off
Economía, Europa — 10 Xuño, 2012 at 3:23 p.m.

Rescue me !

by

Seica non había diñeiro. Só adesivos, cromiños sen valor nengún. Agora sabemos que llos van trocar por cartos.  Entanto os que han ser resgatados desafiuzan  xente, o estado español   fai de avalista final dos que xogaron ao bingo.   A crise tamén serve para amosar o que non se di e o que non se fai nesta cerimonia da confusión na que o que se está a xogar son os dereitos laborais,  as pensións,  a capacidade adquisitiva e o  estado do benestar.  Son teimosos, xa o di Time: You Say Tomato, I Say Bailout: How Spain Agreed to be Rescued.  Están a expropiar á cidadanía para darlle  cartos á banca, e ignoramos a proporción do espolio, quer dicir, da nova quenda de recortes ainda que se usme unha devaluación a través dunha redución dos salarios.  Iso fai parte da segunda quenda de mentiras: os 100.000  freixós de San Rajoy hanlle dar confianza aos mercados, aumentando, xaora, a débeda e o déficit, minando as condicións sociais. Ainda que en  Olláparo non contamos coa asesoría de Krugman, cómo confiar na xestión do resgate de quen o nega?

O 26 de maio precisaron  a cifra  de 23,5 millóns de euros en fondos públicos, e Mariano Rajoy  dixo que  “no habrá rescate bancario.” Teiman en dicir que non hai resgate cando é evidente que o estado español non ten cartos para socorrer á banca.  E cómo é que se chama a pedir cartos porque non podes financiar a túa débeda ? Resgatar, socializar as perdas da banca española. A débada pública que xa tiñamos agora vanlle engadir 100.000 millóns máis. A banca alemana quere cobrar. Os neoliberaris axiña esqueceron a prerrogativa aquela da non intervención do Estado.

E porqué non resgatar a sanidade  pública? E porqué non hai axuda para as familias desafiuzadas ou para paliar a pobreza infantil que segundo informe da ONU  xa afecta no estado español a 3 de cada 10  miúdos? E porqué non expropiar o patrimonio dos banqueiros que se lucraron?

Asumidas acríticamente determinadas prácticas sociais que nos tornaron crueis, xa non quedan azos  para diferenciarmos a continxencia da  necesidade.

E logo viñeron as políticas bulldozer da dereita europea e española con tres anos de recortes e progresiva  privatización da sanidade e a educación.

Na perspectiva que nos están a apresentar, o progreso moral non existe. Ese progreso moral que pensadores coma Kant  arelaban na dirección dunha maior solidariedade humana, da evolución  das institucións democráticas e dunha maior consciencia política cosmopolita. Pola contra, o esvaciamento de soberanía de noso vaise acrescentar  a costa de restablecer a  “normalidade dos mercados financieiros”, eis o fundamento da política democrática segundo o tribunal de barbeiros bébados e dos bancos do PP (Bankia, Caja Madrid e Caja del Mediterráneo: nengunha responsabilidade e desleixo estructural ao non aproveitaren os tempos de fartura especulativa para acrescentar en competetividade (I+D+i).  E cómo, con evidentes contrapartidas: reducindo soldos,  recortando despesas públicas en educación e sanidade, acrescentando as disparidades de xeito indiscriminado…A quen lle convén esta España e esta Europa?

Se o euro é un problema segundo ten avanzado o Financial Times,  para dicilo con Boaventura de Sousa Santos, estamos a asistir á  federalização sem democracia, segundo a cal quen quiser permanecer nele haverá de renderse aos ditados  do neoliberalismo que hoxe goberna a Europa.

Alguén espera cos mercados financieiros   recompensen aos galegos polos sacrificios feitos?. Interésalle a Galiza seguir en España se nos negan autonomía fiscal e financieira?  Pensan o cidadáns galegos que alguén o vai avaliar? Como lle imos contar todo isto aos noso fillos?  Todo elo significa que Galiza ficará ainda máis baixo a tutela colonial da banca española que sobreviva a Goldman Sachs, a Moody’s e á banca europea. Cando imos entender os galegos que temos que resolver os nosos problemas?

Interésanos aos galegos seguirmos o vieiro da obediencia a España se esta  amosa tan pouco valor democrático?  Rajoy, u-lo? Nun baño de realidade e de vaidade circense . Primeiro dixo que non habería copago e  que a prima de risco caería baixo a confianza inusitada do alento divino, despóis que non habería resgate. E o Banco Europeo? Abaneando na prima. E a fiscalía xeral do estado?   Feijoó, onde estás que non te vemos? Menos mal que nos queda Grecia, a ver se gaña a esquerda.

Tamén os parados queren que os resgaten, e os autónomos, e os xoves que ven coma o barco se afunde. Come on baby and rescue me!

Tags

5 Comments

  1. Non é a oposición ou os sindicatos…é que fago eu? Que podo aportar?

  2. Olláparo Edición

    A razón chámase ética e estética da indignación. Doutro xeito, resistencialismo que paralisa se non se pasa á acción.

  3. non sei a que están esperando os partidos da oposición e os sindicatos para paralizar este país!!! despois de ver tanta corrupción xa non sei que pensar!!! bastante decepcinada me atopo…e que facer un individualmente, se é A UNIDADE a que fai a forza????

  4. PARALIZADOS
    Sorpréndeme tanta candidez na xente de Ferrolterra.
    Coa que está a piques de caer… Os Asturianos paralizan o país e aquí o Comité de Empresa da Bazan maniféstase xunto co PPSOE (axentes desta farsa que estamos a padecer e máximos culpábeis do que acontece na Ría, Terra de Ferrol e comarca). Aquí salvo o nacionalismo político e sindical que non para en dar resposta e iniciativas o demáis só é PPariPPé. Os máis PPamPPeando na taberna como cando o PPrestige namentres os demais recolliamos chaPPaPPote ( nós en Muros)

  5. Rescatar a banca, afundir o país por Xavier Vence

    “A primeira é que coa solicitude de 100.000 millóns de euros ao FEEF para sanear o sector bancario español ponse en evidencia que a verdadeira natureza e causa da crise actual estaba e está no sector financeiro/bancario. Máis unha vez queda á vista a impostura do discurso oficial que durante todo ese tempo tentou impoñer ao país a idea de que o problema nacía dun excesivo gasto público, das pensións, da lexislación laboral ou dos salarios.

    A segunda é que con esa cifra aproximámonos á magnitude do burato da banca. Sumando estes 100.000 millóns de euros aos 150.000 millóns que xa se entregaron desde 2009 por diferentes vías (inxeccións de capital, préstamos públicos do FROB, avais sobre a débeda das entidades, etc), situámonos nunha cifras que representan aproximadamente o 25% do PIB anual español.”

    http://www.sermosgaliza.com/opinion/xavier-vence/rescatar-a-banca-afundir-o-pais/20120610115049002183.html

    https://vimeo.com/43806034

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off