off
Cedeira, Política local — 18 Maio, 2012 at 17:35

Cedeira Mon Amour

por

“Cremos que o que uniformiza diminúe ao ser humano, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza.”

Luís Seoane

Xosé Díaz, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, nunha entrevista publicada no xa desaparecido Xornal de Galicia retrataba ao polifacético artista Luís Seoane afirmando que de ter sido catalán sería “moito mais que Miró”. Ao longo daquela reportaxe recordaba a importancia que Santo André de Teixido representaba no imaxinario de Seoane e facía lembranza de cando volta de Bos Aires, o primeiro que fai é ir a Teixido… organiza unha excursión con Isaac Díaz Pardo e súa dona. Naqueles tempos había que ir camiñando moitos quilómetros porque non chegaba o coche. Para Seoane San Andrés era volver de todo ao máis primixenio de Galiza, á Galiza telúrica… ao berce…
Seoane fai dúas figuras en 1967 que son un San Andrés de Teixido para meter auga e unha pomba para levar a herba de namorar. Son as primeiras pezas que se producen en En Sargadelos, na etapa nova que instauran Isaac e el. No fondo o que quería era dignificar a arte popular. Era unhos xenios cento por cento.

…ben, pois o sorprendente non é que atopemos referentes na nosa contorna que nos enrolen en naos con singraduras culturais ben interesantes, o sorprendente é a falta de vontade de lustros que case semella xa ideolóxica por casposa, cando se fai mención da cultura galega máis prestixiosa e achegada non é dixestiva para o moi beato boato local, non falemos xa de remexer na novela negra local da Memoria Histórica do fusilados na Praia de Pantín ou do vergonzosamente esquecido Rexedor Manuel Fernández Freijeiro e os cargos locais do Concello Republicano de Cedeira fusilados en Ferrol, que falar… do Priscilianismo ou da Galiza prerromana na alma ritual de Teixido. Entón xa se pechan tódalas portas da visibilidade.
A Historia de Cedeira, a de seu, a achegada á Cultura e Historia de Galiza está a ser invisibilizada, cando non por imperativo ideolóxico (supremacismo español), mais tamén por exceso de ego na aportación de achádeos e datos, ocultando a historia Local para máis gloria de Onán e moita, moita preguiza. Semella menos ridiculista, e mais real neste contexto a “Teoría do Ensanche” dun amigo, que dí que Galiza non existía na precristiandade e que foi creada por obra dos Reises Católicos que forón botando pedra e fixeron un recheo.
Vai xa para corenta anos que se comezou a falar en Cedeira cando menos dun Museo Municipal, o certo é que o patrimonio arqueolóxico atopado no Concello de Cedeira non está a se debidamente tratado, non está centralizado nun recinto municipal, mapeado, inventariado e documentado, exposto a coñecemento público, xestionado polo Concello e co apoio técnico das universidades e da Consellaria de Cultura.
O certo é que once castros máis ducias de mámoas se atopan abandonadas e soterradas a dia de hoxe até desaparecer do imaxinario da cidadanía…o certo é que a pista de Chimparra que vaia á Capelada pasa por derriba do Castro de Chimparra, o Certo é que o Castro do Cura en Cervo, o de Maghoira ou o das Croas hoxe por hoxe forman parte de terras de explotación forestal de monocultivos…Como para falar de Teixido no imaxinario que inspirou a obra de Seoane andamos nesta vila…

O mundo que queremos construir non se pode entreter en si nos gustan ou non as iniciativas privadas alleas que xurden na Vila, temos que ser quen de recuperar no imaxinario da cidadanía a cultura de seu, sendo actores do seu rexurdir, sen remedio ademáis. Vale de pouco laiarse…temos que querernos máis a nós mesmos e ao noso a amosalo dun xeito máis sustentábel no espacio e no tempo e non cun efémero “gústame” nas redes sociais.

As muletas

Por sete anos non puiden dar un paso.
Cando fun ao médico me preguntou:
Por que está a usar muletas?
Porque eu son coxo, eu respondín.

É normal, dixo.
Probe camiñar. Son eses aparellos
os que o impiden de andar.
Ande!, atrévase, rastexe sobre as catro patas!

Rindo como un monstro,
arrebatoume as fermosas muletas
rompéunas nas miñas costas mentres ría,
e lanzounas ao lume.

Agora estou curado. Ando!.
Curoume rir.
Tan só, ás veces cando vexo paos
camiño peor algunhas horas.

(Bertolt Brecht / De “poemas e cancións”)

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: