off
Economía, Movementos sociais, Política — 30 Abril, 2012 at 1:21 p.m.

1 de maio

by

“Ainda que a práctica da historia sexa esencialmente antiutópica, 

certo é que a utopía fai andar a historia”

E. Cioran

  

Outro primeiro de maio ao que chegamos padecendo a despolitización da economía. Slavoj Zizek lémbranos que cando iso acontece a política despolitízase. No derradeiro ano agromou  a idea liberal de dignidade amosando as mesmas contradiccións cas compañías de servizos financeiros.  Neste sentido, os indignados permanecen empoleirados nun antagonismo que lles impede aceptar  a necesidade de tomar partido antes de que o seu potencial subversivo  e liberador sexa  integrado como “estilo de vida” , ou se se quer, neutralizado como  cuestión “cultural” que, en calquera caso, a Europa capitalista acolle con desprezo e sarcasmo. Esa mesma despolitización da economía está  a alimentar a emerxencia da dereita xenófoba e populista na Francia, a asunción e aceptación  da mal chamada “austeridade” que fai da necesidade virtude, de que cómpre reducir o gasto social,  e a redución da “indignación” a manifestación cultural baleirada de calquera participación activa sobre decisións importantes.  A indignación debe recuperar o primeiro de maio, non houbo outro de máis relevo nas nosas vidas. Pode ser un comezo para artellar novas formas de acción e de presión.

O sindicalismo hexemónico español permanece  cómodamente instalado nunha fráxil resistencia, na inxénua crenza do multiculturalismo, no eloxio da civilización universal en construcción -iso si, subordinada á matriz uniformizadora do Estado español- , cando a tendencia á uniformización – agora chamada globalización-  é unha tendencia ao reforzo da adecuación da superestructura ás esixencias da infraestructura capitalista europea de orientación xermano-americana. É por iso que a mellor forma de implicarse é o rearme ideolóxico baseado  na convicción, nas accións directas na nosa contorna de influencia. Que a indignación e o movemento 15-M se implique cos sindicatos e coas forzas políticas de esquerda para encetar o cambio mundando a esquerda institucionalizada.

O sindicalismo galego xurdiu como resistencia espontánea da clase traballadora galega fronte a esta uniformización co obxectivo de  limar as relacións de explotación non interior do Estado español e como medio de restablecer a proximidade e resolver os problemas dende a aquí e dende baixo.  Certo que poderiamos retrucar ao xeito de Sartre, qué lle importa ao pobo galego a cor do seu patrón se está obrigado a sofrer un patrón?. Xaora, nada axuda que na palanca da reacción esté o goberno de Feijoó, esa forma de delegación do rodillo- de-pintar da dereita imperial española e do capitalismo transnacional.

Mália a necesidade histórica dun sindicalismo galego a innovación debe pasar, tal como prognosticou Foucault, por  unha volta ás arelas éticas fronte ao risco e a ameaza, para estimular novos plantexamentos e tentar realizar (hoxe) novos ideiais de liberdade e xustiza. Se ben en todo este tempo o sindicalismo galego e as forzas de esquerda galegas non foron quen de artellaren centos de ensino de seu e universidades e os poucos meios de comunicación que hai esmorecen…Tampouco se percebe a articulación do que hai na rede.  Mas cómpre pensar que esa insuficiencia  é responsabilidade da sociedade galega toda, da baixa cultura democrática que aniñou en nós.  Ainda así, cómpre sair á rúa, articular alternativas colectivas coas persoas e colectivos que  saben o que queren achegando  propostas na nosa contorna e, se se quer, accións máis efectivas á altura da nosa época.

A burocratización e xerarquización do traballo na sociedades industriais  modernas adquiren hoxe a apariencia líquida da sociedade da información coa particularidade de que a chamada “fenda dixital” exemplifica que as disparidades e alienacións están lonxe de extinguirse ou debilitarse.  Máis ca nunca cómpre voltar á acción e palabra do individuo, deixar de concebir a ideoloxía para resolver os problemas desde arriba. Esa confiscación da iniciativa é producto tamén da despolitización que leva á fatiga do militantismo e ao voto exercido de vez en cando. Unha sociedade no que a producción xa non se confude coa industria  e no que a producción de valores de uso prevalece sobre a producción de mercadorias, só é posibel se existen relacións sociais igualitarias e unha reducción das rendas, un modo de producción máis autónomo e menos productivista. Portanto, a defensa de dereitos laborais é indisociabel da contestación ao productivismo e ao modelo de desenvolvimento.

O desemprego é  problema de maior magnitude na sociedade galega, amedoñando aos traballadores ocupados que ven  ameazada a súa “estabilidade”. A saída da ideoloxía neoliberal hexemónica é retallar dereitos alentada polo dictado do capital financieiro. Non sería o traballo o que crea productos, senón a producción a que crea traballo, e o traballador halle ficar ben agradecido á empresa que lle dé traballo, serlle fidel a perpetuidade se non quere perdelo. Porén, como aconteceu nos oitenta, o aumento de productividade non implica necesariamente a creación de postos de traballo. Velaí o desempregado, desmobilizado, aillado, e agora tamén desprotexido, a risco de verse desprazado e marxinado tira do despido, dos aforros e da familia e procura atopar traballo en oficios de menor categoría, empregos eventuais e en piores condicións. Entra na competición insolidaria cos compañeiros de infortunio, disposto a entregarse ás condicións que lle ofrecen. Desta situación deveñen toda caste de problemas e frustracións que van labrando a desafección civil.

Neste primeiro de maio de 2012 parécenos posibel afirmar que unha sociedade incapaz de dar a luz unha utopía e entregarse a ela está ameazada pola esclerose e a ruina. Hoxe máis ca nunca cómpre desmitificar o traballo – concebido éste como cerne de realización persoal ao servizo das estructuras actuais de consumo, o máis serio garante da perpetuación das estructuras actuais de traballo. Cómo salvar senón a contradicción existente entre o imperativo moral do capitalismo e a imposibilidade para moitos xoves de acceder a un posto de traballo estabel? Fronte a iso, nada: a desmobilización, o isolamento  insolidario, a despolitización, o cepticismo e a desorientación ideolóxica dende a paralización denominada “consenso”, incapaz de fornecer calquera iniciativa. Por iso é  que se precisa, máis ca nunca, lémbranolo Carlos Taiboacrescentar a nosa vida social para atopar alternativas, traballar menos horas e consumir menos.

Saúde, traballo e república galega!

One Comment

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off