off
Cedeira — 12 Decembro, 2011 at 6:09 p.m.

Vinte quilos de pintura: un heliporto

by

Fernando Igrexas

Din que nesta parte da Galiza mais noroeste nada existe si non é publicado na Voz de Galicia, incluso a ilusión pode facerse realidade nas súas columnas, ilusión por omisión ou ilusión por difusión da confusión pagada con fondos públicos.


Aconteceu que un dia das letras no que os galegos faciamos honra da poetisa María Mariño,  achegueime á librería “La Paz” a mercar imprensa, por aquel entón entre outros xornais mercaba tamén La Voz de Galicia que naquela ocasión aportaba un CD sobre a homenaxeada . Cando xa sentado na casa coa miña cunca de café quente, mais que atopar, topeime cós artigos de opinión, non podía crer o que estaba lendo, pouco mais que poñían podre o feito de celebrar tal considerada data, ou incidindo nunha suposta falta de saúde mental da escritora galega Maria Mariño entre outras barbaridades varias. O de sempre!, pensaba eu, que Voz de Galicia nin rabo de ghaita?, eructo, só eructo!… estes cavernícolas a cuestionar todo aquelo que leve prestixiar a cultura e a identidade galega, así as gastan estes descendentes mentais dos absolutistas do século das luces contrarios á ilustración, metamorfoseados agora en seareiros da comenencia do liberalismo con patente de corso para o azoute da esquerda nacionalista.

Pero vai un tempo que as cousas van mellorando un pouco, xa non teño aqueles arrebatos de xenreira que me provocaban aqueles despropósitos impresos, xa non… deixei de mércalo por aquel entón. Tamén grazas á chegada de Feij009 , (por certo Feij009 venche a ser o mesmo Feijoo que gobernaba con Frag004, Fraga003, Fraga002, e un  longo etc…) pois foi certo tamén que dende pouco despois da segunda aterraxe na Xunta  do noso austero e armónico redentor, agora aforro ate en imprensa escrita en galego pois deixou de existir dende pouco despois da súa “envestidura”.

 

E por aquilo da bendita “austeridade” e o cristiano aforro, disque tamén venderon as aeronaves de salvamento propiedade de tódolos galegos. O  Pesca 1 (con base en Vigo) e o Pesca 2 (con base en Celeiro), foron cedidos á unión temporal de empresas (UTE) formada por Inaer Helicópteros Off Shore e Hispacopter baixo unha “reformulación” do contrato de mantemento e manexo das aeronaves.  Así foi que o executivo galego aprobou a finais da pasada primavera unha operación de finalización de contrato entón vixente entre Inaer e a Xunta, pola que a empresa prestaba este servizo por 7,5 millóns de euros ao año. A fórmula pactada polo Goberno autonómico e a UTE considera que as empresas sigan realizando as labores de rescate “en exclusiva” para a Consellería do Mar nas mesmas condicións que daquela e durante os seguintes cinco anos. Pasado ese tempo os helicópteros pasarán a ser propiedade de Inaer e Hispacopter a cambio dunha rebaixa na prestación do servizo de perto de 2,7 millóns de euros anuais. En cinco anos, din  “os da Xunta”, aforrarían 13,5 millóns e en adíante tería que renegociar o prezo das labores de rescate cós novos propietarios dos Pesca.  O importe total deste contrato mixto é de 37,5 millóns de euros por cinco anos. As aeronaves foron vendidas deste “xeito” por 12 millóns de euros, taxados disque por un perito independente en 5´8 millóns de euros por aparello.

Baixo a premisa da bendita austeridade e da mellora  en axilidade i eficacia privatizouse o salvamento marítimo galego e aquelas naves de propiedade pública que con tanta pomposidade e propaganda foran  adquiridas en 2005 en  Connecticut (USA) por Enrique López Veiga, conselleiro de pesca da Xunta de Fraga , claro que hai que recordar que a propaganda pagada con fondos públicos polo mesmo Partido Popular que agora goberna, entón consideraba que os dou helicópteros “en propiedade”da Xunta mellorarían a calidade do servizo, pode ser que derivado de moitos anos de demanda e reclamación dos sectores relacionados cós profesionais do mar.

Agora o tan demandado servizo público de salvamento marítimo galego  pasou a estar supeditado ás decisións duhna empresa privada, o  que foi un negocio redondo para a empresa e un mal negocio para os galegos, pois ambas aeronaves que entraron en servizo en 2005 vendéronse xusto pola metade do que costaron e nin sequera con pago efectivo senón en forma de descontos anuais de 2,7 millóns de euros.

Non existe tal aforro pois neste agasallo senón perda de patrimonio e precarización dun servizo imprescindíbel.

Así é que recentemente o sindicato de pilotos SEPLA denunciou que o INAER programa aos seus comandantes de helicópteros de servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia mais horas das permitidas pola lei, chegando nalgúns casos a a sobrepasar en 2.500 horas..

http://www.sepla.es/website/seplacms/index2.php?option=com_content&do_pdf=1&id=9154

 

Pois tendo coñecemento de todos este feitos, hoxe dia de Domingo tentoume o demo volver a abrir una desas follas de chuchar carto público que en tantos lugares se atopa, como para dar fuxido do seu influxo, e fun dar cunha nova do meu concello que dicía:

 

“ Portos ten operativo en Cedeira un dos seis heliportos de urxencias diúrnas . Estas instalacións conformarán unha rede ao longo de toda a costa galega que permitirá reducir as actuais sombras de cobertura de navegación aérea, producidas pola falta de infraestruturas a través dá creación de bases supletorias para os helicópteros dentro dás zonas portuarias”.
Fun ao porto, e alabado sexa o santísimo! o heliporto de tanta imprensa e longo titular era no mesmo lugar onde tiñan aterrado tantas veces estes aparellos no peirao novo de Cedeira, só que desta volta tiña pintada de branco un gran H circunscrita nun círculo e que xa vai un tempo deixou de ser nova.

O tal heliporto eran uns vinte quilos de pintura branca no chan…

 

5 Comments

  1. Fernando Igrexas

    Obrigados Carolinalaya, Pasaremos…

  2. Noraboa polo blog!

    pasa polo meu se queres http://carolinalaya.wordpress.com/

  3. Fernando Igrexas

    Sonche moito!. Por iso veñen estes arrebatos como as nauseas de Celso Emilio feitas verso. http://www.youtube.com/watch?v=GcL14IefQVs&feature=related
    Levamos un longo tempo de silencio moi parecido á estupidez”

  4. Ahh, pero era a H de Heliporto?, pensei que era un deses actos bandálicos que hai en Cedeira ou algo como, “pedro y” loli, se casan, que desilusión!
    Se Bansky pasara pola vila…

    • Belén do Corona

      Ben, Bansky machucaría os miolos pensando un nome ( masculino ou feminino, non quero eu malos rollos) qu comezara por H. Aaaaiii a miña viliña sería recordada porque alguén coma Bansky?? pensou nun nome que empezara con H.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off