off
Galiza, Historia, Política — 22 Xaneiro, 2012 at 10:37 a.m.

Cansounos a todos

by

Fraga e Franco,  as nosas gaiolas, do pior que deron os galegos.  O autoritario  e megalómano que levamos adentro.  Non pode ser a nosa a contemplación distante. Esa ollada que encaixa tan ben co novo estilo de vida, adoita esquecer que existen niveis de compromiso social e de responsabilidade que non se poden enfrentar dende a  distancia  do velliño de “vasta cultura”,  do ministro franquista que impulsou a primeira Lei de Prensa e a rede de paradores do estado español,  do redactor da Constitución española,  nen sequer da de expresidente da Xunta.  Nada diso pode facer esquecer ao burócrata ilustrado asociado coa dictadura franquista e a represión.  “La calle es mía” dixo, velaí soño de quen fixo da necesidade virtude sen deixar de ser o que era, un enimigio terribel da liberdade. Nunca refugou do seu pasado franquista mália ter un paper decisivo durante a dictadura e despois, na transición e  na democràcia. Un legado de autocensura que aínda serpea entre os cronistas que precisan da palabra correcta e da ponderación necrolóxica -a elegancia, fidel arcano de todas as barbaries-  para quen foi implacabel co adversario: Grimau, Ruano, as víctimas do 3 de marzo.

Non podemos entender o noso presente sen  as facetas que representan por unha banda Fraga e Franco, e por outra, Castelao e Alexandre Bóveda. Entre o panexírico e o esquencimento, entre o ser e o non-ser,  entre a serea e o caliz.  Nada se dí, porén, dos esforzos das víctimas do franquismo, que representou Castelao co seu exilio,  por arrumar os seus mortos nun círculo de proximidade aturabel.  En cambio, obrígasenos á ritualización dun dó que nunca quixemos. Alén da praxe relixiosa, a comuna de dó do Obradoiro   escenificou  tamén a restauración simbólica dun legado,  na ollada saudosa  dun vídeo petrificado no Pazo de Raxoi, que nin os seus  identifican. Que coma todo  rito tamén mostra  o que elide,  a brétema da historia,  o cansazo de próprios e de alleos, o silenzo dun tempo terribel e a inmunidade da que  continua a gozar  o finado Manuel Fraga.

A “rehabilitación” democrática de Fraga segue a semellar un contrasentido porque él mesmo non foi quen de se afastar do franquismo.   Nos anos sesenta houbo quen puido decidirse por unha cousa ou por outra, Manuel Fraga  decidiu servir coma ministro de censura. Pertenceu á mesma categoría de homes que provocaron o mal, por iso non podemos condescender con ele mália o apoio que tivo de moitos galegos se desexamos impedir que o mesmo mal volva no futuro.

O seu oportunismo e desmedida ambición ficará reflectido  no Gaiás. E con el, reflectidos tamén todos os galegos.  Deberíamos aprender de todo isto. De quenes defenden actitudes neoconservadoras pechando filas en torno a Fraga  mália non ter condenado o franquismo.  De que  teimen en aferrarse a esa pose. Todo o demáis  é persistir no mesmo cansazo,  na mesma fatiga, no mesmo erro. Núñez Feijoó sábeo ben.


2 Comments

  1. Fernando Igrexas

    Foi a maioría do pobo galego tamén quen botou ó Fraga moi democráticamente e constitucionalemente. Fartos antes e agora do Fraga. Descanse en paz (se a conciencia lle pode aturar todo o mal que fixo) e descansemos todos nós tamén del.

    http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=Sj6RQYZDTJo

  2. Efectivamente isto so e unha cortina para tapar a bretema do pasado que pode afogar con sua verdade a estes galegos de fachada que non de corazon. Hai tantas incongruencias que e noxento pensar que este home tivera anceios de paz e democracia. E non pode telos porque suas mans estan tinguidas da sangue e da dor das persoas que padeceron por culpa do autoritarismo e brutalidade destes persoeiros.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off