off
Galiza, Historia, Política — 9 Marzo, 2012 at 12:00 a.m.

O porqué dunha data

by


clase_obreira100311O día 10 deste mes cúmprense 40 anos dos tráxicos sucesos de Ferrol, onde a Policía armada franquista asasinou a tiros a Amador e Daniel, dous traballadores da empresa Bazán (hoxe Navantia) .
Por eses feitos a data do 10 de Marzo quedou constituída como o Día da clase Obreira Galega.
Tódolos anos os traballadores galegos celebran esta efeméride en lembranza daquela loita que comezou na mañá do día 9, ó enterármonos os traballadores da detención e suspensión de soldo e emprego a seis representantes nosos.
Alí mesmo en asemblea decidimos pecharnos na empresa indefinidamente ata que a dirección dese unha solución ás agresións ós nosos compañeiros, e en vez diso o director mandou entrar á policía no recinto , e fumos desaloxados violentamente. Esta violencia foi espallada aquela tarde por todo o Ferrol. Naquelas horas recibindo ordes de Madrid a dirección sacou unha nota onde dicía:
_“ Hasta nuevo aviso se precede al cierre de la Empresa“-.
Ó día seguinte os traballadores non sabíamos do peche da empresa, e ó ir para o traballo e vela pechada, decidimos manifestarnos por Ferrol, ó chegar á entrada da estrada que vai á Ponte das Pías ( no barrio do Pilar ) tivemos outro enfrontamento coa policía que nos estaba esperando. Esta utilizou todo tipo de armamento para intentar dispersármonos,aínda estou agora oíndo o ruído das metralletas. Aí foi onde asasinaron a tiros na cabeza a Daniel e a Amador, ó iren estes a refuxiarse nos portais das casas do Pilar.
Todos estes sucesos vivinos eu en primeira liña, ó ser traballador desta empresa. O que máis lembro daquilo foi a solidariedade e a loita que puxeron os traballadores na defensa dos seus dereitos, e por enriba de todo o moito medo que pasei.
Aproveito dende aquí para facerlle unha homenaxe a todos aqueles compañeiros que participaron nesa loita, en especial a tres que xa non están: Manuel Amor Deus, Xosé María Riobó e Francisco Carreras ( Paco o Negro ), meu mestre e camarada, el foi quen me deu conciencia de clase.

4 Comments

  1. O neto de Lela do Moure

    Gelo, moitas grazas polo artigo e por lembrarte do meu pai e de dous dos seus mellores amigos e camaradas. Saudos dende Alacante. A Luita continúa.

    • Gelo do Moure

      Paquiño, tes que perdoar que non lín o teu ata hoxe, a verdade é que de teu pai lémbrome moi a miudo, non só o 10 de Marzo. Saúdos dende a Vila.

  2. 29 de Marzal, Folga Xeral!

    O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, interveu ao final da manifestación que tivo lugar en Ferrol o 10 de marzo de 2012 para conmemorar o 30 aniversario dos sucesos do 10 de marzo, nos que os sindicalistas Amador Rei e Daniel Niebla foron asasinados pola policía franquista

    http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=MK57_IhBNfo

  3. Debemos aprender deses feitos e desa loita, por que aveciñanse tempos duros.
    A loita e a solidaridade obreira debe de ser o que nos guien.
    Debemosllo a Amador e a Daniel. E mais agora que nunca debemos de estar unidos contra
    esta politica neoliberal que tanto mal esta a facer na nosa Galiza e en particular en Ferrolterra.
    Loita obreira, solidaridade e defensa da nosa Galiza.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off