off
Galiza, Política, Politica espanhola — 21 Novembro, 2011 at 9:09 a.m.

Carta aberta para despóis das eleccións

by


E Galicia falou: somos neoliberais, somos o mundo ! Confírmase a resignación: cómpren as solucións da dereita neoliberal para sair da crise. Eis a acaida e correcta interpretación do mundo segundo a lenda neoliberal: máis bisturí, máis austeridade, menos investimento público, menos educación e sanidade pública e, se cadrar, máis desregulación e máis privatizacións,  … É tempo de adorar a un deus escuro (Walter Benjamin chamáballe relixión  baseada na débeda face un deus implacabel), de  submisión incondicional ao capital financieiro, ao sistema neoliberal,…  e a sacrosanta unidade dos “hombres y tierras de España”. Mais tamén se abriron espazos de disidencia.

No estado español o sistema de partidos non é homoxéneo, mais este 21 de novembro España parécese a Galicia. O monopartidismo é mesmo escandaloso.  Mália a crise , o padrón de conducta non muda respeito aos gloriosos tempos do fraguismo. Se en Europa os partidos de goberno están a ser castigados, aquí o PP medra catro escanos, corroborando así  a  percepción do elector medio sobre o caracter  subsidiario da gobernanza autonómica. Non houbo cambio de tendencia porque callou a idea de que todos os males do país viñan do Leviatán-Zapatero, é dicir, continúase a votar en clave española e non en clave soberana que asegure a representatividade do país nas Cortes españolas alén da lóxica do bipartidismo. Cedeira mostra ben ese padrón de conducta electoral que é o de toda Galicia, se ben en Lugo e Ourense as cotas do PP son pura pornografía . Mália a resistencia do BNG (mesmo perdendo 29.000 votantes, pasa de 212.543 a 183.279),  a desfeita sen reservas do PSG-PSOE  non agoira bos tempos para a reedición dun goberno progresista en clave galeguista. E menos con estes bimbios, hai que mudar de cesto.  Ao nacionalismo cómprelle un cambio  urxente de  liderado e de capacidades se quere alimentarse da severa desfeita do PSOE e da máis que probabel acelerada erosión do PP se aplica o seu programa neoliberal agora que ten hexemonía (ollo ao adianto de eleccións). Reaparece IU, que arrepaña parte dos votos do PSG-PSOE, xa veremos.

Qué facer? “Non vai haber milagres”, apurou a dicir Rajoy. Os mercados abriron á baixa e medrou a prima de risco. Ah, o cálculo de expectativas! Rajoy deberá aprender alemán con entusiasmo (dín que é máis dificil que as línguas románicas coma o galego que non foi quen de aprender) e Feijoo , comprobado que a clientela interior sigue fidel ao mandado mesmo sabendo que non hai caixa para tanta fegresía, debería ter presente que crebado o imaxinario feliz de quen se percebía coma “clase media”,  as novas disparidades agromarán das zonas suburbanas e nas cidades, aquí e non no rural hanse facer máis visibeis os efectos da polarización social e do déficit social que arrastramos.  O inverno vai ser duro. Se o PP teima en destruir emprego público e en reducir investimento municipal e social, onde hai sector privado que xere novos postos de traballo ou quen cubra o déficit de servizos asistenciais e sociais ? Cómo se vai xerar demanda? Cómo vai xerar emprego agora logo de anos de destrucción de sectores estratexicos?  Isto non se amaña con sopas de cabalo cansado. O PP ven de apañar moitos votos non ideolóxicos que agardan pola “variña máxica”, que acontecerá se non arranxa a crise de xeito inmmediato? Alén dos mercados, onde é que van as responsabilidades?Acabáronse as coartadas.

Galiza precisa o porto-refuxio do BNG,  por iso non se pode adiar máis o evidente. Si, dá envexa ver  como a enxurrada do Partido Popular atopou a única contención en dúas nacións, Cataluña e Euscadi, que volveron amosar a dignidade de quen quere avanzar na súa soberanía política.

Galicia é nación, mais non quere selo. Prefire a eterna adolescencia. Non desalenten, a xente que está de bon humor dura máis tempo para poder velo. Non sei ben o qué ( nin sequer son economista). E sempre nos quedará o Brasil.

One Comment

  1. Estou de acordo co autor do escrito, votamos en clave estatal e non queremos ser nación, pero eu si creo que pode haber “milagre”. Os recortes aos traballadores públicos son máis ben unha cuestión de imaxe que non creo que teña moita trascendencia económica, pero a perda de dereitos dos traballadores -dereitos que pensabamos consolidados- e a falta de intervención do estado no mercado laboral pode facer que consigan crear emprego. Xa sabemos, hai que facer un esforzo para amañar a situación…, e xa sabemos quen o vai facer. Como dixo Artur Mas, nada voltará a ser coma antes.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off