off
Literatura — 28 Xuño, 2012 at 11:43

Máis alá! revisitado

por

Para un país desmemoriado coma o meu 90 anos pode ser moito tempo, ou talvez non. Naturalmente, as efemérides poéticas nun país desmemoriado poden chegar a ser un chimpo cara atrás por riba do baleiro, desa falla de tradicións e raiceiras que fixeron na feble, irreal, reiterativa e tributaria do alleo a unha certa poética do presente. Pola contra, Manuel Antonio (1900-1930) entrefebrou dun xeito conscente coas raices esquencidas para poder esquencelas, quer dicir, para poder adoptar a ollada do poeta. Nese alvo, non hai recepción posibel á altura do manifestado. Eís o alvo das vangardas, pois non hai outro destino para elas que facer do presente algo intempestivo e inactual e, por iso, fuxidio á súa recepción. O manifesto Máis alá ! (1922) é un artefacto de distanciamento, porén fai referencia ás implicacións poéticas da relación coa tradición de noso. O poeta de De catro a catro articula a crítica como subversión valéndose da ironía, o esteticismo das vangardas, a teatralidade e o exceso, axudándolle na arela o debuxante Álvaro Cebreiro:

“Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. O noso respeto vén de que eles non tiveron culpa de vivir nun tempo de choída incultura castelá.”

 

Na altura seica non era o que lle tocaba ao feito literario galego aínda que, como ben se sabe, as vangardas a miúdo glorifican ao mesmo tempo que desconstruen achegando, como é o caso do manifesto de Máis alá!, un abrollo de rebeldía contra o sentimentalismo de natureza máis conformista e coma un medio de acadar emocións máis intensas. A diferencia do extrañamento breachtiano, non precisaba desintegrar o significado básico do xesto, senón que pode tamén intesificalo e celebralo. Eís a clave: as palabras teñen vida cando se abandona o pasivo fatalismo que as deturpa e as baleira  de sentido, cando o peso emocional é a pura afirmación do verbo.

O formato “manifesto” sempre tende a recoller propostas que en calquera outro poderían considerarse ocorrencias irrealizables, ou coñécense ben as súas posibilidades e entón non hai opción posibel.  Mália termos sospeita de que a linguaxe a cargou o diaño, vennos dicir MA!,  a palabra é  o único lugar onde o home aínda pode ser libre. Asin formulado o programa, só había unha opción non exenta de risco: a procura da  expresión própria non podía ser outra cousa que  a afirmación do idioma de seu.

Se como dixeron Reich e Camus a maior necesidade do home é fuxir da liberdade, os galegos esquivan o único eido onde aínda alentar, o idioma de seu.  Compria, portanto, afirmarse perante o andazo castelanizante e  perante o  “galeguismo xogo floralesco” que engole toda a luz,   para arelar o espazo libre das singraduras oceánicas,  facerse piloto nun pailebote para facer máis leve a pesada herdanza. Alentar, debecer por navegar máis alá, mar adentro !

Mas a navegación de cabotaxe tamén ten risco. Como Pessoa, só publicou unha obra na língua materna. Nunha das emisións de Galicia Emigrante, o inquedo vaso comunicante de Luís Seoane, vía na obra de Manuel Antonio unha primeira influencia do criacionismo de Vicente Huidobro e das vangardas da época. E atinou de cheo. As lecturas de Jean Epstein, La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921) e da revista Ecuatorial de Huidobro , as traduccións de Rimbaud e Poe ao galego. Alí estaba todo, a biblioteca persoal, o textos en papel de tabaco, os orixinais riscados, todo estaba na casa de Rianxo agardando.

Houbo que esperar a que Axeitos nos volvera os escritos e a biblioteca persoal do rianxeiro “secuestrada” por García Sabell dende 1956.  A función do autor da que falara Foucault é fecunda para entendermos o ámbito e a representatividade dos discursos e por iso cómpre non abusar dela. Tamén cómpre non esquecer, tal e como recorda Boudieu, a relación das obras coas condición sociais da súa producción como moi ben puxo en envidencia a correlación de forzas amosada por García Sabell. Porén, eis a loita polo poder, as absurdas e tristes estupideces que lle veñen dar a razón ao de Rianxo e que colocaron a un país vizoso nun estado lamentabel, non podendo ser máis profético.  “Pollitos bien”:  unha imaxe coma esta  pode conter unha visión de toda esta comedia da derrota.

“Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Mestre: Chamámoslie mestre por ser vostede o “mestre” da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa cobardía do debre tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte.”

Cómpre pór de relevo que a  máis ca arroutada irada,  Máis alá! tamén é unha teorización da derrota. Si, e qué !

Hai quen revisita a tradición con espírito de museo na procura de lembranzas e de fundamentos, sen saber que quen así se achega o único que se lle ha ofrecer é todo o contrario, o esquecimento. O  manifesto Máis alá!  debería lerse sen a beatífica presencia das visitas guiadas.  Porén, non hai texto galego que resulte tan lúcidamente didáctico coma éste e non só porque a súa misión  elidida fose unha acta de clausura  (a “angustia da influencia” adquire en Manuel Antonio o peso de todo un país para alén das imaxes ocorrentes) senón porque obriga a quen o visita a enfrontarse coa tradición de noso e á impostada, a estabelecer unha relación próxima e a cumplicidade que se precisa para respeitar a historia dos outros/nós, todas as historias que na tradición se custodian, ao tempo que fornece un bó antídoto, como se se tratar dun ritual iniciático, contra os efluvios malsáns e autocompasivos.

Nun contexto humorístico hai que situar a  poética do manifesto, que se ben amosa o abandono do galego e exhibe cruelmente o noso infantilismo político,  tamén retracta con nídia claridade o difícil intento de dous novisimos artistas galegos por ser autosuficientes nunha soidade dominada polo asimilacionismo e o supremacismo lingüístico. O pensamento do manifesto identifícase co tempo que describe e albisca dende o seu título Máis alá! unha onerosa terra de ninguén.

Posúe o ritmo e a arquitectura fragmentada do noso tempo que só podemos ver na internet ou nos soños. Daí a banalidade do silencio de García Sabell, a Galicia ficticia soerguida probabelmente con moito diñeiro, no país inexistente da Cidade da Cultura, o país inexistente que presentan os folletos de  Turgalicia. Máis alá ! amosa unha Galiza colonizada, onde, no mesmo corazón do país, na tradición galeguista, xurden lagoas de subdesenvolvimento cultural caracterizado pola instintiva arela de afirmarse de xeito diferido a través do campo literario español. Non se vira tal cousa, García Sabell sabíao e sentíase incómodo entre os espellos de Máis alá!. Por aí, o manifesto de Manuel Antonio e de Álvaro Cebreiro é unha mostra do que se pode facer con vontade de expresión, enerxía creadora, ideas claras e unha concepción da literatura totalmente libre do andazo do colonizado, do que para dicilo con Bourdieu, é  un campo de loitas que procuran transformar ese campo de forzas dende o seu acceso á existencia e á diferencia.

Admiro  tanto este texto que quixera esquecelo. Releo nel coma se fose a primeira vez e despois teimo en esquecer os pormenores para que na próxima lectura este mesmo ano ou ao seguinte, poida recuperar a miña ollada de hai tempo, que o sentido sexa capaz de sorprenderse tantas veces  como se precisar. Acho que é tarde de máis. O texto sabe que eu vivo nel e teima en guindarme fora:

“Arrenegamos de toda imitanza. A dos vellos en nome da Vida; a dos nosos en nome da Novidade. “

 A porta xiratoria da imitatio  lévanos a reparar nunha cousa, non por óbvia menos potente,  libros diferentes dan a ler, en diferentes épocas, o mesmo texto, que se lé, portanto, de diferentes formas. O autor Manuel Antonio non volta coas mesmas prerrogativas que orixinaron o seu exilio (ao cabo, non é o manifesto Máis alá ! un programa de autoexilio?), nen sequer a non saída. O manifesto confía en que haberá un lector ideal, ainda que só sexa un. A quen se dirixen os manifestos ? E o próprio MA danos a resposta no poema  SÓS (De catro a catro, 1926):

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa d’ o horizonte

Non hai novidade que mereza, nen fama- que dicía Pessoa.  De feito, non é Máis alá! un manifesto pensado coma unha brincadeira para un círculo de iniciados? Mágoa que moi poucos entenderan o programa que había en MA.  Ao cabo, o sobrevivinte MA (Manuel Antonio = Máis alà)  marchou nun pailebote ao extranxeiro, aínda que non se trataba de Nova Iorque ou América,  senón  da viciña Asados en Rianxo.

 

Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro (28 de xuño de 1922) Manifesto “Máis alá”

 

 

 

 

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: