off
Cedeira — 3 Maio, 2012 at 11:10 a.m.

Qué fai o ministro de exteriores inaugurando unha capela?

by
Margo de pé, no centro. Foto: Diario de Ferrol

O primeiro de maio, entanto as rúas galegas acollían as mobilizacións de traballadores (é un dicir, disque xa hai máis pensionistas e parados que traballadores), o ministro de Asuntos Exteriores do Estado Español  José Manuel García-Margallo acompañaba ao Alcalde Rubido  (que seica abandonou as súa obrigas, tanta é a súa adicación)  ao bispo da Diócese de Mondoñedo Ferrol , ao delegado de patrimonio artístico e a outros dispensadores de liturxia na inauguración da nova capela de María Mediadora. Moito boato político-relixioso para un templo innecesario que só nos fai recordar que foi a corporación de Rubido Ramonde a que desprotexeu o vello edificio antigo María Mediadora facilitando así a sobreurbanización da contorna da que o Auditorio forma parte.  O porqué  explícao o párroco Gonzalo Varela a Diario de Ferrol (02/05/2012):

“Cuando la congregación cedió a la parroquia el antiguo colegio, esta se encargó de negociar con una promotora la permuta que permitiría construir la nueva iglesia y la casa parroquial”

Neste concello  os gatos semellan ser todos pardos,  ainda que sair saen nas fotografías. Para calquera observador é evidente que a agresiva e moi desaprensiva urbanización da  Area é un dos maiores despropósitos que veu Cedeira nos derradeiros anos. Non só despareceron do skyline cedeirés edificios e predios emblemáticos como o parque-pista Floreal, o convento da Area e a horta de Don Rodrigo, senón que foron substituidos por edificios de volumetría excesiva, no alto e no largo, que viñeron colonizar o espazo vital e sentimental  dos veciños e veciñas: beirarúas imposíbles, cronificación das horas de sombra, desaparición das señas de identidade. A máis, fixeronse intervencións disfuncionais que desnaturalizaron a contorna e acabaron por non serviren para o que foron feitas, velaí o soto da Praza da Rectoral (u-lo o mercado?) ou os andares superiores do Auditorio.

En todo este tempo a perda foi irreparabel, á insensibilidade da parroquia e da Diócese sumouse o desleixo das diferentes administracións públicas. Cecais todo sexa  froito da cobiza e o desleixo, do escurantismo ligado á cultura inmobiliaria cando interacciona  con unha  administración pública pouco atenta ao interese xeral, dunha insuficiente consciencia do ben común. O caso é que a nova capela veu dar xusto enfrente do Auditorio.

Cando se encetou a obra do Auditorio pensouse no interés xeral dada a urxencia con que se licitou, cumpreuse cos principios de necesidade que se precisan en toda obra urxente?

Qué relación hai entre a aparentemente arbritraria ubicación do Auditorio, encofrado entre edificios,  e a reurbanización do espazo que agora ocupa o novo templo logo da troca coa promotora?

O resultado é que se fixeron intervencións na Rectoral, na praia da Magdalena e levantáronse edificios como o  Auditorio  – a caixa do escenario orixinario era ridícula, disfuncional, e houbo de ampliarse a fume de carozo-  no entanto se perdían  edificios emblemáticos (convento, fábricas, Tres de Oros…e antes tamén o Parque-Pista Floreal) e non se rehabilitaban os que xa eran propiedade do Concello (Palacete, Biblioteca, escolas dos indianos de Esteiro). Para quenes poideron facelo e non pararon estes proxectos de especulación urbanística  a responsabilidade será súa para sempre porque poderán dicir  que a Cedeira non a coñece nen a nai que a vai parir !  Para eles toda a gloria.

Para quen esteña tentado a dicir que as necesidades actuais da cidadanía son outras, dicirlle que a política, en concreto, a política urbanística,  condiciona o real e o posibel até o punto que a desfeita inmobiliaria cedeiresa  de todos estes anos creou unha situación precaria e irracional de non retorno que nos submete agora, en plena recesión e perdendo emprego e poboación,  a apandar co feismo urbanístico que afecta directamente no turismo.

Sr.Alcalde, a máis de pasear ministros e inaugurar capelas, pensa facer algunha cousa? E a oposición?

2 Comments

  1. pois moi claro rezarlle a dios para que lle podamos pagar mais tempo o seu sueldo que non debe de ser pouco

  2. O que aqui se representa e a comunion da Igrexa e a politica. Aqui dannos duas cuncas de caldo.O ignorar a un poboacion indignada e a representacion teatreira da union dos dous poderes.
    Respeito a desfeita urbanistica e que non hai por onde collela. Isto semella un pobo pantasma.
    Pantasma por que vense caixons de cemento esperpenticos. E pantasma por que estan baleiros, semellando este un pobo do que a xente fuxiu por un fenomeno paranormal.
    Ese fenomeno paranormal e a especulacion e as suas consecuencias: o feismo paisaxistico e o desemprego por apostar todo ao ladrillo sin buscar un desenrolo capaz de crear riqueza e emprego.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off