off
Cedeira, Política — 30 Novembro, 2011 at 7:35 p.m.

A deriva do asfalto

by


Que o goberno municipal de Cedeira veña de aprobar o  Plan de Obras e Servizos para 2012 (240.000 euros,  dos que  100.000 hanse adicar a despesa corrente e  140.000 a investimento) non sería notícia, alén do san oficio de informar da acción de goberno, se non fora porque a metade vai para “pavimento” do paseo marítimo e a millora de pistas rurais. Noutro post reflexionamos sobre o que para nós é unha “terapia” equivocada. Tamén non imos reparar no estilo  de Diario de Ferrol  no que se di que o PSG-Psoe se abstivo diante desta proposta, sobre a cal, os outros, o resto da oposición, inexplicablemente, non existe.  Vergara (PsG-Psoe)  propón que parte do financiamento se deberia adicar á creación do niño de empresas (sería bo que concretara a idea xa que a considera prioritaria). Até aquí  o que sabemos.

Preocúpanos que o goberno local teime en reproducir os erros dos derradeiros 20 anos: asfalto e pistas. Responden a un modelo territorial e viario obsoleto que apostou pola expansión e invasión urbanística da costa e do rural para posibilitar novos crecementos, favorecendo descaradamente a especulación  e o mal uso do transporte privado. As zonas inzadas de pistas, o largo das estradas ( o paseo marítimo non é máis do que unha estrada  peatonal por riba das dunas que agora seica hai que reasfaltar), o tipo de obras, non tiveron en conta o feito de atoparse dentro dunha contorna rural e mesmo en espazos naturais.  O impacto paisaxístico escachou o caracter rural de moitos sítios de interese. Os proxectos implicaron expropiacións, malbaramento de propiedades rústicas, reducción de actividades agrícolas, debalo do comercio local ,  perda irreparabel das tipoloxías constructivas, destrucción de unha grande cantidade de elementos arquitectónicos que forman parte da nosa paisaxe e patrimonio e que son un valor e atractivo turístico en debalo permanente. En definitiva, pérdida de calidade de vida e cambios espectaculares nas zonas rurais e costeiras, nas parroquias  e barrios afectados.

Superado medio ano do mandato, é evidente que o goberno dos Rubido Ramonde non fai caso do diagnóstico que mesmo veñen  de recoñecer os gurús do neoliberalismo, senón que teima en equivocarse coa terapia. Á falla total de debate súmanse as “reglas” do xogo político de sempre, só que baixo un discurso progresista que precisaría xustamente da abolición desas “reglas” para concretarse. A práctica da roda de moer. É natural, xa que se trata da expresión formal da ausencia de plans de medio e longo prazo, dun programa de goberno que teña en conta a realidade local, nacional, estatal e europea. Para cando un Plano de Desenvolvimento Sustentabel? Para cando unha acción de reflicta que a crise financieira pode ser unha oportunidade para mudar o modelo de crecimento baseado na construcción e no asfalto? Hai que investir ben e non de calquera xeito, e compre facelo reunindo o máximo consenso xa que nos afecta a todos.  O goberno local está a pór a prova a “confianza”, sobre todo se esa “confianza” se alicerza en intereses concretos, como acontece co grupiño de empresarios “viciños” ao goberno. Logo de ano e medio de cambio de goberno tamén a oposición está a poñer a prova a “confianza” da esquerda.

Non é verdade que a reparación do paseo marítimo sexa un suporte á creación de actividade produtiva nen ao fomento de turismo exixente. Por exemplo, o próprio paseo marítimo e a totalidade do casco urbano supuxeron un impacto ambiental, urbanístico e territorial moi grave  que  está a  provocar o efecto contrario,  que moitos potenciais visitantes rexeiten tanto muro e tanto asfalto, tanto coche e tanta casa.

O acondicionamento de pistas sirveu a un modelo clientelar de obtención de votos e ao destrozo da paisaxe rural, onde serventías forestais e pistas secundarias pasan a ser “estradas”. Non se trata de volver ás covas, senón facer unha revisión crítica  do modelo.  Pensouse, por exemplo, en introduir na economía local os costos reais dos recursos naturais, defender os espazos naturais e conservar a biodiversidade a modo de política de captación de un novo turismo, máis perdurabel e respetuoso?

O que desde aquí reivindicamos é  que este modelo de crecimento, que sirveu para desbaldar potentes axudas e subvencións e nutrir unha enorme burbulla inmobiliaria que se retroalimentou a expensas do medio ambiente, non  debería ser promovida  nin sequer de forma simbólica.  Co paseo marítimo liberouse para a construción terreos lucrativos que deberían formar parte dun outro modelo urbanístico. Mais ese “escaparate” non pode absorver toda a capacidade da administración para xerar actividade  produtiva.

