off
Cedeira, Galiza, Meio ambiente — 27 Decembro, 2011 at 7:18 p.m.

Cedeira espello roto de paisaxe orixinaria

by

Fernando Igrexas

Dun dos símbolos do Nadal pero sen adornos e do que me apetece falar. Da arbore e a súa nobreza ao longo do tempo.

Así o merece este ser que conta coa especie viva con mais idade do planeta, un  pino de bristlecone (Pinus aristata)  chamado  Matusalén e que medra nas Montañas Brancas de California. Algúns científicos sosteñen que a súa idade é de 4.789 anos.

A orixe da vida comeza no océano pero a Era das plantas verdes terrestres abrollou cando estas desenvolveron a raizame, o pe e as follas, cando aprenderon a nutrirse e sobrevivir fora da auga.  A elaboración da flor supuxo a independencia da auga para a súa proliferación . Así é que o primeiro fósil clasificado como planta verde terrestre provén do silúrico, hai catrocentos corenta millóns de anos.

No devónico xorden as plantas leñosas como os felgos e equisetos, de proporcións arbóreas en comparaza cós nosos exemplares actuais. No xurásico xorden algas, ginkos, palmeiras… todas hoxe propias de rexións tropicais. Tódolos restos  atopados fórono tanto en zonas temperadas como polares polo que se supón que o clima era favorábel e uniforme en toda o planeta azul para a súa expansión, tamén neste recuncho que hoxe habitamos.  Xurdiron neste tempo as coníferas, as taxáceas (teixos) e sequoias, aínda hoxe en Norteamérica hai especies de “Sequoiadendron Giganteum”  que superan os oitenta metros de altura e once de diámetro, podendo chegar a vivir ate preto de catro mil anos.

Pero foi no cretácico hai cento corenta millóns de anos cando apareceron as especies modernas como certos referentes de  vexetación propia representativa da nosa zona xeográfica e climática, caso das caducifólias: Carballos, noceiras, pradairos, salgueiros, lamigueiros, entón  de tamaño, envergadura e extensións  desmedidas.

Os ecosistemas do mundo vexetal funcionan como asociacións de comunidades de especies que interrelacionan e fan  amizades ou competencias territoriais. As plantas dispoñen de aparellos sensoriais que lles permiten vivir e morrer en harmonía cós ritmos da natureza, son moi sensíbeis a luz, temperatura ou humidade… é coa estacionalidade do clima cando a vexetación caracteriza o aspecto do entorno dándolle corpo e tonalidade mudante aos días i estacións, provocando en nós sensacións comúns. Ou esa relación emocional tan particular que hai entre as xentes e o seu entorno natural afín, verbo da saudade. Pois foron as xentes as que ao longo do tempo pasaron do nomadismo recolector á sedentarización coa evolución da cultura do agro, coa aprendizaxe da conservación e concentración de excedentes, foron eles quen favoreceron o asentamento   e a evolución do comercio có emprego do enxeño e do coñecemento natural.

As plantas e arbores foron un mundo máxico en tempos sen respostas , Martiño de Dumio (Bispo, teólogo e escritor eclesiástico católico do S.VI), este Apóstolo da Gallaecia sueva procuraba cristianizar “de xeito”, un pobo que según el continuaba a practicar ritos paganos, enténdase “pagano”como fervoroso practicante dunha mestura de espiritualidade precristián influida por outros aportes, naquel tempo polo priscilianismo:

 “Porque acender candeas xunto ás pedras e ás árbores e ás fontes e nas encrucilladas, que outra cousa é senón culto ao demo?…

Observar as vulcanales e as calendas, adornar as mesas, poñer coroas de loureiro,  derramar no fogón sobre a leña alimentos e viño, botar pan na fonte, que outra cousa é senón culto do demo?…

Engaiolar herbas para os maleficios, e invocar os nomes dos demos con feitizos, que outra cousa é senón o culto do demo? E outras moitas cousas que é longo dicilas”…(Correctione rusticorum de Martiño de Dumio).

Os ritos,  obrigas ou o adoutrinamento imposto pola ortodoxia da igrexa tampouco se pode afirmar que fora motor do coñecemento natural ao longo da historia aínda que ás veces a ignorancia oficial tiña as suas ventaxas, así contan que na Inglaterra medieval chegouse a crer  que a barnacla,  “Branta leucopsis”  que é unha pequeno ganso silvestre que cría en altas latitudes e ten na costa occidental de Europa importantes cuarteis de inverno. Ao non as ver aniñar e, pola contra, considerar cada ano a súa súbita aparición á beiras do mar levou a que durante séculos persistira a firme crenza na tradición popular de que as barnaclas eran en realidade individuos adultos de percebes e polo tanto o seu consumo estaba permitido na cuaresma xa que eran consideradas “crustáceos desenrolados” e incluso”peixe”.

Antes da bendita chegada do “Discurso do Método” de Rene Descartes, de  “Philosophía Botánica” de Carl Von Linneo  ou da“Orixe das especies por medio da selección natural”de Charles Robert Darwin” as plantas e as árbores formaban parte dun mundo máxico para un tempo  sen respostas, tempo entón da incerteza en mans do misterio e o medo.

A  ignorancia é a nai da insensatez e debemos ser xenerosos ao interpretar o pasado si pretendemos que o noso tempo sexa interpretado no seu dia tamén con certa comprensión.

Nun pasado perdido na lonxanía do tempo a maxia do propio entorno era o que determinaba o lugar sagrado, templos naturais en forma de fraga ou manancial onde o Carballo era a alma mater do bosque galaico e da espiritualidade dos seus habitantes.

