off
Galiza, Normalización lingüística — 19 Decembro, 2011 at 5:54 p.m.

Queredes Galego?

by

Fernando Igrexas

Este sábado acudín á chamada da plataforma queremos galego organización da que son membro ademais de exercer a responsabilidade de coordinador da Mesa pola normalización lingüística na zona do Ortegal.
Interviron  no acto final a escritora Teresa Moure, o actor Luís Iglesia, coñecido polo seu papel de Carmelo Matalobos e o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón.
A TVG e a Radio Galega nin tan sequera cubriron o acto.
A plataforma Queremos Galego realizou en Santiago de Compostela unha mobilización reclamando o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación pola súa caza de bruxas contra un libro de texto por dicir que “o galego é a lingua propia de Galiza”, citando para iso de forma literal o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía.
O portavoz da plataforma, Carlos Callón, recordou que “esa afirmación é unha verdade innegábel, tanto dun punto de vista obxectivo, como curricular ou mesmo xurídico: a lingua propia de Galiza é o galego, aínda que haxa dúas linguas oficiais”. O tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística recorda que “se este manual escolar di na páxina 57 que o galego é o idioma propio de Galiza, xa na páxina 56 sinala explicitamente que O castelán é a lingua oficial de España, polo que a pretensión de censuralo se torna aínda máis vergoñosa”.


Máis de 2.000 persoas responderon á chamada de Queremos Galego e reclamaron o cesamento do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación “pola súa caza de bruxas contra a nosa lingua e contra a nosa cultura”. O acto estivo arroupado por rostros coñecidos como Carlos Blanco, Miguel de Lira, Isabel Risco, O Carrabouxo, Pepe Penabade, Roberto Sobrado, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marga Romero, Roi Casal, os compoñentes de Zurrumalla, Luís Iglesia (coñecido polo seu papel de Carmelo Matalobos) e Teresa Moure; estes dous últimos foron os encargados de leren o manifesto final.
O acto finalizou co canto de tres cancións por parte de toda a xente mobilizada, cos títulos “Miren señores que historia”, “Ergámonos” e “Derrogas Albertiño”, onde se apela de forma irónica aos ataques que está a padecer o idioma galego desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo.
Queremos Galego defende o idioma na rede ou na rúa e no se adica a facer filosofía  na cafetería, do que “eu faría”. Queremos Galego una vez mais advirte que xa se cruzaron demasiadas liñas vermellas nesta caza de bruxas contra o noso idioma.  Prometemos un 2012 moi quente!.

Escolla de ligazóns:

http://www.youtube.com/watch?v=PQB9Kimwh18&feature=related

http://www.youtube.com/watch?v=DNm8KkiNYfI&feature=player_embedded

http://www.youtube.com/watch?v=EDzEOLfQtVs

http://www.carloscallon.com/2011/12/ergamonos-pois-queren-liquidala-se-nosa.html

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off