off
Política — 26 Xaneiro, 2012 at 18:54

Esquecendo a dignidade

por

Alberte Couto

Hai tempo que dende o executivo do señor Feijoo, ás veces dunha maneira encuberta e outras cunha torpeza propia de mentes criminais, tentan enganar ao povo, votantes convencidos e non votantes, que dependen, por desgraza, deste aluado sistema sanitario, cunha serie de actuacións que se opoñen frontalmente ao  recoñecido e sabido por moitos: todos temos dereito a unha asistencia sanitaria pública, independentemente da nosa situación persoal ou laboral. Dende o executivo do  señor Nuñez, coa transferida por méritos impropios señora Farjas, azoute de parados, inmigrantes e colectivos desfavorecidos en xeral, púxose toda a determinación para tentar afundir o Servicio Galego de Saúde da maneira máis traizoeira e desleal vista neses, para eles, impecables 30 anos de democracia; todo encamiñado a facela derivar cara un sistema privado de saúde, cousa que, ao parecer, segue na axenda dos dereitistas e do seu líder supremo, alí, na capital da meseta central.

O primeiro sinal determinante de que nos atopabamos nunha nova era de desprotección social foi a desactivación de máis de 200.000 tarxetas sanitarias, cousa que moitos usuarios descubriron sen previo aviso ao tentar acceder a súa medicación (algúns deles enfermos crónicos, de VIH, etc), ou simplemente ao achegarense a calquera centro de saúde ou hospital,cando descubriron que estaban obrigados a pagar pola devandita consulta, no mellor dos casos.

E cales eran as alternativas das que dispoñían os que se quedaban sen a atención sanitaria?
Pois ou ben incluirse na tarxeta dun familiar ou senón solicitar unha nova como persoas sen recursos, dúas opcións supeditadas a unha trepidante burocracia e á resistencia ante a morte e a enfermidade dos cidadáns que, con toda impotencia, se poñían en mans de funcionarios insensibles e dunha Consellería incompetente na forma e no fondo.

Máis no caso de conquerir a tarxeta de persoa sen recursos había agochada unha pequena trampa: a cobertura era tan só na Galiza, polo que se calquera home ou muller saía fóra dos límites da nosa terra atoparíase coa desagradable sorpresa de ter que pagar tódolos gastos médicos, como engadido a calquera eventualidade propia da condición humana, da sorte, da saúde e, como non, da señora Conselleira.

Outro exemplo foi a desatención a dependentes;no mes de decembro máis do 40%  non recibiran axuda algunha, cousa que non pareceu motivar abondo á Consellería de Sanidade, máis ben todo o contrario, namentras a señora Farjas era elixida “Coruñesa do ano”, sobre todo porque hai que saber ser agradecido a quen prestou leal servizo ao integrismo cavernario dende o concello da Coruña en tempos pretéritos.

Máis non quedou aí a recua de ocorrencias, despropósitos e covardes intencións coas que querían sorprendernos, en moitos casos, con nocturnidade  e altas doses de prepotencia. Algunhas das ideas baralladas por este goberno son;

– Cobrar 10€ pola renovación ou expedición da tarxeta sanitaria en caso de perda.

-O cobro integro de medicamentos ata o importe de 2 €.

– Cobrar receitas ós pensionistas.

– Eliminación das prestacións de próteses, ortoproteses, cadeiras de rodas .

– O cobro polo uso indebido das prestacións sanitarias .

– O cobro polo servizo de transporte non urxente (Diálise, Quimioterapia).

A todo isto hai que engadirlle a política de recortes nos orzamentos, máis de 300 millóns nos derradeiros anos, e a finalización ata 2014 de máis de 2000 empregos e deixadez a hora de contratar a novos profesionais, o que sen dúbida vai repercutir na calidade dos servizos prestados; e como non, o esforzo extra dos traballadores para tentar paliar, na medida do posible, a falla dunha sanidade óptima e axeitada para poboación en xeral.
Como nos afecta na nosa bisbarra todo isto?
Pois en liñas xerais dun xeito moi semellante ó resto do país: eternizándose aínda máis as listaxes de espera (ata 3 anos nalgúns casos), aumentando o número de pacientes atendidos por cada doutor ó  engadirse ós familiares desempregados ás tarxetas de moitas persoas (ata 1700 por doutor  nalgunhas vilas galegas), poñendo en perigo o servizo nocturno de ambulancias co conseguinte risco para os doentes e as emerxencias que precisan deste servizo, etc.

Pola contra, no ano 2012  estimase que aumentarán as partidas dos presupostos destinadas ós concertos con hospitais privados. Semella que a nosa sanidade, aínda un ben colectivo, agoniza pola asfixia a que é sometida pola Xunta da Galiza, delegación periférica dos delirios do novo “rei ilustrado” que gobernará arritmicamente dende a calidez do silenzo e a palabra valeira de contido; isto non lle impide, por certo, facer Funerais de estado en épocas de carestía a Franquistas consagrados, namentras ós demáis se nos esixe sacrificio e contención, contradición en si mesma e camiño sinalado polos que nos queren facer pagar ata que descansemos, se nos deixan, a dous metros baixo terra.

2 Comentarios

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: