trebón con refachos de más de 80 km por hora llo tirou da mán até  que deu en pousar da outra beira do  Onyar, na cidade de Girona, onde ele moraba na época, mentres  rolaba polos breves chanzos até acabar deitado boca arriba , mergullando todo naquela abenzoada auga que caía a canadas coma se un deus grego estiver  a enrabiar.

Asin,  cada vez que as nubes anunciaban treboada o noso amigo Mario Lanzas , presto a sair pola porta, lanzábase a andar sen rumbo polos rueiros, especialmente as calexas da cidade vella,  anegado e imaxinando  histórias de outrora, aconteceran ou non:   por  eses locais románticos de pedras pré-históricas,  fronte as portas de ferro tan completamente traballadas ou  mesmo imaxinando algúns soldados que gardaban a grande cerca medieval.

Un dia de  camiñada comezou a chover.

Ollou en volta. Algo que raramente acontece.

Fitou  as persoas a fuxir da chuva de excepción. Toda a xente se abrigaba apenas comezaran a cair as primeiras  pingas. Abrian os paraugas, agochaban  nas portas,  nas entradas das tendas, correndo aqui e acolá…

– “Como se a auga da chuva fora un  ácido ou tinta para marcar a vida das persoas ás que por acaso tocar … “, pensou en voz alta, inmóbel como unha estátua no meio de todo encanto a chuva o abrazaba con tenrura.

As persoas, fitábano, madialeva! Outro toliño a se mollar no meio da rúa. Ao Mario Lanzas non lle faltaba maxín e a chuva dáballe a vida.

Cando a maioria dos mortais fuximos da chuva,  o Mario Lanzas bótase ao mundo a se encontrar con ela.

Comments are closed.

off
A %d blogueros les gusta esto: