off
Normalización lingüística — 10 Decembro, 2011 at 11:17 a.m.

A Xunta distribuíu un programa que, desde maio de 2010, impide usar o galego no ámbito da xustiza

by

A Mesa pola Normalización Lingüística

 

 En declaracións aos medios, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta xustificou o dia 6 a existencia de trabas para usar o idioma galego na Administración de Xustiza e considerou que non pagaba a pena “darlle máis voltas” ao feito de que un cidadán tivese que agardar unha mañá para ter a transcrición da súa declaración en galego, mentres que en castelán sería un procedemento automático. Ademais, mentiu ao declarar que “un traballador da Administración xudicial non ten obriga de saber escribir ou falar en galego”.

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=BKEt-yyLF84&w=460&h=315]

Desde A Mesa recórdase que, segundo a lexislación vixente, é certo que non existe o requisito de coñecemento de galego para ser xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, mais si para o persoal administrativo, que ten que garantir, por lei, a atención oral ou escrita tanto en castelán como en galego, “e non só en castelán”, subliña Callón. Para o presidente da Mesa, “é sintomático que quen en teoría debería promover a nosa lingua desde a Xunta xustifique a súa proscrición e lance á sociedade a mensaxe de que é normal que as persoas que queremos vivir en galego teñamos un tratamento de segunda”.

Carlos Callón animou a Anxo Lorenzo a que “minta menos e teña algo máis de vergoña” e lembroulle que a primeira responsábel da discriminación do galego na Xustiza é a propia Xunta. “O goberno de Núñez Feijóo distribuíu en maio de 2010 un programa informático que impide usar o galego no ámbito da Xustiza e non fixo nada para que o noso idioma teña o papel que lle corresponde tanto na atención oral como en formularios, sinalizacións, etc.”, denuncia o presidente da Mesa.

A maior asociación cultural de Galiza lembra que as galegas e os galegos temos recoñecidos por lei, entre outros, os seguintes dereitos na Administración de Xustiza:

a) Podemos utilizar o galego oralmente e por escrito nos xulgados e tribunais situados en Galiza, sen ningún tipo de obstáculo nin demora.

b) Todo o que digamos diante dun tribunal en Galiza débese facer constar na nosa lingua.

c) Toda a documentación que entreguemos en galego é perfectamente válida e non nos poden solicitar tradución.

d) Todo o procedemento deberá tramitarse e informársenos en galego se así o solicitamos.

e) A atención oral das traballadoras e traballadores da Administración xudicial deberá ser connosco en galego se así o solicitamos.

A Mesa constata que “existe unha distancia enorme entre o que nos recoñecen as leis e a realidade discriminatoria que padecemos”, polo que insta tanto ao Ministerio de Xustiza como á Xunta de Galiza a que “adopten as medidas necesarias para que o galego sexa verdadeiramente oficial nos xulgados e tribunais de Galiza”.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off