off
Cedeira, Cultura, Fillos da silveira — 18 Marzo, 2012 at 7:10 a.m.

A cultura da omisión

by

A nosa cultura non atopa a difusión nin o recoñecemento que os cidadáns agardariamos por parte do concello Popular. Observamos cómo, cunha normalidade estranamente aceptada, se menospreza todo aquel producto cultural xerado na vila, e tamén ós artistas que non encaixan cos patróns decimonónicos e servilistas que tan ben mamados teñen os nosos visionarios dirixentes.

Desafiuzados de toda identidade e recoñecemento, algúns dos nosos talentos atopan o favor do público fóra da nosa vila; temos exemplos disto entre os nosos músicos, que non teñen oportunidade para vir actuar á súa vila natal por mor da relación incorrecta, maliciosa e prostituída que se fai por parte dos que deciden entre ideoloxía, identidade e traballo artístico. Xente talentosa e de sobrado enxeño vese privada da acollida merecida que na súa vila se agardaría, por parte dunhas institucións pouco interesadas pola cultura Galeguízante, galeguizadora e de diversas inquedanzas, e moi interesadas por temas e teimas, máis que roidos e profundamente estereotipados.

A riqueza e o legado artístico e cultural van dende a pintura á música, da escritura infinda á poesía de caracteres e sentimentos, das cancións e cantigas recopiladas á recuperación de festas como o Samaín e creación doutras novas de orixe celta (alomenos en intención), da fotografía narradora do decorrer do tempo á construción de edificios, nalgúns casos gracias aos emigrantes e que chegaron ata nos nun bó grao de conservación, como o Escolar de Piñeiro, refuxio actual da Banda de Gaitas Robaleira; por suposto, non se entende como riqueza artística a recua de monstruosidades edificadas saída da burbulla inmobiliaria.

Máis todo isto lévanos a preguntarnos se máis aló dos xogos populares, da cucaña, dalgunha rúa medieval tímidamente recuperada e da exaltación oradora e verborreica do Santo André de Teixido, sen esquecernos da fortaleza impenetrable, se hai algo máis que nos identifique e nos vencelle á nosa cultura e ó noso pasado. Que foi dos emprazamentos Castrexos, soterrados polo integrismo relixioso e polos prexuízos autocastrantes?

Que sabemos de nós, como comunidade definida e identificada, da nosa procedencia, da orixe do nome da nosa vila, máis aló da palabra “Cetarea”?

Chegamos á conclusión de que a ignorancia asumida como propia ten máis delito que a que nace do atrevemento, porque a primeira é consentida e a segunda nace da inconsciencia; aínda así aceptamos o pouco que sabemos debullado e mastigado, sen a menor sombra de dúbida. Ao fin e o cabo, pensar está sobrevalorado e algúns estarían máis que encantados de levar á práctica aquilo de “muera la inteligencia”.

E se recoñecemos unha certa ineficacia á hora de acondicionar ou construir espazos axeitados para a difusión das distintas disciplinas artísticas, porque non só do Auditorio e do Palacete vive o home, tamén debemos de sinalar o desaproveitamento doutros que fican como quen di mortos da risa; é o caso do anfiteatro, que ten uns usos ben peculiares que van dende o variopinto botellón ata as carreiras de karts, toda unha declaración de intencions nestes tempos modernos.

Sen salas de exposicións axeitadas, sen actos para promocionar aos nosos artistas, sen poñer en valor o propio sen ningún tipo de complexos, sen crear o bo hábito de gozar da nosa cultura na súa xusta dose, sen museos que teñan exposicións fixas ou itinerantes ou de temática especializada, sen concursos que estimulen a creatividade apoiados e organizados dende o concello, sen unha auténtica inquedanza polo autocoñecemento e a divulgación, non só estamos orfos senón tamén eivados culturalmente e sen o menor sinal de melloría, agonizando entre a complacencia e a máxima asumida de que todo o que veña de fora sempre será mellor e un modelo a seguir.

Ogallá sementemos autoestima para recoller, ogallá que rectifiquemos a tempo. Máis con toda seguridade isto non acontecerá ata que alguén cunha certa sensibilidade cultural chegue ao concello, para sacarnos do oscurantismo, que xa asumimos moitos coma propio e coma paradigma dunha fluída normalidade.

2 Comments

  1. Ola Antom!
    Grazas polas túas suxestions, ademáis de acertadas, son moi oportunas, polo tema que estamos tocando.Agora non hai espazo para lamentarse polos que puideron facelo mellor e sospeito que polas circunstancias, non puideron, agora o que toca e pedirlle contas aos que tiveron 35 anos para trocar as cousas e non deixaron de mirarse o embigo.
    Un saúdo e grazas pola achega.

  2. Antom Labranha

    É moi interesante a reflexión que fas, e acho acertado a cadro que describes das nosas carencias e miserias culturais.

    Talvez conveña recordar que os gobernos municipais do BNG e PSOE non souberon ou non puideron mudar substancialmente as cousas. Isto ten importancia, máis aló de rivalidades, opcións ou preferencias políticas, pois indicaría a inmensa profundidade do pozo –case seco- cultural no que estamos metidos e, xa que logo, da complexidade dunha alternativa que permita saírmos del.

    Refires, por exemplo, a recuperación do Samain e a deturpación do Santo André. Permíteme uns apuntamentos: a tradición neolítica da noite das ánimas –representadas, como ben sabemos, por unha cabaza tallada na que poñemos unha candea acesa- fóisenos das mans e perdeu o carácter máxico de reencontro coas ánimas dos defuntos –dos nosos defuntos- para se converter nunha festa de disfraces halloweena na súa máis pura expresión.
    Que posibilidade tiñamos de incidir para que a voracidade consumista dos tempos non nos papase como nos papou?

    Perdeu tamén, penso que en boa parte por termos adoptado para o caso unha denominación allea (“Samain”) a simboloxía astral de sinalar o “tempo escuro” –do que regresariamos na Candeloria-: ciclo de morte e resurrección, como tan acertadamente sinalara o prestixioso arqueólogo ortegano Federico Maciñeira, catedrático que foi da Real Academia da Historia, quen rescatou o Santo André de Teixido do folclorismo católico reducionista –ignorancias aldeás, que nos dicían a respecto das crenzas e tradicións-, para entrañalo -cun estatus relevante- na mitoloxía universal que se espalla polo mundo dende o paleolítico medio.
    Que posibilidade temos de incidir para que o materialismo católico non nos acurrale no curruncho escuro da ignorancia?

    Recibe con agarimo estas suxestións.
    Antom Labranha

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off