As estradas son eixos vertebradores do territorio e sirven á atracción de actividade, na escolla de residencia e ao desenvolvimento do transporte público.  Son condición necesaria, ainda que non suficiente.  Unha condición necesaria por veces esquecida é que non podemos continuar a destinar cartos no mantenimento ou na creación de estradas e pistas sen antes definir que modelo territorial queremos. O actual é insustentabel. En tempos de crise, este concello ten outras prioridades e poden ser paliadas explorando novos xacementos de ocupación con valor engadido:   por exemplo, o tratamento de residuos ou de biomasa poden xerar actividade económica.  Todo o anterior non debería sorprender, compre deixar o asfalto  no canto de perpetuar o modelo. Hai paises do mundo  con vilas e concellos coma Cedeira onde ésta economía é unha realidade, e non lles vai mal.

Se aposición opta pola a mudez e non é quen de artellar un plano direccionado a defrontar a crise con accións sustentabeis e progresistas, os olláparos imos estar a espreita enxergando e explorando ideas que enchan ese baleiro. A oposición debe facer posible o que o goberno local nega. Non só informar  a actividade plenária senón a formulación de propostas. Está ben falar a través do Diario de Ferrol ou de La Voz para a galería, aproveitando que xa o fai o goberno local (cousa que ben  poden facer o Psoe e o PP),  o BNG terá que procurar vieiros de comunicación horizontal xa que  deses medios non vai ter pan nen auga. Logo dos últimos anos hai moito que rectificar e acho que os incondicionais  cidadáns ben merecen un esforzo de creatividade e de forza  para encetar un vieiro de reconstrución. Ademáis, hai unha responsabilidade adquirida cos cedeireses  que non pode obviar o compromiso de informar do traballo de oposición e das alternativas á axenda do goberno local do PP. Que a deriva do asfalto do goberno local non sexa tamén premonición da deriva da oposición. Sen renunciar ao seu criterio e independencia crítica, Olláparo está aberto a ser esa canle de información  : ollaparo.revista@gmail.com

2 Comments

  1. Sen dúbida, María Filipa. Mais acontece que o raposo que sabe onde está o poleiro tamén sabe onde está o cazador. O veciño que le o Diario de Ferrol e La Voz debería recibir toda a información, a de goberno, e a de toda a oposición. Por iso son medios de información profesionais que reciben subvencións, cousa que o cidadán debería ter en conta cando escole, le e contrasta. Olláparo non é nada diso, nen quere, nen o foi nunca, nen pode. Non é o seu horizonte. Como sabes, sería moi recomendabel para unha boa práctica periodística contrastar todo esa información oficial con datos e outras fontes, como por exemplo, especialistas, cidadáns de a pé, etc.. Os xornalistas profesionais, menos que mileuristas, fornecen en moitos casos a información tal e como lles chega dos gabinetes de prensa, cando os hai (que non é o caso), directamente dos voceiros de cada formación ou de San Google, sen provocar o máis que necesario debate sobre as decisicións e as politicas que se están a implementar. Sirven de voceiros de quen máis ordena (ver listaxe de subvencións).Dito isto, os informadores informais ou non profesionais achegan apenas a reflexión sobre a información dispoñibel, arríscanse, expóñense dúbidas o máis documentadas posibel e téntase activar a conciencia crítica daquilo que ven chamándose a sociedade civil. A democracia todos os días, iso é o que reivindicamos, a recuperación da dignidade cidadán e o servizo á comunidade, á xustiza social, á soberanía do pobo galego e ás liberdades.Dende o noso punto de vista non é xornalismo se non se fai así, como non é medicina curar só a quen máis cartos ten. Olláparo tenta ser iso e non apenas un taboleiro onde pendurar as actas dos plenos ( cousa que debería corresponder á própria administración pública), sen renunciar, porén, a unha liña inequívocamente nacionalista de esquerdas. Compromiso con uns valores e non con siglas ou un determinado órgano de poder. Máis unha cousa: ofrece espazos debate coma éste no que se poden achegar opinións, mesmo baixo un seudónimo, como ti fas. Dase voz a quen non o ten nos medios ou quen o ten vedado. Ese é o horizonte afirmativo no que nos movemos. Serán ben vidas todas as versións se se defenden con cara e ollos.

  2. Ben que o BNG publicite no Olláparo, pois cada lector é dono de valorar por si propio o que quer que digan e desta maneira temos oportunidade de coñecer a súa versión das cousas do concello, que son as cousas de tod@s.
    Tamén poderían facelo o PSOE e o PP, non si?
    Penso que se podía estender a outras formacións políticas con actividade en Cedeira.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off