off
Europa — 1 Xullo, 2012 at 7:24 p.m.

Irlanda

by

Vimos de viaxar por Irlanda. Dublin e a máis a súa contorna. Nun percorrido ao uso tivemos a oportunidade de asistir a unha palestra ben asisada sobre a crise que nos desasosega e da que o ponente vai ser o guía turístico.   Certo é que verbosidade inicial do home vainos pór á defensiva própria de quen fai parte  sen remédio do consumismo vicario e da sensibilidade camp do turista. Mas íamoslle ficar ben agradecidos. Tería sido necesario penetrar máis na realidade do país para comprendermos o sentido mesmo do que fitabamos marabillados a través da xanela: a realidade imponse, mesmo aos turistas, cando máis alá dos mecanismos de distanciamento turísticos e convencionais, se fai referencia ás implicacións sociais da relación co país de acollida. Certo é, tamén, que non todas as sociedades alentan un debate  que entrefrebe a identidade do país, o pasado, o capitalismo e a relación entre o meio ambiente e a política, direccionándose á intelixencia do visitante, sen por iso minguar a calidade lúdica do observado.

O guía vai delongar o seu discurso entre paradas e fotos, entanto gorentabamos unha paisaxe de bogs (gándaras)  e turfeiras rente as montañas Wicklow (Contae Chill Mhantáinn (Condado), debullando o xeito en que a sombra do neoliberalismo  planexaba, de moi complexas formas, sobre algúns dos problemas específicamente irlandeses , baixo o modelo conservador-liberal que gobernou Irlanda moitos anos baixo o ditado do FMI  e do Banco Central Europeo.

Se o concepto de camp é en esencia un dispostivo que rexeita o compromiso, é despolitizado ou alomenos apolítico como sostén Susan Sontag,  as empresas que programan percorridos turísticos achan nesta sensibilidade o seu ideario máis fidel.  Quen dixo tal ?  Porén, o discurso deste guía  turístico refuta a opinión de Sontag ao presentarnos como mesmo o camp depende, alomenos até certo punto, da ollada do observador. E nós estabamos a ollar através do noso guía.

O notabel do seu discurso vai ser minar o dicotomismo de  identificación/afastamento. O camp turístico do  guía vai articular a crítica como subversión valéndose da ironía, o esteticismo, a teatralidade e o exceso. E vai acontececer que  o camp turístico, que a miúdo glorifica dada a súa natureza kitsh, ao mesmo tempo ía deconstruindo, sen compracerse no seu sentimentalismo, o discurso do conformismo que acobilla baixo a modernidade árida.  Se a postal turística  esaxera a intensidade por riba do contido, o estilo por riba do tema, o artificio por riba do “natural” e do realismo, no canto dun cervo que se achega confiado  á fiestra e olla aos visitantes extasiados ao xeito dun filme do Douglas Sirk,  o noso guía explicaba como nos anos 70 a compañía hidroeléctrica semiestatal Electricity Supply Board proporá construir o grande encoro que fitabamos ao lonxe entre os outeiros de Turlough, para fornecer a cidade de Dublín de auga e electricidade, acontecendo que os enxeñeiros irlandeses íanse negar a subscrever o  tal proxecto especulativo tendo que recorrer a unha constructora alemana e a enxeñeiros suecos e noruegueses. O visitante avisado poderá dicir, todo está na Wikipedia. Sen dúbida. Mas nun tempo no que a milagreira Irlanda estaba destinada a convertirse nun novo Xapón, escoitar o xénero turístico nestes termos non deixa de suxerir emocións auténticamente éticas.

O miolo da cuestión é que  mália os sucesivos fracasos dos cúmios mundiais con pretensións ecolóxicas as desfeitas non deixaron de existir, entanto asistimos a unha Europa despersonalizada, sen rosto de seu, no que as desfeitas non son iguais en todas partes.  O guía continuou debullando un discurso diametralmente oposto ao producido polas axencias turísticas, con conceptos tanxibeis e auténticos, expresados con humor e con un fondo de tristeza non exenta de autoestima e dignidade desprovista das adozadas nimiedades do xénero turístico. Das palabras consabidas, que poderían alicerzar  nos estereotipos xa coñecidos, nada se fala. Só algunha referencia á nacencia dos kennedy ou do Daniel Day Lewis. Un percorrido rigorosamente honesto: o seu éxito teria sido garantido, sen dúbida,  tirando dalgunha melodía dos Chieftains e algunha brincadeira enxeñosa.

Alén diso, o discurso decorreu pola avantaxe que sería non ter perdido determinados sectores productivos do país se as “obrigas da débeda” conducen ao pior, como as plantacións de coníferas promovidas polo goberno irlandés  no parque das montañas Wicklow que, sen ter en conta os sectores productivos de seu,  poideron representar un gaño en madeira inmmediato mais un empobrecimento doutros sectores  como a gandeiría e o sector terciario,  a progresiva privatización dos servizos públicos  e un mercado de traballo ao pairo como puntas de iceberg das grandes desigualdades que acobilla un modelo  cos impostos sobre o capital máis baixos da UE e o máis baixo gasto público social. Iso, e o grande poder da igrexa católica e da banca. En chegando a Hollywood, una pequena vila  debruzada neste cordal vizoso, o guía suliñou como a masificación das aulas en Dublín fixeran del o dos seus parceiros uns “parvos ” a diferencia das escolas rurais onde a pequena ratio de alumnos servira a que xeracións de irlandeses sairan millor preparados  mália as desavantaxes de non viviren na  cidade.

A actividade especulativa  que se albiscaba nos  setenta no encoro de Turlough vai ser unha premonición á grande actividade especulativa inmobiliaria posterior,  os baixos salarios e os baixos impostos do capital, con unha grande insuficiencia do seu estado do benestar.

O entretenimento era fácil, porén ofrecéusenos unha interpretación sobre as zonas fronteirizas  nun intre no que o eurocepticismo anda ceibo tamén en Irlanda. E pensamos que hai que celebrar ao guia dublinés por ternos amosado tan ben cómo, para os paises tendidos cara o suicidio, non hai diferencia entre o día e a noite.

 

 

 

One Comment

  1. que bueno todo lo que expresas…
    ah! yo la próxima viajaría libre, sin guía…

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off