off
Cedeira, Xente — 8 Xuño, 2012 at 1:32 p.m.

Obdulia

by
“Para ver claramente, basta mudar a direcção do olhar.”
Antoine de Saint-Exupéry

Obdulia nace nos derradeiros anos do século XIX, no inicio da Guerra de Independencia de Cuba fronte a Coroa Española, durante a Rexencia de María Cristina.

Naquel tempo a poboación fervía en febres patrioteira de proclamas e marchas militares ao berro de Guerra!, hai que dicir que namentres os fillos dos “amos” libraban de quintas previo pago. A infancia de Obdulia transcorre no clima pesimista da crise de postguerra, da fin daquel empoleirado imperio…o falar popular “máis se perdeu na Guerra de Cuba” nela tiña máis sentido por achegado. Para os galegos non fora a perda da illa, por moito fervor que se sentirá por aquela fermosa Perla do Caribe, senón que a dor podíalle ao fervor, a terceira  parte dos tripulantes da Armada Española que padeceran a guerra Hispano Americana eran galegos, a cuarta parte da tripulación daquela flamante Flota do Atlántico que foi destruída nun dia en Santiago de Cuba pola Armada dos EEUU en Xullo do 1898 eran galegos, a gran maioría deles da comarca de Ferrolterra. O pobo quedara  sumido no  abatemento,  nunha gran depresión  á caída do chamado “Desastre del 98”.
Obdulia non sabía ler e sempre que un xornal chegaba a casa, ela pedíame que lle lera as novas cuxo titular lle acaían en graza. Ela sempre dicía con dozura: “lee, neno lee…non sabes ben que gran cousa é ”.  Agradecida, nunca se fartaba de considerar o feito de interpretar aqueles signos en sons en palabras intelixíbeis e viceversa, como si os signos foran as chaves de portas inaccesíbeis, portas que en toda a súa vida non foran máis que un fabuloso misterio.

Obdulia medrou en tempo de moita crise, de poucos recursos e moita emigración, na súa adolescencia a principios do século XX, o galego era a súa lingua materna e vehicular nun tempo no que tres de cada catro familias falaba o galego, o dez por cento era bilingüe e menos do quince por cento era falantes en español.

Obdulia non sabía ler pero levaba o segredo das sementes e as sazóns, do clima e da das estacións, facendo ser nela como un legado doutros ao longo do tempo. A horta era a súa razón e a memoria oral a súa filosofía. Dela escoitaba fascinado as lendas da Vila asualgada de Valverde que ela situaba nas regas das dunas da Praia da Magdalena de Cedeira ,
Obdulia vivía con nós,  meus país máis meus irmáns, na Praia de San Isidro ao pé do Camiño Real da Magdalena, como tamén vivirá o seu home, Pedro de Monteiro até a súa morte, non había tanto tempo que baixaramos da nosa aldea en Santaiamar/Esteiro moi preto do Campo das Croas.  Obdulia encheu a infancia de contos nos que as croas estaban habitados polos “mouros”, de ánimas de defuntos penando polas encrucilladas camiño de Teixido, do paxaro da morte ou de cantares e trabalinguas infinitos como o Chas Carrás Chas para onde vas vella, Chas Carrás Chas que vas a buscar?…ela encheunos a infancia de tradición oral, mitoloxía popular e identidade como unha aprendizaxe herdada.
Nunha arroutada a Obdulia metéuselle nese aparello da natureza que son os miolos que xa lle “chegara a súa hora” case que un lustro denantes de chegarlle de verdade, xenio tamén tiña até para esperar a morte. Encamou moito antes que acabara o seu tempo porque ela así o decidiu, como si aquel tempo de finais dos oitenta e o mundo que con-levaba  xa non tivera a ver con ela.

Hoxe acordeime de Obdulia e da lectura dos xornais aos pès da súa cama, a súa lembranza foi  un reencontro con ela e coa raizame que me une a esta terra…si, hoxe sería un gran momento para lerlle con gusto o novo “Olláparo” cedeirense, faríao dende a xanela no formato dixital ou leeríalle de bo grado o “Sermos Galiza” que  en papel sae hoxe á rúa.
“lee, neno lee…non sabes ben que gran cousa é o podelo facer ” dicía… non sabes ben Obdulia que gran cousa vai ser poder volver a facelo nada máis e nada menos que outra vez en galego. Poder ler para poder ser, para sermos Galiza con outros ollos

Tags

4 Comments

  1. Grazas. Eres un sol

  2. boa fer

  3. Ao fío do comentado:
    …” na súa adolescencia a principios do século XX, o galego era a súa lingua materna e vehicular nun tempo no que tres de cada catro familias falaba o galego, o dez por cento era bilingüe e menos do quince por cento era falantes en español”.
    Teño que facer referencia a que do periodo que abrangue + – a dictadura nacional católica española de Franco, do 1938 a 1978 perdéronse o 50% dos falantes iniciais en galego, igualando as porcentaxes [por debaixo] aos falantes iniciais en castelán. A dictadura foi o catalizador da sustitución cultural e idiomática da poboación galega, o método foi o adoutrinamento másivo [por dar un exemplo de miles, o galego foi desterrado das escolas e a xeración dos noso pais pasaron a aprendernos en castrapo castelán namentres eles usaban o galego diglósico entre eles].
    Obdulia era analfabeta, pero había máis dignidade no seu mundo (atlántico no seu caso) e máis cousa que aprender que as que hoxe moitas veces ofrecen esas actividades ás que se levan aos nenos.
    Unhas clases á semana con Obdulia serían capaces de abrir portas que hoxe están pechadas precisamente polo feito contrario…demasiada palla pra leer e pouco trigho.

    Por certo ela tamén me contou sa historias dos “escapados” que me gardo para outra ocasión

    obdulia!

    Thanks a lot camarada. Volve á vila ondia!

  4. Gabriel Beceiro

    O mellor artigo …gostei moito, sentínme moi identificado (sería boa cousa que todos tiveramos unha Obdulia que nos unira coa infancia e co país de noso) parabéns

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off