off
Ecoloxía, Galiza — 28 Xaneiro, 2012 at 7:35 p.m.

Comunicado: SOS Lagoa da Frouxeira [ADEGA]

by

Información censurada nos medios subvencionados pola Xunta.

 COMUNICADO DE ADEGA SOBRE O BALEIRADO ARTIFICIAL DA LAGOA DA FROUXEIRA

Ante o anuncio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre a inmediata realización dunha obra para baleirar artificialmente a lagoa da Frouxeira, ADEGA quere expresar á opinión pública o seguinte:

1. Que no ano 2009 ADEGA denunciou ante a opinión pública e ante distintas instancias oficiais a deficiente xestión que sofre o humidal Ramsar da Frouxeira (Lagoa e humidal de Valdoviño). En decembro dese ano, a lagoa sufriu un salvaxe baleirado, autorizado e dirixido pola propia Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que supuxo unha gr ave alteración do seu ciclo hidrolóxico, con amplos períodos nos que a lagoa mantívose case sen auga, e outros nos que acadou condicións propias dunha baía. Esta situación, mantida ao longo de 20 meses, pon en evidencia o grave incumprimento por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza das directivas europeas e da lexislación estatal e nacional. Feitos lamentables que mesmo poderían ser constitutivos dun delicto ecolóxico. O propio Consellerio do Medio Rural, actualmente Delegado do Goberno Sr. Juárez, declaraba aos medios de comunicación, no Día dos Humidais de 2010 (2/2/2010), que “se lles fora a man” e prometía que “antes de fin de ano” (de 2010) disporíase dun “plan científico para conservar os humidais, para o que, a Consellería contactou con dous equipos técnicos especializados en simulacións de sistemas hidrolóxicos e hidráulica, para avaliar ás súas propostas ao respecto”.
2. Derivada da situación xerada tras o baleirado da lagoa de 2009, o Parlamento Galego adoptou un acordo, por unanimidade de todos os grupos políticos, que instaba á Xunta de Galiza, a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación do humidal, e non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.
3. Transcorridos máis de dous anos, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza segue ocultando a información técnica que xustificou o baleirado da lagoa do ano 2009, así como os informes botánicos, hidrolóxicos e zoolóxicos, que estarían supostamente finalizados no verán do 2011, como adiantou na prensa o propio Xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña (22/05/2011). Tampouco presentou o plan de conservación, e nen sequera publicou no DOGA o correspondente inicio do procedemento para a súa redacción. Se tantos proxectos e estudos científicos tiña a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por que a veciñanza tivo que verse nesta situación? Por que a lagoa paga esta falta de previsión? Por que un gasto improvisado e inxente de cartos públicos? Cantidade de cartos públicos que, por certo, aínda non se deu a coñecer.
E como se as promesas as levara o vento ou non existiran hemerotecas, o Director Xeral de Conservación da Natureza dí de novo a 24 de xaneiro de 2012 e insultando a intelixencia dos cidadáns “que procederá de xeito inmediato a redactar un Plan de Xestión do Humidal da Frouxeira”.
4. A Xunta de Galiza e a Demarcación de Costas do Estado estiveron case 2 anos de brazos cruzados sen formular e menos aínda executar, medidas para corrixir os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxible e dunha rede de saneamento irracional que como o propio Director Xeral de Conservación da Natureza declara hoxe “fíxose sen ter en conta a dinámica natural da lagoa”, pero esquecendo dicir que foi esa mesma administración a que autorizou ese trazado. A súa incompetencia quedou demostrada unha vez máis, cando foron incapaces de prever a situación que se produciu tras o peche da barreira areenta e a chegada das tormentas, e respostando de forma tardía aos problemas que se xeraron nos accesos ás vivendas lindantes co paseo marítimo.

