off
Cultura, Galiza, Literatura, Livros, Poesía — 19 Febreiro, 2012 at 9:56 a.m.

A rosa de Rosalía

by

              Pensar nela coas palabras de Gertrude Stein “A rose is a rose is a rose” . O seu nome é flor. Pensar nela, na poeta nacional, na nosa flor, é mesmo unha tautoloxía, un teimar no principio de identidade que nos diferencia. É lembrarnos a nós mesmos que o que somos é en grande parte unha viaxe que comezou co big-bang de  Cantares e  a constelación Follas Novas: En todo estás e ti es todo. Os galegos cando non sabemos que dicir nin que facer deberíamos pensar nela, é o noso recurso máis valioso porque custodia a palabra do que somos.

A vida dá moitas voltas, mudan o tempos, mais unha rosa é unha rosa. Nos poemas de Rosalía non se evoca un ideal nunca acadado, mais da súa obra abrolla o deber de custodialo e de lembrarllo aos que hoxe teiman en substituir as vellas palabras da tribu con cifras calculadas de poder que todo o reduz a ruinas e que só acaban por mostrar o seu baleiro imperialista, conquistador e destructor: o idioma de Rosalía non cabe en ningunha Cidade da Cultura, en ningún crematorio.

Para qué os poetas en tempos de penuria ? laiábase de saudade o Hölderlin, grande valedor do que perdura. Para deslindar ese tempo de vida estreitamente limitado polas cousas. Deberíamos pensar máis nela, na flor, en  Rosalía de Castro.  Nun mundo en disección e que xa non nos pertence,  no que o idioma desangra e con ele a a demografía e a paisaxe toda, convén devolver ao medio de onde xurdiu coma un trebón a súa voz .

A Asociación de escritores en língua galega ven de propor o 24 de febreiro como día de lectura pública da obra de Rosalía de Castro. Sorprendeume, non contabamos con esta convocatoria imprevisibel agora que andamos noutras cousas máis cínicas e calculadas. No entanto, feita a convocatoria,  un decátase do moito que precisamos  lermos a Rosalía, encetarmos unha nova lectura, devolver ás rúas e prazas as súas palabras coma aves migratorias de regreso.

O 24 penso pensar nela… Rosalía é Rosalía é Rosalía

PD. Feliz emulación do  Sant Jordi   convidarnos a agasallar un libro en galego e unha flor. Os  Produtores de Plantas Vivas e Produtos da Floricultura ficarán moi agradecidos. Os actos confirmados até o momento pódense consultar na pàxina da AELG

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off