O teixo ten tamén una gran relación con nós esta especie que pode chegar a vivir mais de dous mil anos e común a unha cultura atlántica relacionada coa morte. Case toda árbore contén taxol que é altamente velenoso, aínda que non menos mortal que o que conten calquer adelfa que embelece os xardíns da vila. Hoxe atópase en perigo de extinción.

O loureiro especie antiga e moi espallada tamén, foi venerado xa na Grecia clásica ou na Roma imperial, así os estudantes e atletas recibían una pola de loureiro con lorbagas (laur-bacca) como símbolo de triunfo (bacca-laureatus/bacharelato).

A nogueira ou “Junglans Regia” dinos a súa nomenclatura latina, Jovis (Xúpiter)e Glans (noz) que as noces desta árbore son “froitos dignos de Xúpiter”.

A guindeira provén de Asia menor, a figueira aínda que acompaña ao home en moitos lugares da terra dende o principio da civilización, recebe o nome de “Ficus Carica” do grego Sikon (figo) e Caria (comarca de Asia Menor), así como as vides, as oliveiras ou o buxo proveñen do Mediterráneo.

O castiñeiro ou Castanea Sativa considérase introducido no NW dende o mediterráneo mimetizouse coas caducifolias autóctonas e foi moi valioso tanto pola madeira como polo froito. Castana era vila do distrito grego de Tesalia onde tiña moita tradición o castiñeiro e a castaña, de ahí recolleu o seu nome. Unha introdución de especie mais tardía na ría de Cedeira foi a taraia ou (Tamaris Gallica/Africana) do hebreo Tamaris (Vasoira) hoxe naturalizada nas dunas da Praia da Magdalena ou “Marauzóns”,orixinaria do norte de Africa e introducida inicialmente por navegantes galos en Francia para conter as dunas das praias.

Cedeira aínda que conserva antigos topónimos referentes a especies vexetais orixinarias que destacaban o entorno: Piñeiro, Montoxo, Reboredo, Teixido, Figueirido… deixou fai tempo de preservar a súa tradición forestal e fruticultora de foresta e froita diríamos orixinaria.

En toda época a chegada de novas sementes doutras terras fora ben recibida, así o foi a castaña o maínzo ou a pataca,mais tamén os “carrizos da Pampa” que adornan xardíns e medianas das autoestradas e hoxe son auténticas invasoras ou as robinias espiñosas e as acacias chamadas “mimosas” que colonizan lugares impensábeis, caso de toda a cidade de Ourense e arredores.

 Así é que hoxe en dia a árbore mais salientábel da Cedeira actual, a ollos vista está, é o eucalipto, pero sería un erro falar del como individuo sen citar a forma invasiva e transformadora da paisaxe nas comarcas galegas do litoral polo peculiar sistema de produción intensiva en fileiras militarizadas de especies manipuladas xeneticamente e cuxa proliferación invasiva leva un proceso de sustitución da diversidade da vexetación orixinal empobrecendo progresivamente o terreo posto que o “alcolitro”  precisa en moi pouco tempo unha enorme cantidade de volume de  auga para crear tremendas cantidades de biomasa e por si xa fora pouco utiliza neste proceso de explotación forestal  un agresivo  método de corta a “matarrasa” .

Non hai mais que ollar entre a espesura cando a folla das caducifolias amosan o inicio ou o remate do ciclo anual e a tonalidade das follas case se adiviñan entre moreas de barandas de eucaliptos, reclamando o chan dos seus antergos e a mesma luz que hoxe lle é negada, luz da que  se alimentaron dende a noite dos tempos… É nesta detida ollada cando mais nítida se manifesta a esquizofrenia forestal que estamos a  padecer.

Propiciado por intereses alleos ao equilibrio natural do noso monte primouse a proliferación dunha especie foránea que destrozou o espello  tradicional de paisaxe caducifolia orixinaria por outra paisaxe de árbore única perenne xeneticamente manipulada ou de “medre rápido” e carácter invasor como é “este” eucalipto fronte a outras especies de tradición e nobreza milenaria como os carballos e castiñeiros de esquencidos soutos e oníricas fragas xa perdidas da ollada do imaxinario popular.

O escaso interese por promover e contextualizar as especies forestais orixinarias dentro dunhas razoables prácticas de estudo, conservación e utilidade dentro do ordenamento territorial está levando á desaparición de moitas especies propias do lugar que hoxe habitamos. Por desgraza o coñecemento científico moitas veces vive preso dos intereses dos monopolios, aplicando este de costas e a costa da sustentabilidade do equilibrio evolutivo do entorno natural, e que debería ten na tradición o seu principio fundamental.

Sempre debemos ollar con mente aberta e lembrar con capacidade de asombro quen foron os  primeiros seres vivos que saíron dos lagos e os mares, do planeta Auga para colonizar o planeta Terra, reinventándose en plantas superiores, extendéndose e diversificándose en mais de duascentas cincuenta mil especies nas formas mais perfectas de simbiose de un ser vivo coa biosfera. Nutríndose de luz que transforma en  osíxeno, biodegradando os seus restos e colaborando na eliminación dos nosos mais miserábeis e interrelacionando con nós e outros seres vivos, trocando nutricios froitos por apoios a prol do  proliferación da súa semente.

 

Foi a Cultura do Agro parte na evolución de mulleres e homes dende a longa, longa noite de pedra até os tecnolóxicos e vertixinosos tempos do homo videns actual, pois só esquecendo a fame se pode pensar en cousas mais elevadas. Pero non é menos certo que namentres intereses alleos á natura primen, a vexetación orixinaria seguirá a perder activos.

Ollando un pouco, podemos afirmar que xa formamos parte da  maior horta de barandas de eucaliptos de Europa.

“Unha árbore ten raíces no chan e ramas que rozan o ceo lembrándonos que para prosperar temos que saber de onde vimos. “

Wangari Maathai

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off