off
Galiza — 6 Xullo, 2012 at 1:04 p.m.

A cólera de Deus

by

Non hai coma a vinganza para consumar as reservas de odio e de cólera. E aínda que non o pareza, Compostela é un bo lugar para concentrar a ira occidental nun territorio sagrado e nun home do común, nun electricista. A cólera colectiva tan ben civilizadamente canalizada  como moderna indignación, achou na xenreira teimuda e programada  vinganza do electricista de Ames  un acontecimento simbólico para a posteridade. As verbas do deán veñen confirmalo:  “Pensar en guardar el Códice fuera de la Catedral es una ofensa a Dios”.

Non é unha ofensa ao común dos homes, non, trátase  nen máis nen menos ca unha ofensa ao máis alto, ás alturas inelutábeis.  Sen dúbida, non podía ser doutro xeito, a ira  sempre foi un don sagrado outorgado polos deuses aos guerreiros privilexiados  como ben recordaran  os lectores da Ilíada.

 O que ignoro é se o señor deán reparou cando así falou  de que as respostas de Deus a quen o ofende  sempre foron terríbeis.  O poder psíquico do odio divino sempre foi eficaz cando a meta é  estimulante, como a espera dos días de ira nos soños do electricista paciente.  Ao cabo, prefiro o incentivo vigoroso  do electricista, como un Aquiles ou un Montecristo moderno  logo de perder o traballo da súa vida,  á hipócrita apariencia  da cólera de Deus.  Calculada,  contida,  racionalizada e administrada na terra per secula seculorum.

Que teñan sido o deán e mailo arcebispo quenes verificaran a autenticidade do Códice Calixtinus é toda unha mostra do estado do patrimonio galego en mans da igrexa católica española. Tentado estou de comparalo co Libro de Kells, debidamente conservado, exposto e rendabilizado para pracer dos visitantes no Trinity College de Dublín. Mais esa é outra historia.

2 Comments

  1. como me ía rir se agora viñeran expertos e dixesen que é falso…porque estes parvos nin conta se terían dado!!! unha pena que semellantes tesouros fiquen nas mans da igrexa!!!

  2. Parece ser que foi por obra e miragre do electricista que o pobo coñeceu na prensa ao fin esa gran obra do patrimonio galego, legado de seu. Códice Calixtino, oh!.

    O certo é que o Dean autentificou ante a prensa e as cámaras o Calixtino (“no te lo pierdas”) polas “súas anotacións a lápiz nel!”… hai que ter os miolos cadrados para andar así esta xoia galega do S XII.

    O Códice no Garaxe do electricista e agora Rajoi e Feijoo a presentar gala qual presunta segunda avenida do corpo de Santiago a Compostela… si lle pós o botafumeiro e música de Tom Waits de catarse surrealista

    Dúas versións da telenovela:

    http://www.sermosgaliza.com/opinion/xaquin-campo-freire/o-codice-calixtino-e-a-lingua-galega-1/20120705162918003049.html

    http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1741&seccion=4

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off