off
Cedeira, Galiza, Historia, Política — 15 Xaneiro, 2012 at 11:11 a.m.

Juan de La Vallina, rexedor valente na “Francesada” cedeirense

by

Fernando Igrexas

 
“ Llegad, ya Provincias que valéis Naciones». Estrofa do “Himno de las provincias” das milicias da Guerra de Independencia.
Proezas de Galicia

Napoleón I de Francia ao  non poder vencer aos británicos militarmengte impuxo bloqueo sobre as mercancías inglesas có propósito de arruinar o seu comercio. Portugal era unha das nacións que non se sumou ao bloqueo, razón pola que Napoleón procurou alianza con España para invadir Portugal. Debido á debilidade militar española e trala perda da súa armada na batalla de Trafalgar, asinan o tratado de Fontainebleau, que fixo posíbel a entrada das tropas napoleónicas na península para derrotar a Portugal e bloquear as rutas comerciais dos ingleses. Tras cruzar a fronteira española, Napoleón decide incluir España no seu imperio.
As conspiracións, abdicacións e liortas entre Carlos IV de España e o seu fillo e herdeiro Fernando VII non fixeran senón beneficiar as aspiracións expansionistas de Napoleón Bonaparte.
Gran parte da Familia Real presentouse en Baiona para que Napoleón exercera de arbitro nas súas diferencias, a  resultas que foi el quen quedou coa Coroa de España cedéndolla ó seu irmán José, por aquel entón rei de Nápoles e Sicilia e de súpeto tamén das Españas  e das Indias.

“…así lo comunicaréis a los demás consejos, a los tribunales del reino, jefes de las provincias tanto militares como civiles y eclesiásticas, y a todas las justicias de mis pueblos, a fin de que este último acto de mi soberanía sea notorio a todos en mis dominios de España e Indias, y de que conmováis y concurran a que se lleven a debido efecto las disposiciones de mi caro amigo el emperador Napoleón, dirigidas a conservar la paz, amistad y unión entre Francia y España, evitando desórdenes y movimientos populares, cuyos efectos son siempre el estrago, la desolación de las familias, y la ruina de todos…”.

Dado en Bayona en el palacio imperial llamado del Gobierno a 8 de mayo de 1808. Yo el Rey. Al Gobernador interino de mi consejo de Castilla

Coa situación da parálise borbónica o pobo ponse en loita contra o invasor dirixido por líderes e notables locais. Co levantamento popular do 2 de maio de 1808 en Madrid ponse de manifesto a separación entre o pobo e o goberno instaurado por Napoleón. Coa popular crenza de que o rei  está secuestrado o resentimento contra a presenza militar francesa medra. En ausencia de Fernando VII, as  xuntas séntense “supremas”
e non dubidan en enfrontarse ás institucións do vello orde e ao “Consejo de Castilla” que consideraban “traidor”, non levantara poucas coñas entre as xuntas cando este se auto-concedeu o título de “Majestad”.
A Xunta Xeral do Principado de Asturias proclámase soberana contra o poder central enviando unha embaixada a Inglaterra o 24 de maio decláralle formalmente a guerra a Francia. Á sublevación dos asturianos súmaselle dia 27 a xunta de Cantabria en Santander.
O 30/31 de Maio de 1808 a Xunta Suprema do Reino de Galicia proclámase tamén soberana na Cidade da Coruña . A xunta  actuou nese tempo dunha maneira propia, allea ás ordes de Madrid e con total independencia nas súas decisións,  organizando un exército propio e despregando un importante labor diplomático, os seus embaixadores conseguiron apoio militar e económico de Inglaterra así como o traslado das tropas do Marqués de la Romana dende Dinamarca, ou a liberdade de tódolos presos de guerra españois e galegos recluídos en cárceres inglesas. Esa relación fíxose patente coa chegada do seu embaixador sir Charles Stuart á cidade da Coruña.

A entrada dos franceses no país proboca que o 17 de decembro de 1809 se crease unha nova Xunta Superior de Subsidios de Galicia, nova Xunta sometida xa á Xunta Central. Galicia semella espertar dun sono de séculos coa invasión das tropas e Napoleón Bonaparte, o s guerrilleiros como Cachamuiña causan estragos nas forzas de ocupación. Pero a chegada en retirada das tropas de Sir John Moore dende Portugal, e a derrota fronte ás tropas do mariscal francés Soult na batalla de Elviña, preto da Coruña o 16 de xaneiro de 1809 sobre as tropas británicas de  Sir John Moore remata coa morte do xeneral inglés e o reembarco en retirada das súas tropas con moitas perdas. Campo libre pois para a ocupación de Galiza polas tropas de Napoleón comandadas polo mariscal  Soult, que enviou  presto  a Mermet e Lorge a tomar Ferrol e a Francheschi a Santiago.

