off
Galiza, Meio ambiente, Política, Politica espanhola — 14 Xaneiro, 2012 at 9:50 a.m.

A costa dos chiringuitos

by
“Nos gustan los chiringuitos” 
Mariano Rajoy
 
 

Arias Cañete ven de anunciar que quere “pór en valor”  o litoral.  O Ministro de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente disque quere “simplificar os trámites mediomabientais” e potenciar o turismo en parques naturais. O noso país é o que menos espazos protexidos ten do estado español, xa que logo o punto de partida  fai máis vulnerable o territorio galego.

Eis a consumación do  rajoiano “nos gustan los chiringuitos”. Que nós saibamos, alén da perversa e traxicómica afirmación de Mariano Rajoy a modificación da Lei de Costas non aparecía no programa electoral do PP. Víase vir:  o PP ven propoñendo hai anos dende a oposición unha moratoria de 30 anos na concesión non confiscatoria de casas construidas antes de 1988.   Preténdese agora mudar a Lei de Costas para que todo siga igual. Alargar as concesións de uso e non frear o investimento, noutras palabras,  facer da crise unha coartada para continuar a facer do territorio un ben funxible,  pronto a ser  usado, unha mercadoria máis, só pode facer máis dolorosa a desfeita.  No canto de ampliar a protección reeducando  á poboación e ás empresas nun outro modo de relación co territorio,  esgrímese que o Ministerio (Galiza ten as mesmas competencias que La Rioja malia dispor de máis de 1000 km de costa) ten un atrapallo de anos en declaracións de impacto ambiental. Porén, nada se dí de millorar os procesos administrativos.

A actual Lei de Costas, en vigor dende 1988,  nunca se aplicou no milleiro  de kilómetros de costa galega. Qué sentido ten todo isto? Xa non quedan espazos virxes e sagrados e quéreselles dar via libre aos especuladores baixo o sacrosanto dictado de captar investimentos a calquera prezo. Cómpre sentido de cidadanía e oporse á liberalización e a expoliación sistemática do territorio con prácticas privadas respectuosas que sirvan de exemplo na nosa contorna e veciñanza. A estas alturas, ninguén pode ignorar a inxente cantidade de casas e urbanizacións baleiras. O territorio non dá para máis.  Estes dias poidemos comprobar a falta de control e responsabilidade de moitas persoas que fixeron a súa casa na Frouxeira,  sen que houber administración, notario ou un banco  que os avisara que estaban a construir  nunha zona lacustre con altor risco de asulagamento. Aviso a navegantes.

3 Comments

  1. Hai anos que se perdeu o sisiño e o sentido común. Non se lles pasou pola cabeza, digo eu, que se os vellos do lugar non fixeran casa nengunha foi por algo. Na ribeira mediterránea acontece o mesmo coas rieras, saídas naturais que escorrentan auga cara o mar cando chove ou aumenta o caudal dos rios , onde se fixeron casas e aparcadoiros.

  2. Manuel Rodriguez Villasuso

    Mais do mesmo. Especulacion, uso dos ben publicos, a costa, en beneficio de uns poucos sen importar a destruccion de ecosistemas.¿ E este o modelo economico que teñen estes señores? ¿ E proteccion da natureza? Nada de nada. Todos temos dereito ao disfrute destes espazos, mais con estes señores non.

  3. Certo que ninguén os avisou de que non era legal, pero que esixen agora?, nos concellos saben que non se poden mollar, nunca mellor dito, a lei non lles outorga competencias aos concellos, máis a xunta coa súa elasticidade a hora de lexislar, so favorece aos poderosos en detrimento do pequeno propietario, que por outra banda, ten que basear as súas construcións, na lei e no sentido común.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off