5. Incapaces de asegurar a protección do humidal da Frouxeira, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza anuncia hoxe a execución inminente dun “dispositivo artificial destinado a abrir unha canle para desaugar parcialmente a lagoa da Frouxeira”. No comunicado da Consellería de Medio Ambiente, non se inclúe ningunha xustificación ambiental da acción, cando, inexplicablemente, a Dirección Xeral ven dicindo nos medios de comunicación que os estudos que teñen “desaconsellan actuar na apertura da canle de desaugue natural”.
Mantendo a mesma política de distracción, os responsables da Dirección Xeral, indican a existencia dun proxecto e duns novos estudos técnicos, pero como é habitual, esta información non se fai pública. Unha vez máis, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, anuncia e pretende executar medidas contrarias aos obxectivos de conservación e á dinámica natural do humidal sen prever as súas repercusións, resucitando modelos de actuación que recordan as improvisacións acontecidas nos humidais galegos tras o afundimento do Prestige e que deixaron moitos deles afectados permanentemente.
6. No colmo do cinismo e da desvergoña, a D. X. de Conservación da Natureza chegou a asegurar diante da opinión pública e da veciñanza afectada que fora “por culpa das denuncias ecoloxistas” ante os organismos internacionais de supervisión polo que tiña as mans amarradas para intervir sobre a lagoa. Que aconteceu agora? E que os ecoloxistas xa lle demos permiso á Xunta para intervir? E se o fan, contan xa co visto bo da oficina Ramsar Internacional e da Comisión Europea?
ADEGA considera que esta nova actuación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza constitúe un grave incumprimento do acordo adoptado polo Parlamento Galego. A falta de previsión e a deixazón da responsabilidade desta Dirección Xeral durante 2 anos transformaron o acordo en papel mollado. O Sr. Borregón interpreta que “esta actuación non entra en contradicción co acordo parlamentario” argumentando que “o que non permitía o parlamento era unha apertura sen control como se fixo no pasado”, facendo unha interpretación do acordo a súa conveniencia. Con declaracións o Sr. Borregón está recoñecendo explicitamente e dándo a razón a ADEGA cando denunciamos que a apertura de 2009 realizouse sen control, curiosamente, cando el tamén era Director Xeral !
ADEGA considera tamén que esta actuación supón unha nova e reiterada vulneración da Directiva Hábitat, producindo un novo incumprimento da Lei 42/2007 e do Decreto de Humidais Protexidos de Galiza, polo que poñeremos os feitos en coñecemento das instrancias competentes
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza fai ademais, en tempos de “austeridade” un mal uso dos cartos públicos propoñendo de xeito improvisado obras de elevado custo para diminuir os efectos da súa neglixencia, cartos que poderían terse aforrado cunha xestión racional do urbanismo e do humidal.
ADEGA considera igualmente, que a actitude reiterada de ocultación de información practicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, constitúe un claro incumprimento da Lei 27/2006, de acceso á información ambiental.
A escasos días de celebrarse o Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), a Xunta de Galiza contribúe a esta celebración executando, a golpe de escavadora e de buldócer, a “xestión” dun dos máis destacados humidais Ramsar do país, a lagoa da Frouxeira. Vaia exemplo!

 

Máis información:

Adega: Lagoa da Frouxeira: incompetencia, desvergoña e burla ao Parlamento Galego por parte da Xunta

A Sociedade Galega de Historia Natural tamén está a advertir que a  FROUXEIRA ASI NON

3 Comments

  1. Fernando Igrexas

    2 de febreiro: ADEGA e o voluntariado coidan dos humidais mentres a Xunta fai política de bulldozer
    de febreiro, DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS. Nesta data en 1971 adoptouse a convención Ramsar sobre os humidais. É un acordo intergobernamental para a acción nacional e a cooperación internacional en pro da conservación e o uso racional dos humidais. Os ecosistemas húmidos son a nosa riqueza natural e grazas a eles recibimos servizos por valor de millóns de euros (de xeito totalmente gratuíto). Os humidais contribúen á nosa saúde e benestar, controlando inundacións e repoñendo os acuíferos. Estabilizan costas e protexen ás cidades e vilas contra as treboadas, reteñen e exportan sedimentos e nutrientes, depuran auga e son grandes reservorios de biodiversidade. No entanto, a Xunta, nas vésperas deste Día Mundial dos Humidais, ofreceu ao mundo un pésimo exemplo de xestión destes sensibles ecosistemas coa desfeita da Frouxeira. Fronte á incompetencia da administración, ti podes colaborar ao coidado dos humidais: ESTE 2 DE FEBREIRO, MÓLLATE POLOS HUMIDAIS CON ADEGA!

    http://adega.info/info/090121joomla/ultimas-novas/679-volvemos-a-mollarnos-polos-humidais

  2. Fernando Igrexas

    VIDEOS ADEGA-Ferrolterra

    EUME: carbonato por un tubo!

    A Natureza deixa en evidencia a incompetencia da Xunta na Frouxeira

    Valdoviño, 30 de xaneiro de 2012. Os recentes feitos acontecidos na lagoa da Frouxeira, que esta mañán desaugábase de xeito “espontáneo” pola acción do océano e dos bulldozers mentres a Xunta teimaba en construir unha canle artificial noutro punto, reflicten perfectamente á actuación da administración neste caso: Improvisación, incompetencia, a chafallada como norma, ocultación de información, falta de respecto polas leis e o Parlamento
    http://adega.info/info/090121joomla/novas-adega-ferrolterra/688-a-natureza-deixa-en-evidencia-a-incompetencia-da-xunta-na-frouxeira

  3. Noxento. Ademais as cousas fanse da mesma maneira sempre, ocultando informacion. ¿ Que intereses se agochan aqui ? O que penso e que coma sempre hai un urbanismo sen controla famosa ´´marbellizacion´´

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off