Agora é cando entra en escena a Vila de Cedeira na chamada popularmente “Francesada”.
En 1814 xa rematada a a guerra, Don Joseph Cedeira Basanta de Rubiños, comandante de armas do Castelo da Concepción e batería do Sarridal do porto de Cedeira presentaba ao Xuíz ordinario da vila varios documentos para compulsa, previa licencia da máxima autoridade local D. Juan de la Vallina. Nestes documentos conta como xa en 1805 chega comunicado que o “Capitán General de Reino de Galicia” fai saber que a praza vacante de “Jefe del primer trozo de las Milicias Urbanas del Caudillato de Cedeira” foi concedida a D. Joseph Cedeira, tamén nos loa a este cedeirense polo seu bo celo para có coidado do edificio, forte, avanzada e mantemento de garda. Afirmando non ter percibido salario por estar sempre presto ás accións de guerra, como as que libraron en 1809 contra un batallón, batido pola artillaría do fortín ademais doutras que acometeron as tropas francesas.
Nun destes documentos, obra de Fulgencio Manzano, conta como os habitantes de Ortigueira naqueles dias vixiaban tódolos pasos ao non ter a certeza de por onde chegaría o inimigo.
O 16 de Febreiro de 1809 gran número de orteganos agardaban coas armas na man na Ponte Noval, o ruxe ruxe de que se achegaba un destacamento francés medraba na milicia cando recibiron da fortaleza da Concepción un tonel de pólvora para facerr cartuchos. Coa noite tamén chegou o espía de pago que tiñan contratado traendo malas novas, aseguraba que ao saír de Ferrol tamén o facía un destacamento francés de catrocentos homes de infantería e seis oficiais de a cabalo e que viñera todo o camiño próximo a eles ate que na taberna de S. Ramón de Moeche fixeron alto. O espía retornou a gañar o seu xornal e ao amencer do 17 daquel Febreiro cando xa eran moitos os paisanos en alerta na Ponte Noval chegou de volta para confirmar que vira as tropas de Napoleón, entre as brañas escondido comprobou como xa case estaban sobre dos veciños de Cedeira, pouco despois escoitaron o estou rido dos canóns  que petaban con violencia a vendaval da Serra da Capelada.
Os dias 21 e 22 de Febreiro sufriron “saqueos e incendios na vila e inmediacións”. Aconteceulle a Juan López, mordomo da igrexa parroquial de S. María do Mar de Cedeira que temendo que os franceses quixeran roubar as xoias da igrexa  agochounas e procurou fuxir levando tres centos vinte reais “có fin de preservalos”, cando ao chegar á porta da súa casa “abocárono” catro soldados dándolle una gran malleira, despoxándoo da roupa e roubándolle os tres centos vinte reais e as “hebillas e charreteras” de prata. Pouco despois así nese estado foi atopado polo crego Francisco de La Vallina, o mallado Juan López relatoulle que as xoias “atopábanse seguras no mais profundo, có fin de non for collidas polos inimigos”.

No medio da gravidade do momento xurde a figura do rexedor Juan de la Vallina que se distinguiu loitando e parlamentando cós franceses, protexendo á vila e paisanos do “incendio y degüello general”.

De la Vallina xunto a outros xefes e paisanos apostáronse fortificados e armados nun outeiro, as tropas napoleónicas chegaron con ansia de castigalos, pero os da vila de Cedeira fixeron fogo e mataron algúns soldados franceses , a resposta non fixo espera, a superioridade das forzas do inimigo era brutal ocasionándose mortes por ambas partes. Cando xa a dispersión dos paisanos predicía o drama, De la Vallina valéndose da palabra e o valor saíu ó encontro das tropas da  Grande Armée, bandeira de parlamento en man, e capitulou diante dos oficiais de Napoleón para librar a vila dunha carnicería.

Non queda so aí a participación de Juan de La Vallina no aparello e na estratexia da Xunta do reino de Galicia de combate contra o francés, senón que participou nunha operación de mais calado cando as tropas de  Mermet e Lorge se atopaban ao pé das murallas de Ferrol e foi necesario evacuar a un coronel do exercito británico e dous dos seus“condutores”, que o que “conducían” realmente era unha valiosa valixa con correspondencia do goberno británico e a Xunta do Reino de Galicia, Xunta de Asturias e Xunta central ademais de 20.000 ducados. De La Vallina axúdalles a fuxir embarcándoos nun bergantín de Biskaia.

As milicias da Xunta galega realizaron fitos de gran importancia desde entón como foi  a reconquista de Vigo, Pontevedra e Tui que cortaran o enlace con Soult en Portugal. F oi a vitoria dos galegos  na batalla de Ponte Sampaio (paso obrigado a Pontevedra e Vigo) a que impediu o dominio francés sobre o Sureste galego e que sumado a outras circunstancias obrigaron aos Mariscais a a saír de Galiza . O Mariscal Ney faino por Pedrafita e Soult por Valdeorras, no camiño víronse atacados por partidas de guerrilleiros, pero as súas tropas provocaron un verdadeiro regueiro de sangue e pillaxe aló por onde pasaron. Cando por fin se xuntan ambos mariscais se xuntan fican 18.000 dos 53.000 ou 55.000 homes que chegaran en xaneiro de 1809.

Homenaxe Ponte Sampaio

O antigo Reino de Galicia foi o primeiro territorio de Europa que se liberou da Grande Armée do emperador Napoleón Bonaparte. “ A Francesada” foi o principio da fin do emperador Napoleón Bonaparte e que rematou coa súa derrota en Waterloo fronte ao mesmo Wellington que ditou esta proclama pola valentía do Cuarto Exercito:

“Guerreiros do mundo civilizado: Aprendede a selo dos individuos do cuarto exército que teño a dita de mandar. Cada soldado del merece con máis xusto motivo o bastón que empuño. Todos somos testemuñas dun valor descoñecido ata agora; do terror, a morte. A arrogancia e serenidade, de todo dispoñen ao seu antollo. Dúas divisións foron testemuñas deste combate orixinal sen axudarlles en cousa ningunha e isto por disposición miña para que se levasen unha gloria que non ten compañeira. Españois: Dedicádevos a imitar os inimitables galegos, distinguidos sexan ata o fin dos séculos por chegar no seu empeño ata onde nunca ninguén chegou. A Nación española premia o sangue vertido por tantos Cides. Dez e oito mil inimigos cunha numerosa artillaría desapareceron como o fume para que non vos ofendesen xamais”.

Lord Wellington. Cuartel General de Lesaca. 4 de Setembro de 1813.

Mención de Rafael Usero. El Castillo de la Concepción

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off